24 de jan de 2013

Best sellers

-->
Teño insistido moito en que este non é exactamente un blogue. Porén, de cando en vez senta ben escribir un post como se o fose. É o caso do que segue.






















Chego, através do web Letra en Obras, a un artigo do novelista Pedro Feijoo en Galicia 21 (aquí) no que, a partir da súa novela Os fillos do mar, reflexiona sobre a necesidade de que se escriban best sellers en galego. O debate sobre os best sellers é un fantasma que regresa cada certo tempo ás nosas letras e supoño que a todas. Non é que eu vaia agora responderlle a Pedro Feijoo ou cousa parecida, digamos que apenas utilizo o seu artigo como lanzadeira para dicir un par de cousas que xa quería dicir de antes. Tampouco lin Os fillos do mar nin teño a posibilidade de facelo nos próximos meses, probabelmente sexa unha boa novela, vamos, que non van por aí os meus tiros. Por outra banda en Letra en Obras (aquí) comezou un pequeno debate sobre isto (no que, polo que vou lendo, o usuario chamado “Vidal” emite opinións próximas ao que vou dicir eu). Se eu veño escribir aquí no canto de participar no debate é porque non me sinto moi a gusto discutindo no medio electrónico e mais por esa perla da sabedoría popular que di algo como que onde mellor se caga é na casa, con perdón.

Un best seller é un libro que foi moi vendido ou un libro que se considera que ten determinadas características que, talvez, farán que se venda moito? Definir isto é fundamental para argumentar calquera cousa. Feijoo declara adoptar a segunda definición, pero opera coa primeira sempre que lle convén (de Memorias dun neno labrego pode un gostar ou non, pero parece obvio que non é un libro na tradición de Dumas). Por moitas características en común que compartan moitos best sellers, a cantidade de best sellers con outras características é suficientemente importante para invalidar todo isto. Así, a única definición prudente paréceme a primeira, e por iso defender a escritura de best sellers é, de entrada, un contrasentido, xa que cando un best seller se convirte en best seller suponse que xa foi escrito antes.

Perogrulladas á parte, e falando do que é necesario e do que non, se consideramos best sellers os libros de Umberto Eco ou de James Ellroy ou a saga Mundodisco de Terry Pratchett (e como argumentar que non o sexan, mirando cifras?), a min paréceme que si, que seguramente sexa preciso escribir libros como eses: complexos, ben escritos, cun traballo considerábel detrás e, sobretodo, diferentes. Pero moitas veces a postura que aparece neste debate, e temo que a reivindicación que Feijoo fai de certas novelas do XIX vai nesa liña, é máis ben unha defensa dos libros simples, mastigados, profundamente conservadores e que se poden escribir en poucos meses porque o seu público potencial non ten moitas luces nin moitas ganas de complicarse a vida. O que obvia, entre outras cousas, o feito de que as persoas estúpidas do noso país, que as hai, normalmente non len libros de ningún tipo, que isto non é Suecia e que temos a cultura lectora que temos (nada do que sentírmonos orgullosos, pero traballo dos profesores e pedagogos, non tanto dos escritores) e que probabelmente as lectoras e lectores de calquera libro son xente, no mínimo, espilida e con sentido crítico. Fagan a proba de percorrer un tren de punta a punta e contar os libros de Tom Clancy, Stephenie Meyer ou Dan Brown que encontren. Non moitos, verdade? En todo caso, verán moitos máis teléfonos, Voces de Galicia e xente que mira a caluga do que ten diante. En realidade, pretender falar dos gustos do público como se se puidesen coñecer de antemán os gustos do público ten sempre un fondo aristocrático.

