29 de dez de 2012

Gffhhhh

Hai unhas semanas era o Culturgal e alguén contactou comigo para pedirme unha colaboración nunha narración colectiva. O traballo que supuña era realmente pequeno e dixen que si, claro. Como non estiven na feira esa, non sei o que se fixo coa narración en cuestión, ou se se fixo algo. Algo presencial, digo. O caso é que agora acábase de publicar nas redes sociais. Abaixo está o resultado.

Avanzo, iso si, que cada cacho é case totalmente independente e que o texto global resulta practicamente inintelixíbel. Diría un que cada participante (e eu o primeiro, ollo) escribiu contra ou respondendo ao cacho anterior, con máis idea de destacar que de colaborar a crear nada. E aínda que o textiño este non sexa, no fondo, moi relevante, parece como que quere ser unha forma típica de facer as cousas aquí, e dá, non sei, como medo.





























(Esta é a primeira vez que escribo algo nesta casa que implique outros escritores galegos, mesmo se é indirectamente. Supoño que de cando en vez fai ben, pero hostia, deberíanme ver agora mesmo: estoume a pór colorado).

Eis o texto, e abaixo as autorías:


Detonar a túa impunidade, ese é o meu obxectivo. E como preciso un plan de combate co que abater esa chularía que exhibes, inxiro un cóctel de pólvora, dous xeos e cola, acurrálote e espétoche: (1)
-Gffhhhh -ou algo así.
            Parece que hai un problema.
-Gffhhhh.
            Probo outra vez:
-Gffhhhh.
            Óllasme como a un réptil. O cóctel, con toda a pólvora, etcétera, arrefría dentro. Súo, claro. (2)
            Miro dentro do cóctel, un dos xeos reflicte o teu ollar de saurio primitivo. No outro debúxase, distorsionada, a miña boca reseca pola ansiedade. Tampouco pasará nada se fallo, penso. Ofrézoche o vaso. (3)
            Mais a min, que estou do outro lado, ensináronme de pequena a non beber e adoito non cambiar as miñas conviccións a menos que me convenzan de xeito cabal. Dime, logo, cales son os teus argumentos? (4)

           Dous
           Tras ler aqueles escritos adolescentes das miñas alumnas, asimilei que xamais podería evitar que malgastasen tanto tempo, espazo e carne.
           Argumentar?
           Iso borrase da alma canda a primeira felación practicada/recibida (5), como tantas outras esvaecen logo da epifanía dos sentidos, mais logo retornan ou non seguindo a doce aleatoria das lembranzas. Malgastar, por certo... que dixen? Iso é un prexuízo dos peores:"o tempo é ouro" e outras andrómenas castradoras. (6)
            - O tempo é ouro e a pasividade contrarrevolucionaria! –exclamou Verne co seu habitual entusiasmo, poñendo fin ás discusións e retomando a camiñada.
            Oíron un disparo xusto cando a cabeza dun dos cans estoupaba no aire. (7) Levei a man a meixela e retireina manchada de sangue. Non sabía se era meu –porque daquela eu xa perdera en grande medida a capacidade, a beizón de sentir dor- ou do animal. O corpo descabezado do can aínda se retorcía no chan, como unha miñoca. (8)
            Daquela, o corpo separado do seu espírito que lentamente ía despregándose e comezaba a súa nova existencia como outro espectador máis do que alí acontecera. A xente amoreábase ao redor do can xa morto mentres o espírito deste buscaba acougo noutro corpo, esta vez nun de nena fermosa e asustada pola indiferencia dos transeuntes. Así, coa súa mirada perdida conquistou a este novo habitante do seu corpo. (9)
              Observounos introvertidos. Perdidos nas illas dunha revolución incruenta, protexidos polo rebumbio dos cócteles de palabras e a ignorancia do frío que vai sempre fóra. O primeiro disparo foi en van. Non era o seu negocio entender e unha mira telescópica non é boa para planos xerais. O primeiro fallo abocouno a apuntar contra o grupo. Arrimou o ollo e mandoulle un paneo no mesmo sentido en que debería avanzar a historia, de dereita a esquerda. Pero algún sentido teñen que ter os tiros. Cando menos servirán de advertencia. Mentres buscaba un obxectivo, mentres chamaba pola concentración co mantra busca inimigos á altura das túas posibilidades, baixoulle a respiración e deuse un segundo de recreo para desfrutar co dedo vencendo a suavidade do gatillo. A bala asubiou unha sentenza antes de impactar: que sós quedan os conselleiros cando desaparecen os asasinos. (10)

