21 de mar de 2013

Fifty Shades of Samuel Solleiro

Ao final, non sei, un cóllelle o gusto a ler cousas en internet e despois comentalas aquí. Non todos os días pero así de cando en vez. Por exemplo: veño de ler o artigo “Porno para mamás?” de Eli Ríos n'A sega, a conto da novela Fifty Shades of Grey de E. L. James como transmisora da ideoloxía patriarcal (aquí). Concordo, en principio, bastante co artigo. E mesmo se non concordase, a miña discordancia tería que expresarse por forza desde a inferioridade de quen non leu o libro nin o vai facer porque a vida non é tan longa e a curiosidade non é tan grande como para andar a ler o que a un en realidade non lle apetece (e se son 1800 páxinas, menos). En todo caso, e dado que o artigo parece destinado a persoas na miña situación, collo aire e decídome a matizar algunhas cousas.




Con efecto, concordo bastante co artigo pero teño a sensación de que falta algo. En cinco parágrafos, Ríos fala da súa experiencia lectora e fai un breve resumo do argumento da obra. O sexto parágrafo comeza coa frase: “A construción da masculinidade patriarcal desta obra é o que me ten intrigada e abraiada.” O problema é que non se explica suficientemente, ao meu entender, en que consiste a construción da masculinidade patriarcal desta obra: a seguir veñen algunhas consideracións sobre as relacións entre os personaxes e unha conclusión. Quero pensar que, a estas alturas da película, o problema do libro non será o comportamento dos personaxes. Vamos, digo eu.

É dicir: Fifty Shades of Grey é unha obra de ficción. As lectoras e os lectores de Fifty Shades of Grey saben que é unha obra de ficción e en que consisten as obras de ficción. Nin a persoa que escribe un libro debería sentirse responsábel dos seus personaxes nin, madia leva, a persoa que le o libro debería traspasar os seus sentimentos sobre estes á vida real. Ao contrario: sempre na miña opinión, non só se pode senón que se debe permitir que os personaxes de ficción teñan os comportamentos máis abxectos e perversos. Para iso están, en certo modo: para permitirnos asistir a situacións humanas extremas sen que ningunha persoa real sufra, un fermoso milagre que nin a páxina máis inocente de La voz de Galicia podería reproducir.

Acontece que os contidos das obras están, moitas veces, sobredimensionados, talvez porque son a parte máis fácil de detectar (se falamos de sexismo, é máis fácil aplicalo ao contido dun libro, onde hai habitualmente “mulleres” e “homes” que ao uso do estilo indirecto ou da anáfora, pero máis fácil non significa mellor). Porén, os contidos son seguramente (e precisamente por fáciles) a parte menos preocupante dun produto artístico. Hai algunhas semanas seguín unha polémica a conto dun artigo da revista Diagonal no que se falaba do machismo no ámbito da música indie (o artigo principal é este; o resto de episodios da polémica procúrenos vostedes en google, fagan o favor). O artigo era moi valioso, sobretodo por facer unha lectura política dun ámbito que moitas veces pretende estar alén de toda política. Pero, por desgraza, caía no gran defecto de equiparar, ou mesmo priorizar, os episodios machistas nas letras das cancións sobre os episodios machistas nas prácticas do día a día no mundo da música (esas que fan que as mulleres xamais toquen o baixo nin a batería, xa saben). A razón: talvez certa preguiza. Con efecto, para detectar o machismo nas letras é suficiente ficar na casa e escoitar discos, e para detectalo noutros lugares, hai que estar nesoutros lugares presencialmente e, moitas veces, probabelmente ser de facto unha muller. E, salvando as distancias, estamos no mesmo lugar: unha novela que narra historias brutais é necesariamente un produto brutal, fabricado por unha persoa brutal e que corre o risco de brutalizar os seus lectores? Eu quero pensar que non. Suficientes cousas brutais pasan na realidade como para que ademais teñamos que preocuparnos das que pasan nas novelas.