E despois, a falacia da normalización. O que hai que normalizar, digo eu, é a lingua galega. Que a literatura teña que exorcizar a normalización que a lingua non ten, é inxusto, é esaxerado e é comezar a construír a casa polo teito. Os best sellers sono en tanto que produtos emitidos por un sistema empresarial normalizado á súa vez. Pretender escribir un best seller nun contexto literario no que se venden 200 exemplares dun libro é bastante absurdo, e mesmo no caso de que teña éxito, en que pode consistir este? En esgotar catro edicións? (non sei cantos exemplares son iso, uns 3000 talvez?) Ben en todo caso polo autor, que poderá pagar o alugueiro dun ano, pero iso non vai salvar unha lingua nin un sistema empresarial nin a cultura lectora dun país. Se hai unha convención nos medios de comunicación para minimizar a presenza dos libros escritos en galego e unha dependencia tan grande das políticas de subsidios que provocan que un conselleiro bote un peido hoxe e todos os produtores culturais do país amenzan afogados mañá, non é completamente imposíbel producir un auténtico best seller con total independencia do que haxa escrito nas páxinas do libro? E non sería máis práctico ofrecer algo diferente do que xa se escribiu un millón de veces para tratar de crear para os libros algo semellante ao concepto de “escena” que se utiliza en música? E non é este, por certo, un debate que se dá case punto por punto en todas as literaturas do mundo, por moi normalizadas que parezan estar?

En todo caso, e falando non en nome da “literatura galega” nin dos “lectores” senón como o lector individual que son, si que boto en falta en moita da literatura escrita na miña lingua a capacidade de entreter, evadir e transmitir paixón, algo perfectamente louvábel. Pero non porque os máis dos libros sexan culturalistas ou académicos ou pallas mentais posmodernas (seino porque destas últimas perpetrei algunha hai algúns anos e, aínda que nunca o lamentarei o suficiente, non creo lembrar que fósemos moitos precisamente a escribilas), senón porque non son arriscados, porque se escriben moi ás présas talvez e porque teñen, ao meu xuízo, a pretensión de converterse en best sellers sen pasar o enorme traballo que ten que supór escribir un best seller digno e salvando do “xénero” só os elementos máis superficiais (é dicir, os elementos que asocian aos best sellers a xente non lectora de best sellers): a saber, historias manidas, moralexas, frases feitas e bos sentimentos. Nada que, na miña forma de ver, entreteña, evada ou transmita paixón, senón, máis ben ao contrario, obstáculos. Pensar que os libros culturalistas, académicos e posmodernos son unha merda, está moi ben e compártoo en boa medida. Pensar que son o que impide que a literatura escrita en galego despegue, é unha distorsión da realidade. As elites das que fala Feijoo, quen son exactamente? Caneiro? A ver, non é que o autor teña que dicir nomes e apelidos, pero, non sei, institucións, universidades, editoras... algunha pista debería dar. Se non a dá (e non a dá), que queren que lles diga, sóame todo un pouco a illuminati, a conspiracións reptilianas e a terrorismo galego.

Volvo ao comezo: que é, logo, un best seller? Entra Philip Roth como best seller? Mal non debe venderse, vaia, e ademais é doado de ler, entretido e fácil de identificarse cos personaxes, pero ben escrito e con riscos. E Joyce Carol Oates? E J. M. Coetzee? Se si, excelente. Pero dáme a sensación de que o que se está a procurar ás veces é un pretexto para escribir mal (e de novo, non teño motivos para pensar que sexa o caso de Pedro Feijoo) ou para escribir o de sempre. E honestamente, o que a literatura galega precisa ou deixa de precisar non o sei, que hai tempo que me absteño de falar pola voz desa señora, pero creo poder saber que os lectores en todo caso merecen outras cousas.

Feijoo engade a todo isto que non é o asunto do seu artigo falar de calidade literaria.

E de que fala un escritor cando non fala de calidade literaria?

De iphones?

14 de jan de 2013

Vida extra

Logo dun retraso respecto do anunciado no tráiler e de que o retraso se agravase coas celebracións varias das últimas semanas, está a piques de aparecer finalmente Punk en Edicións Corsárias. Eis, a modo de adianto, o epílogo do libro, onde se contan algunhas aventuras que lle aconteceron e se pide perdón demasiadas veces.