(1) Ata aquí, Iolanda Zúñiga
(2) Ata aquí, Samuel Solleiro
(3) Ata aquí, Begoña caamaño
(4) Ata aquí, María Reimóndez
(5) Ata aquí, Samuel L. París
(6) Ata aquí, Xavier Queipo
(7) Ata aquí, Anxos Sumai
(8) Ata aquí, Eva Moreda
(9) Ata aquí, Menchu Outón
(10) Ata aquí, Camilo Franco
 

27 de dez de 2012

Espaguetis con atún



















Esta fin de semana as Ataque Escampe publicamos o noso sexto traballo (cuarto con edición física), o EP Noites de agosto con Ataque Escampe. Disponíbel para ouvir e descarregar aquí e aquí, e proximamente pronto para comprar nas tendas. Abaixo, unha -outra- entrevista en GzMúsica sobre o disco.

24 de dez de 2012

Pluriemprego

A semana pasada entrevistáronme no Diario Cultural da Radio Galega a propósito da publicación de Punk (que por certo, por causas alleas a min vai demorar uns días respecto ao anunciado no tráiler).

A entrevista, precedida dun fragmento do texto "A carne", pódese escoitar aquí. Tamén lle viñan dedicando, desde o luns, a sección "páxina poética" ao meu libro. Aquí ("Kitsch", 47'41''), aquí ("Vudú", 46'59'') e aquí ("Livingstone", 47'01''). O martes non houbo a sección pero un fragmento de "Revival" soou por erro aquí, logo da entrevista que me fixeran canda Daniel Salgado sobre o proxecto Discos da máquina que presentamos o sábado pasado (a entrevista está en 31'35'' e o texto en 37'44'').

Canto ao proxecto, este é o web, do que teño orgullo de ser webmaster, palabra horrorosa onde as haxa, e no vídeo de abaixo aparezo, canda Daniel Salgado outra vez, falando sobre o proxecto nos camerinos da sala Capitol para GzMúsica.

Pluriemprego.

  

11 de dez de 2012

Punk: tráiler

Con vostedes, o tráiler do meu inminente libro Punk.

10 de dez de 2012

Varrer o confeti (e III)

Non era sen tempo: máis dun mes despois da presentación de Gran tiburón branco completo os posts dedicados a esa sesión co texto da miña intervención aquela noite. O único problema era que eu non escribira a miña intervención e apenas tiña uns esquemas feitos a boli. Boli verde, por se fose pouco. O que lerán a seguir é un texto feito a partir deses esquemas e da miña fráxil memoria. Isto é, un texto completamente novo que non creo que se pareza case nada ao que dixen alá e que, madia leva, tanto ten.





















