24 de dez de 2013

Minifundios

Como membro do selo Discos da Máquina, que vén de celebrar o seu primeiro ano de vida, entrevistáronme hai uns días en Praza canda Martin Wu e Daniel Salgado. Aquí. Ala, feliz navidá, guapas.


18 de dez de 2013

Punk is in da house





























Xa podedes achegarvos ás librarías Couceiro ou Follas Novas de Compostela e comprar Punk, o meu cuarto libro, terceiro por orde cronolóxica de escrita e primeiro do xénero chamado poesía. Ao resto do país chegará en breve (contactade coa editora Corsarias para detalles). E pois. Finalmente saíu. E teño aquí na miña casa cinco exemplares como cinco soles. Estou tan contento, pero tan contento, que é case como se non estivese contento e me dese igual. Comprádeo, por amor de Cristo. Dicídelles ás vosas amizades que o compren. Costa dez euros, que non é nada, e ten bastantes letras. E fotos. É bastante bonito. E non o sabedes pero leva agardando por vós desde 2007.

12 de dez de 2013

Finalmente, Punk

Un ano pasou desde que saquei este trailer dicindo que a publicación do meu libro Punk era inminente. Houbo certos problemas técnicos, cousas que pasan. Tanto ten. En todo caso, reciclo o trailer agora para anunciar o que veño de saber: o libro sae da imprenta o luns 16 de decembro. Poderédelo comprar na libraría Couceiro de Compostela a partir do martes 17 e, de a pouco, irá chegando ao resto das librarías do país. Montaremos tamén presentacións entre xaneiro e febreiro. Pero desta vez vai. Desta vez vai. Home, poden pór unha bomba na imprenta ou algo. Pero non creo. Desta vez vai. Ten que ir. Cruzo os dedos.

 

8 de dez de 2013

Máis alá!

Este foi un momento da actuación do outro día no Picaversos dedicado ao máis alá. O vídeo é cortesía da organización. O texto é o comezo do capítulo 3 do Libro das lamentacións, un dos máis malrolleros da Biblia. O resto do meu espectáculo xirou arredor de textos de Juan Eduardo Cirlot, Rebeca Baceiredo e Gonçalo M. Tavares.