SEGUNDA VIDA DESTE LIBRO

Existen no mundo tres mil cento once millóns catrocentos sesenta e seis mil trescentos vinte e seis libros sobre o paso do tempo, contando só os que tratan o tema dun punto de vista que se poida chamar lírico, ou literario polo menos, é dicir, sen contar os manuais de física, por exemplo. No anaco que me leve rematar este texto xa terán saído do prelo uns poucos volumes máis en países nos que xa sexa de día e xa non sexa domingo. No que me levou escribir a cifra seguro que xa dous ou tres apareceron. En fin. Deses libros, só seis millóns mil cento oitenta e cinco combinan o paso do tempo cun afastamento proporcional no plano xeográfico, isto é, fan nacer a melancolía do espazo á vez que do tempo. Con Punk serán seis millóns mil cento oitenta e seis. Non está mal.

Eran os últimos días de 2007 e eu vivía na vila antillana de Sentann (Sainte-Anne na lingua da colonia), na illa de Guadalupe. Pasaba as tardes profundamente só, ou máis precisamente, na desacougante compaña da escolopendra, a briba ou lagartixa doméstica tropical e o mosquito Aedes aegypti. O tempo corría á mesma velocidade que sempre, mesmo máis a modo do normal, pero era como se se notase máis, por así dicilo: a sensación de que todo ese tempo que pasaba non ía a ningures e de que nalgún lugar pasaría doutra maneira, sen facerse notar tanto en todo caso, era abafante. A calor tropical contribuía a que o fose. Eu tiña vinte e cinco anos.

Nesas circunstancias rematei Punk, un proxecto que reciclaba o pouco material salvábel que trouxera de Galiza e ao que lle acrecentaba textos escritos desde o mes de setembro, que eran a maior parte. Gostaron moito ou algo do texto, ou mentíronme dicindo que gostaran moito ou algo, as seguintes amigas e amigos: Xiana Arias Rego, Isaac Lourido, Alba Viñas, Marcos Abalde e Francesc Esteve –e si, isto é un agradecemento, bah, case unha dedicatoria--. Volvín moi poucas veces sobre Punk, e case sempre para sacarlle algo, textos, que case sempre eran os mesmos, para revistas ou recitais. Pouco máis toquei. Debía comezar 2009 cando unha editora, ou máis ben o responsábel da súa colección de poesía, Xesús González Gómez –a quen fago extensivo o agradecemento, e xa paro--, decidiu publicar o libro e isto fixo que este me crecese, por así dicilo, dentro da cabeza. Converteuse nun material sólido ao que regresar sen vergoña, nunha obra da que estar orgulloso, e mesmo cando un silencio demasiado longo fixo evidente, andado o tempo, que a editora en cuestión, xa sen X.G.G., tivera un trasacordo (non sei se estético ou económico, supoño que o segundo) e non tiraría o libro despois de todo, eu seguín pensando como un cretino que era unha pequena marabilla e que agora non porque non teño tempo pero cando me poña e o mande por aí vanmo sacar das mans, se algo así puidese pasar cun libro, que xa sei que non pode. Cando neste 2011, que logo remata pero aínda non, souben que outra casa ía publicar outro libro meu, Gran tiburón branco, pensei que era o momento de resucitar Punk ou polo menos a miña vontade de publicar Punk, e volvín a el moi feliz, disposto a corrixir catro imperfeccións e desfacerme dun par de textos, mesmo cun texto novo debaixo do brazo (non direi cal, só é un) e o kit de maquillaxe para adaptar o libro á década dos dez.