CONTRA A INTERPRETACIÓN

Grazas, google. Era de Susan Sontag. O título, digo. Roldábame a cabeza desde hai días, quería este título pero sabía que non era, que non podía ser meu. Era de Susan Sontag, dun artigo de Susan Sontag. Leo o artigo e dáme gana de comezar cunha cita. O que resulta pedante, si, e un pouco ridículo tamén. Pero é que Sontag di: “Na maioría de exemplos modernos, a interpretación supón unha hipócrita negativa a deixar soa a obra de arte. A verdadeira arte ten o poder de poñernos nerviosos. Ao reducir a obra de arte ao seu contido para despois interpretar iso, domesticamos a obra de arte. A interpretación fai manexábel e maleábel a arte”. Será pedante e ridículo facer o que eu acabo de facer, pero Sontag ten razón. O de “verdadeira arte” soa algo esaxerado, pero grosso modo é o que gostaría de dicir eu respecto da literatura ou polo menos respecto dese capítulo periférico e anecdótico da literatura que se chama Gran tiburón branco e que se presenta hoxe e que escribín eu.

Pouca coña: as tendencias que Sontag observaba en 1964 seguen vixentes desde daquela e hoxe en día é moi difícil falar sobre un libro e resistir a tentación de dicir o que o libro significa. Até con libros que escribiu un mesmo pasa isto, enfín. Vou tratar de utilizar, nunha especie de judo retórico, o propio impulso da tentación para vencer a tentación: Gran tiburón branco, e isto seino agora e non o sabía cando o escribía, fala sobre a vontade de que as cousas non queiran dicir nada. Significa (e a contradición que agora vén non será a única esta noite) a posibilidade de non significar nada.

Poden as cousas non significar? Do punto de vista estritamente cognitivo, e falando de e para seres humanos, supoño que é absurdo. Pero podemos, como lectores (aínda que non, ou non tanto, como autores) parar a cadea de significación cando esta comeza a resultarnos abusiva. Na cultura posmoderna que respiramos, defensora da interpretación ilimitada, converteuse nunha especie de regra aparentemente cool a procura constante de significados e máis significados. Aos significados probábeis suceden os improbábeis: a tendencia obsérvase na omnipresenza das teorías da conspiración, fruto de
a) a simplicidade da política política fronte á política económica: V de vendetta ou calquera outra fábula da resistencia do ben fronte ao mal, sen máis, son referentes de consumo moitísimo máis agradábel que O capital, e ambas fontes son equiparábeis grazas a
b) a sobrevaloración da opinión e a decadencia da idea de verdade, que levan a que o que opina, digamos, Fernando Savater sobre O capital estea lexitimado, xa non para refutar, senón mesmo para dialogar co que Marx demostra n'O capital (o exemplo está roubado de Carlos Fernández Liria en Volver a pensar, unha hostia no nariz da posmodernidade xa en 1989).

A posmodernidade, así, quita a máscara de loitador mexicano e mostra o seu auténtico rostro reaccionario. A dispersión da cultura posmoderna precisa, despois de todo, dun fío conector, nun afán histérico por reordenar o mundo. Non era unha auténtica dispersión. Non era o caos, senón a teoría do caos. En realidade, a esta luz, as lecturas inxenuas sobre a arte como reflexo do mundo resultan moito máis liberadoras que a sospeita sistemática. A célebre frase de Hemingway sobre O vello e o mar, aparentemente reaccionaria (“Non hai simbolismo ningún. O mar é o mar. O vello é un vello. O neno é un neno e o peixe é un peixe”), cobra así un valor enorme e un respecto pola literatura que en boa medida se perdeu. Obviamente, para Hemingway isto era así porque o dicía el e el era o autor. Pero estas cousas xa só as pensan os filólogos (de vocación, non de carreira). O ideal sería chegar en tanto que lector ás mesmas conclusións sobre un libro. O que non vai ser o caso esta noite porque Gran tiburón branco, onde por certo tamén hai mares e vellos e nenos e tamén un peixe de certo tamaño, escribino eu e non o meu veciño. Segunda contradición e entramos en materia.