 Outro debate é se o mundo do BDSM (bondage-dominación-sumisión-masoquismo), porque entendo que por aí van os tiros do libro, é necesariamente sexista. Eu non o teño tan claro. Arríscome outra vez a falar do que só coñezo por lecturas (xúrolles, de verdade, que non teño un látego no paraugueiro), pero diría que, ao contrario, a subcultura BDSM teatraliza de tal maneira as auténticas relacións de poder, con todo ese coiro e toda esa parafernalia, que supón en boa medida unha parodia do status quo. Mesmo sen coiro polo medio: unha relación amo-escrava asumida por ambas partes como xogo, como representación, non podería ser liberadora na medida en que explicita o que habitualmente está implícito?

Non o sei. Pregunto.

Pero o que si que é certo é que teño debilidade, como consumidor de cultura, polos produtos explícitos. Ollo: non quero xogar ao xogo do politicamente incorrecto, que para ben ou para mal no Estado español é patrimonio da extrema dereita de Salvador Sostres e compañía. Con todas as contradicións que queiran, estas liñas pretenden ser feministas. Mais hai xa un tempo que (volvamos á música) prefiro un “Smack my bitch up like a pimp” que un “Y ahora que no estás aquí me doy cuenta cuánta falta me haces”, aínda que só sexa porque no primeiro caso o conflito aparece na superficie e no segundo os estereotipos do campo léxico do amor me fan pensar no marido que, durmida a borracheira, baixa comprar un ramo de rosas por se acaso. Porque o que trato de dicir non é que non haxa novelas ou cancións machistas, senón que o machismo non está necesariamente onde máis facilmente parece encontrarse.
 
O verán pasado uns amigos e mais eu arrastramos durante varias semanas unha desas discusións que non teñen solución e por iso volven ao centro da conversa durante varios días. O detonante foi unha canción española, hoxe xustamente esquecida pero que nalgún momento estivo á moda: “Cuando brille el sol” de La Guardia (aquí), e a discusión versaba sobre se era a canción máis machista da historia da humanidade. A miña postura era que si. Pero precisamente paréceme tan machista a causa do evidente da letra, do lóxicos e naturais, por presentes na tradición do pop, que parecen os reproches que o narrador da letra lle fai a unha especie de antiga amante. Non hai unha problemática, non hai complexidade, nin sequera hai un contexto porque a reacción do narrador pretende ser tan universal e tan de sentido común que a historia non trata de individualizarse de ningunha maneira. Agora ben, o problema da canción non é que o narrador da letra sexa un desgraciado, senón como a música despreocupada lle quita importancia a que o sexa, como a utilización de estereotipos pop dificulta a súa lectura en clave de ficción e, enfín, como a natureza comercial da música invisibiliza, universalizándoa, a discriminación. Non menos desgraciado é o narrador do tango “Confesión” de Discépolo (arriba, en versión de Julio Sosa), e porén a súa complexidade psicolóxica impide, ao meu entender, calquera acusación de machismo para a canción (para unha análise feminista deste e outros tangos recomendo este artigo de Dolores Juliano).

 Quero dicir con isto algo tan simple como que é imposíbel pór de manifesto o machismo, ou calquera outra ideoloxía, dun produto cultural se non se menciona a forma, as ferramentas coas que ese produto se construíu. Fifty Shades of Grey tenme toda a pinta (lembren: non o lin) de ser extremadamente machista, pero non porque un personaxe castigue a súa muller por non facerlle de comer, senón porque adiviño unha visión edulcorada de todo isto: unhas formas suaves, unha narrativa neutra, transparente, unha linguaxe consensual.

Tema á parte é o “que facer” con este tipo de produtos. Espero que conveñan comigo en que a resposta máis intelixente a esa pregunta sería “nada”. Ou, en todo caso, promover sempre que sexa posíbel lecturas críticas que poñan de manifesto as súas contradicións. Evitalos por medo a contaminarse só pode crearlles unha aura de obxectos prohibidos que non merecen (outra cousa é evitalos por medo a perder o tempo, pero ese é outro tema). E en realidade hai que pensar que as persoas adultas teñen unha total capacidade para discernir o que é a ficción do que é a vida. Preocuparse a priori da posibilidade de que algunhas persoas talvez non a teñan é, no fondo, unha crenza patriarcal.