Samuel Solleiro

Nacín en Tui en 1982. Teño publicados os libros Elexías a Deus e ao Diaño (2001), dz ou o libro do esperma (2006), Gran tiburón branco (2012) e Punk (2013).

Tamén publiquei textos dispersos en volumes colectivos e revistas. Algúns con certa periodicidade, entre os que destacaron nos últimos anos as críticas de libros no suplemento ProTexta de Tempos Novos e unha columna mensal, "Feliz como un watusi", no portal Letra en Obras. Para alén disto, teño colaborado puntualmente en Luzes, Grial, Arraianos, Lacón Milenario, Madrygal, Novas da Galiza, El País Galicia, Boletín Galego de Literatura, Sermos Galiza, Abril, Tempos Novos, Quantas letras para um rio, De volta para a Loureda ou Dorna. Tamén nas exposicións Matrikas (Alba Viñas, 2014) e Karl Fräuden. Cartaces de cinema. 1973-2013 (Xosé Carlos Hidalgo, 2013). En 2007 a editora madrileña Lengua de Trapo publicou unha tradución ao castelán do meu primeiro libro, Elegías a Dios y al Diablo.

Son guitarrista do grupo musical Ataque Escampe. Con eles publiquei os LPs Galicia es una mierda (2008), A grande evasión (2009), Violentos anos dez (2011) e O disco vermello (2014) e os EPs Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos (2007), Galicia es una fiesta (2009) e Noites de agosto con Ataque Escampe (2012). Tamén son socio fundador do proxecto editorial autoxerido Estaleiro Editora e do selo musical Discos da máquina.

Vivín do que puiden en Barcelona, Guadalupe (Antillas francesas) ou Le Mans (Francia). Na actualidade son tradutor freelance de francés, portugués, inglés e catalán, e vivo en Santiago de Compostela. O meu web profesional chámase TraduZebra.


dúas zebras non pretende ser un blogue ao uso. Non me vexo actualizando todos os días nin todas as semanas. Tampouco me interesa internet como espazo de discusión. Por iso os comentarios están pechados. Para calquera cousa, respondo no mundo real. Se non me encontran aí tamén o podo facer, e sen que sirva de precedente, en paxarosverdes@gmail.com


Samuel Solleiro. Fotografía: Alba Viñas