Falemos dos textos que inclúe, que para algo son apenas cinco: creo que se algo teñen en común é que todos eles poñen en xogo os problemas e as miserias da sobreinterpretación que nos ocupa. En “Caída de Abraham Rosenblath” isto é evidente: un home sospeita que o seu veciño é xudeu e ao longo de meses dedícase a cazar signos que confirmen as súas sospeitas, signos que á súa vez espertan outras sospeitas, y hasta aquí puedo leer. Tamén en “As putas motos” unha escritora afeita a este tipo de, digamos, fluxos mentais, atopa nunha colonia residencial de México a proba de que o mundo real existe (o que para a ideoloxía posmoderna é un descubrimento atroz) e de que no mundo real as cousas son horríbeis canto máis banais resultan, igual que na historia o terrorífico do nazismo é a súa dimensión funcionarial mentres que a cara esotérica e un pouco kitsch dun Hitler interesado no Santo Grial ou na Atlántida ou no paganismo nórdico son retóricas que, aínda que pareza o contrario, adozan o terror. En “Soñou que eu era un cabalo” o narrador escribe os seus soños para unha psicoterapeuta e o lector asiste horrorizado (supoño) á insignificancia destes, e en “Gran tiburón branco” a narradora detesta o seu home pola súa falta total de cultura paranoica, por ser tan imbécil de non sospeitar da súa infidelidade. Canto a “Guerra civil”, é talvez o único texto que, lido agora, pode ter algo de programático, e ese algo pode ser a evocación dun mundo previo á significación e a entrada, unha vez atravesados todos os fantasmas da posmodernidade (que se chaman simulacros), nun novo período no que a significación volverá a exercerse de forma máis tosca e limitada pero máis honesta. O narrador preocúpase das texturas, non dos significados, nin das causas e os efectos, nin da nostalxia nin de nada, o que me resulta difícil non conectar coa solución proposta por Sontag de concentrar a nosa atención crítica na forma e non no contido, e así, caer na miña propia trampa, autointerpretarme e contradicirme por terceira vez.

A contradición perségueme, porque en Gran tiburón branco se algo fixen foi parodiar esa cultura da paranoia, e facer algo tan posmoderno como parodiar sobre algo tan posmoderno como a cultura da paranoia déixame nun lugar, sen dúbida, contraditorio, e máis aínda sabendo que a contradición é un trazo igualmente posmoderno á súa vez. Enfín. Cómpre asumir que pertenzo, mal que ben, como todos vostedes, á cultura da posmodernidade e contra isto pódese facer moi pouco. O meu posicionamento en todo caso non trata de ser regresivo, non quere recuperar unha situación do pasado porque asumo que certos recursos desta cultura, sobretodo os máis antiidealistas e antirrománticos, foron necesarios e útiles. Porén todo isto desembocou no gran quiste do cinismo, e desculpen, pero non querería podrecer aquí. Así, tamén os meus personaxes parecen completamente atrapados polo catecismo cínico, pero todos os textos conteñen un momento, habitualmente no final, no que hai unha conversión fugaz, unha caída do cabalo camiño de Damasco. Neses orificios os personaxes amosan, por medio da vergoña ou do abraio, unhas cartas completamente diferentes ás que viñan xogando: rehumanízanse e son, acaso por un intre (o que lles leva montar outra vez no cabalo), seres honestos. E por eses orificios damos albiscado por momentos a vida, que, saben?, en realidade non se parece tanto ás novelas de Houellebecq.

Vou rematando. O libro chámase Gran tiburón branco, como saben, e parece que ao aparecer ese bicho no título un certo vestixio de totemismo nos obriga aínda con máis forza a procurar un referente. Déixenme facer un pouco de Hemingway, patear o chan, mover os brazos en círculos e dicir que non, o tiburón non é o capitalismo e que non, non é a sociedade de consumo e que non, non é, polo amor de Cristo, Galiza, nin España, nin os Emiratos Árabes Unidos, nin nada que se lle pareza. Se unha mínima forza lle resta á literatura está na resistencia á alegoría. O neno é un neno, o peixe é un peixe. O tiburón é un tiburón. Se o ven, non paren demasiado tempo a pensar o que significa. Devoraralles as entrañas mentres vostedes cavilan nas súas andrómenas. Devorarállelas igual aínda que sexan moi guapos ou moi modernos ou moi enxeñosos ou o que sexan. Saian da auga ou algo.