Horrorizoume. Nin sequera me vin con forzas para mudar apenas nada. Con que ánimos, sen ir máis lonxe, este vello de vinte e nove anos podería adaptar ou corrixir, por exemplo, un texto sobre a angustia de cumprir os vinte e catro1? Non sería un pouco como pasar polo photoshop as miñas fotos de oitavo de EXB e apagar un a un os grans do meu rostro, para facer como se nunca os tivese, como se non os tivese mesmo agora? Con efecto, no libro bótase de menos unha época (os, non sei, vinte e un ou vinte e dous anos), de forma todo o paródica que se queira, desde o triste presente (os vinte e catro ou vinte e cinco), pero como entrar agora no libro como autor con plenos poderes cando ese triste presente xa é o pasado que ás veces, e só ás veces, boto de menos e o outro, o que xa daquela era pasado, está tan atrás que mesmo me dá xa un pouco igual? Paradoxalmente, a idea de non publicar nunca Punk resultábame por outra banda insoportábel. Teño a sensación de que este libro é un elo necesario entre o que fixen unha vez e o que fago agora. Teño tamén a sensación de que é un catálogo das cousas que podía ter escrito nos cinco anos que botei sen apenas escribir, condensadas en textos moi breves que, por convención, podo admitir que son poemas mesmo se máis veces das esperábeis gostaría de que non o fosen, ou de que non o fosen de todo. Teño, en terceiro lugar, a sensación de que algo –algo ao que non é alleo que máis unha vez eu estea a vivir no estranxeiro, cunha soidade considerábel que xa non atenúan nin a escolopendra, nin a briba, nin o mosquito Aedes aegypti-- conecta maxicamente o ocaso deste ano con esoutro de hai catro no que, porén, en Galiza non se debía estar tan mal e apenas eu, a cinco mil setecentos oitenta e nove quilómetros, tiña pensamentos obscuros.

Amo este libro e ódioo á vez, como supoño que Victor Frankenstein amaba e odiaba o monstro e como supoño que todos, nun momento dado, amamos e odiamos a quen unha vez fomos (Henri Michaux chegaba ao extremo de dialogar e discutir con todos os seus así chamados qui-je-fus). Unha segunda vida non é como unha primeira vida: aínda que algo, a vontade, a enerxía eléctrica, anime a criatura, o creador non esquece que esta está feita basicamente de carne morta e que non cheira demasiado ben. Ámaa así e todo e deséxalle o mellor, aplaudirá cada vez que mova un brazo ou pronuncie unha sílaba, pero é moi escéptico respecto de que o que veña vaia ser unha vida exactamente.

Estas consideracións non fan diminuír a infinita alegría que sinto por saber que finalmente a editora Corsárias vai encarregarse do traballo sucio. Vou tapar o nariz, gardar como e enviarlle a Pepe sen pestanexar unha versión que chamaremos definitiva e da que, polas múltiples referencias que aparecen máis adiante, non vou retirar nin sequera o horrendo material de Nubes de Botswana, escrito aínda moito antes, sobre 20032. Até pode que corrixa un par de cousas aquí e aló despois de todo. Máis tarde arrepentireime, pediráseme defender esta poética e non saberei onde meterme. Talvez así aprenda. Talvez –e temo que sexa o máis probábel-- non aprenda nunca.


Samuel Solleiro
Le Mans, 4 de decembro de 2011

1Este texto sobre os vinte e catro anos en particular non sobreviviu, por varias razóns, a unha revisión posterior á redacción desta nota. Pero esa angustia cruza o libro mesmo sen el, digo eu, e resulta aínda máis ridícula tendo cumprido eu xa os trinta (aclaración de xuño de 2012).

2Si, 2003. Isto significa que na escolla de Botswana para o título e na figura recorrente do elefante nos textos non hai absolutamente ningunha influencia –como moito unha predición-- da divertida aventura que lle aconteceu ao rei de España nese país en abril de 2012. E tamén é unha proba de que cando os libros dormen demasiado tempo nos caixóns a vida remata por plaxialos (aclaración de xuño de 2012).