31 de jan de 2014

Literatura francesa



















Vén de saír o nº 200 de Tempos Novos. No suplemento ProTexta, que agora está inserido no corpo da revista, aparece un texto que me encargaron: unha visión subxectiva da literatura francesa actual. É este:

Impresións mexicanas*

Hai algúns anos visitei a cidade mexicana de Acapulco. A sensación que me deu foi de ruína, de estar a ver un lugar que estivo moi á moda para os turistas nunha época e que agora malvive en base a unha fama que xa non merece.

Cando me instalei en Francia e me interesei pola súa actualidade literaria (atención, falo sempre de narrativa), a sensación foi moi semellante: o de que os tempos pasados sempre foron mellores é case sempre mentira, pero non o é se se fala de cousas como a conciencia de clase, o sabor do leite e certas verduras ou a literatura francesa.

Teño a sensación de que esta tomou demasiado en serio construír unha oposición á ficción estadounidense, baseada, a grandes trazos, na acción, e que para iso esaxerou un tipo de novela artellada en torno ás ideas e conceptos que xa existía de antes (digamos Camus), sen ter en conta que a condición posmoderna invalidou os temas trascendentes e por iso tantas novelas francesas actuais asemellan tanto a monólogos do clube da comedia.

Detesto as seguintes tendencias:

a) A novela de ideas antes mencionada, sen unha trama forte, na que un personaxe fala e opina de cousas que, a gusto do autor, oscilan entre o intrascendente e o cínico-misantrópico: Frédéric Beigbeder, Amélie Nothomb.

b) A novela pretendidamente escrita nunha linguaxe simple e áxil cuxa simplicidade e axilidade consisten en escribir frases curtas e sen adxectivos pero non son quen de contar que un personaxe fixo unha análise de sangue sen explicar cada un dos pasos que hai que seguir para facer unha análise de sangue: boa parte dos que escriben novela negra.

Michel Houellebecq facía parte do primeiro grupo. La carte et le territoire meteuno de cheo tamén no segundo.

Interésame moito máis unha terceira tendencia:

c) A novela que toma prestados elementos da non ficción e que se chama novela para vendela mellor pero poderíase chamar crónica xornalística: libros como HHhH de Laurent Binet, Entre les murs de François Bégaudeau ou Limonov de Emmanuel Carrère son algúns exemplos. O asunto dos feitos reais non deixa de dar morbo, os personaxes recuperan un papel que talvez sempre mereceron e a dimensión metaliteraria de contar como se escribiu o libro (dun modo máis práctico que teórico) constitúe algo bastante parecido a unha trama.

Como pasa en todas partes, na edición independente é máis doado encontrar cousas que saian da norma (o que tampouco é garante de calidade). Descubrín serodiamente a editora Le Dilettante e grazas a ela lin autoras como Christine Avel (L'apocalypse sans peine) ou Anne Lenner (Cahin-caha). Tampouco senta nada mal botarlle un ollo á literatura en francés escrita fóra de Francia. Este verán morreu o escritor quebequés Gaétan Soucy, cuxo La petite fille qui aimait trop les allumettes ten a estraña virtude de non parecérseme a nada.

Repousa, por último, na miña mesa desde hai tempo a coñecidísima novela Les Bienveillantes de Jonathan Littell. Non sei se é por algunhas frases soltas que lin ou porque a doble nacionalidade franco-estadounidense do autor me fai pensar que talvez tenda unhas pontes necesarias coa (na miña opinión) moito máis interesante literatura norteamericana, pero o certo é que teño grandes esperanzas de me reconciliar grazas a ela con Francia, agora que xa non vivo aí.

* O título non é meu senón da redacción; resulta un tanto estraño, igual que a foto de Acapulco que ilustra o texto. Debe ser a globalización.
 

27 de jan de 2014

A vida ás veces parece neutral

Apareceu onte unha entrevista que, con motivo da publicación de Punk, me fixeron en Praza pública. A entrevista, aquí.

Mentres a procuraba, souben de paso da existencia do web Desgalipedia e de que teño unha entrada nela, con datos cando menos sorprendentes. Aquí.

Raro.


22 de jan de 2014

Fígaro, Fígaro

Este luns pasado saíu no programa ZigZag unha reportaxe sobre Punk, que rodamos nunha barbería da Choupana ante a mirada estupefacta do barbeiro -que poderán aprezar no vídeo-. Aquí a reportaxe. E se optan por ver o programa enteiro, aquí, a reportaxe (que está case ao final de todo) continúa uns minutos coa lectura dun texto do libro.

21 de jan de 2014

Punk. Live in Compostela (II)

Esta foi a colaxe que Xiana Arias preparou para a presentación de Punk en Compostela do pasado martes. Desde agora pasa a formar oficialmente parte do libro. Así que se teñen un exemplar deste, por favor, descarguen o pdf de aquí, imprímano, dóbreno debidamente e insírano nas páxinas do libro a modo de marcapáxinas ou o que queiran.


16 de jan de 2014

Punk. Live in Compostela (I)

Presentación de Punk. Restaurante Rúa, 14 de xaneiro de 2014

10 de jan de 2014

Solleiro coa familia Arias*

O martes próximo ás 20:30 é a presentación oficial de Punk. Supoño que choverá e que fará frío e que no restaurante Rúa se estará ben. Van estar comigo a escritora Xiana Arias e mais o editor Pepe Árias. Vai ser raro estar no medio de tanta xente que se apelida igual. Espero estar á altura. Veñan.




























*En realidade Xiana Arias e Pepe Árias non son familia. Por iso Pepe Árias leva acento no a. O reintegracionismo ten recursos para todo.

7 de jan de 2014

M

Onte a xornalista cultural Montse Dopico abriu M, algo a cabalo entre magazine cultural e blogue. Entre outras cousas aparece unha entrevista a un servidor sobre o libro Punk, publicado hai un par de semanas e a piques de ser presentado en sociedade, como se debe. A entrevista, aquí.