26 de nov de 2012

A cabeza das xentes desta época

Vén de aparecer unha reseña de Gran tiburón branco no xornal Novas da Galiza. Asínaa A. L., non sei se por anonimato ou porque xa asinou antes no mesmo xornal. En todo caso sei quen é e non vou partirlle as pernas. A reseña, aquí. O xornal enteiro, de momento, nos quioscos.

 

18 de nov de 2012

Roth vs Levítico






























–E se casase cunha cebra? –preguntou Donald, indignado–. Un rabino casaríaa cunha cebra?
–Unha cebra ou un cebú?
–Que é un cebú?
–É unha vaca oriental cunha gran xiba. Hoxe moitas mulleres abandonan os seus homes para ir cun cebú. Que dixeras?
–Unha cebra.
–Non creo, francamente. Un rabino non tocaría unha cebra, non pode facer tal cousa. Son animais que non teñen o pezuño fendido. Para que un rabino oficie na voda dunha persoa cun animal, este debe rumiar e ter os pezuños fendidos. Un camelo, por exemplo. Un rabino pode casar unha persoa cun camelo. Unha vaca, calquera tipo de gando, unha ovella... Un rabino non pode casar alguén cun coello, xa que se ben o coello rumia, non ten pezuños fendidos. Ademais comen a súa propia merda, o que parece a primeira vista un punto ao seu favor, xa que mastigan o alimento tres veces, pero requérese que sexan dúas veces, nin máis nin menos. Por esta razón un rabino non pode casar unha persoa cun cocho, non porque o cocho sexa sucio, ese non é o problema e non o foi nunca. O problema é que o cocho, malia ter os pezuños fendidos, non rumia. A cebra pode que rumie ou non, non o sei, pero non ten os pezuños fendidos e, para os rabinos, unha soa irregularidade abonda para ficares excluído. O rabino pode casar unha persoa cun touro, madia leva. O touro é como unha vaca. É o animal divino. O deus canaanita El, do que os xudeus tiraron o Elohim, é un touro. A Liga Antidifamación trata de minimizar isto mais, gosten ou non, o El de Elohim é un touro! A paixón relixiosa básica consiste en adorar un touro. Que carallo, Donald, os xudeus deberiades estar orgullosos diso. Todas as relixións antigas eran obscenas. Sabes como imaxinaban os exipcios a orixe do universo? Calquera rapaz pódeo ler na súa enciclopedia. O deus masturbábase e o seu esperma saía voando e creaba o universo.


De El teatro de Sabbath (Philip Roth, Madrid, Alfaguara, 1997, pp. 311-312). Versionado galego sobre a tradución española de J. Fibla.

15 de nov de 2012

Varrer o confeti (II)

Este é o texto que Ana Salgado preparou para a presentación de Gran tiburón branco. O texto non tiña título orixinalmente. Di Ana que lle poña, se non me parece chungo, "Todos os enforcados morren empalmados". Non me parece chungo. O que si, non me permite engadir o nome da autora perto do título, porque a rima si que pode ser moi chunga. Pero boeno: estamos todos curados de espantos, ou case.

Resisto as tentacións egocéntricas de pór un par de notas a rodapé por alusións. O ter que manipular o código html para facelas contribúe a me sacar a gana. Brevemente: non lin a Ian McEwan. Non vin Os Soprano. David Foster Wallace interésame por momentos; Manuel Vilas só cando escribe poesía.

TODOS OS ENFORCADOS MORREN EMPALMADOS
 

A pesar de que Samuel Solleiro no correo que me escribiu convidándome me chamaba, cítoo, “referente da crítica e esas cousas”, é a segunda vez que sento aquí, nesta mesa da Librería Couceiro, e iso alégrame. Polas horas que teño pasado aquí mirando libros, mercando algúns xa de saldo ou buscando outros que aínda non chegaran. O verán pasado, cando a dereita nos contaba que estaba baixando o pan, subindo a caña e que iamos ter dúas colleitas este ano, eu viña aquí preguntar se saíra Gran tiburón branco.

Samuel Solleiro quere estar na misa, na procesión e repicando. Escribiu en dúas zebras, o blog que abriu cando estaba a piques de saír o libro, cinco anotacións a mala idea, unha por cada relato, supoñemos que co obxectivo de adiantarse aos críticos que andan por aí poñendo etiquetas e cando se atopan extravertidos mesmo queren quedar a tomar un café para facer o canon. Samuel sabe, así e todo, que é traballo inútil e que a propiedade intelectual é un roubo.

Samuel Solleiro ten nome de profeta. Os profetas tiveron un encontro coa divindade, que lles mandou traernos unha mensaxe sobre o que ha acontecer no tempo futuro. O profeta Samuel seica tamén foi o último xuíz de Israel. Samuel Solleiro le a Saul Bellow e a Phillip Roth e ten fama de roñón, léase no sentido de “poemas do si roñón”, que dixo o poeta Manuel Outeiriño. O primeiro libro de Samuel Solleiro titulouse Elexías a Deus e ao Diaño. Samuel Solleiro ten costume de andar vivindo en sitios con catedral cristiá, Tui, Compostela, Le Mans. Ata aquí o determinismo, espero.

Gran tiburón branco ten algo de exercicio cara á expiación. Non sabemos se Solleiro le a Ian Mcewan, señor que escribiu unha novela con este título, Expiación. Parécenos que si. O pecado de Samuel Solleiro era a soberbia. Esta amosouse con esplendor cando publicou dz ou o libro do esperma. Un libro cheo de enxeño e de soberbia, atravesado por imaxes cargadas de bombo, repleto de desautomatización, dun traballo esplendoroso na fronteira da lírica.

Na meirande parte das entrevistas por Gran tiburón branco o autor falou do seu intento de arredarse neste libro da escrita de dz ou o libro do esperma. Para que non se entenda o anterior como maldade inxustificada, e a pesar de que nin a miña lectura de dz en 2006 nin a miña relectura hai uns días dan estado de acordo con el, cítoo. Di Solleiro, sobre o relato “Gran tiburón branco”, que abre o libro: “Foi o primeiro texto que escribín dos cinco, e foi o único material salvábel dunha serie de exercicios que me autoimpuxen a comezos de 2008 para aprender a narrar, pouco despois de demostrar en dz ou o libro do esperma que non sabía (encher páxinas con adxectivos e tormentas de enxeño, si; narrar, non).

Outra autopromesa era esa, "dosificar a poesía para que cando aparecese sorprendese máis". Creo que tales ideas de partida deixan pegada na prosa de Gran tiburón branco, máis contida, menos pendente do impacto, non por iso de menor densidade.

Considero, así e todo, que dz e Gran tiburón branco comparten moito. Se cadra entre o máis evidente a construción de personaxes e a intención de pór o foco en zonas adoito escurecidas ou ás que chega unha luz en varios sentidos parcial. Aquí direi que a miña autoimposición á hora de escribir estas liñas foi non empregar o substantivo sordidez. Estou convencida de que a escrita de Solleiro se pode considerar sórdida unicamente en relación coa cantidade de literatura conservadora que lemos, de que lemos máis da que quereriamos, de que algo haberá que apoñerlle á crítica tamén nisto.


No libro sucédense relatos en primeira persoa, transcríbense pensamentos. Tres voces son femininas, máis viradas cara ao cinismo, quitada a da directora da Fundación Paxaros Verdes para o Salvamento das Literaturas Perdidas. As outras tres son de homes e nelas é máis doado ver a conexión con algúns dos relatos de dz: “tristeza” ou “esperma” irían canda “Soñou que eu era un cabalo”, por caso.


Ese exabrupto lírico, se cadra contra Pablo Neruda e demais familia, que viña do primeiro relato de dz, “O amor e mais a morte: eses son os mananciais onde repousan os meus ollos”, reaparece no remate da nota editorial, alongándolle outro chanzo á volta da autoficción. Metaficción haina abondosa no relato máis longo do libro, segundo o autor con feitura de novela frustrada, o titulado “As putas motos”, onde lin débedas con Roberto Bolaño e tamén cos Soprano. Claro que con esta serie tamén me pareceu que conectaba a relación entre o músico afogado en desidia de “Soñou que eu era un cabalo” e a súa psicanalista, no que se cadra é só un lugar común, paródico neste caso, do freudiano proceso de transferencia.

Na miña lectura de Gran tiburón branco nalgún momento Solleiro barallou como título Todos os enforcados morren empalmados. De novo “o amor –ou o sexo– e mais a morte, estes son os mananciais onde repousan os meus ollos”. Enforcados morren a señora Remedios de “Caída de Abraham Rosenblath”, Sadam Husseim en “Guerra civil” e –e agora vén algo que descubrín a semana pasada que se chama spoiler–, Samuel Solleiro en “Extras”, amais da alusión ao suicidio de Foster Wallace en “As putas motos”. Parece moito para un libro de cinco relatos. Se dixese eses son os mananciais onde repousa a literatura universal se cadra estaría arremedando o profesor Solleiro cando se pon pedagoxicamente irónico, e non creo que queira.


Vou facer eu un pouco de profesora, que para algo foi o meu oficio estes últimos anos, e dicir que relacionado co tema da morte está a culpa, e dela está inzado o libro, e relacionado co tema do amor están as figuras xeométricas, poñamos o triángulo (por denominalo con liñas da moral burguesa) como combinación sexual máis frecuente. Hai cando menos un por relato, e incluímos aquí “Guerra civil” polo convencemento de que en CKP, filme pornográfico que ven os personaxes adolescentes nese sur profundo que é Tui, algunha caste de trío haberá.

Só pola capacidade de Samuel Solleiro para representar o desexo e a indolencia xa merecería o ultradereitista suicida que escribiu os cinco relatos de Gran tiburón branco descansar en paz no Panteón de Galegos Ilustres. Que ademais é un rapaz limpo: ao chegar ao final do libro sabemos, en fotos de Alba Viñas, que ten polo menos dezasete mudas.

Así e todo, para min o mellor deste libro está posto na súa capacidade para achegarse ao íntimo sen arredalo do público, para, a falta de que dea cunha maneira mellor de dicilo, escribir despois do moralismo. Non era doado cuns personaxes masculinos tan atafegados pola culpa, ese sentimento xerador de compracencia e de esterilidade. Elas, as mulleres de Gran tiburón branco, aínda que saen algo mellor paradas, son máis intelixentes, xa dixemos que escoran cara ao cinismo. E Samuel Solleiro di que non quere ser un escritor posmoderno. Preguntámonos, preguntámoslle, que vén despois diso para un autor que leu algo o estadounidense Foster Wallace ou o español Manuel Vilas e que estima o Suso de Toro de Polaroid cando van alá vinte e cinco anos. O Samuel Solleiro que escribiu no 2008: “Para min non hai texto serio que non teña humor (non confundir seriedade con estrinximento) e non hai artefacto literario quen de me interesar que non empregue o humor como unha das súas armas. Hai algo no humor, como unha capacidade de estoupar nas mans do destinatario, que o fai superior a calquera outra forma de protesta”. Confeso que rin en alto lendo Gran tiburón branco ante o desconcerto de quen me acompañaba e sabe das miñas limitacións co sentido do humor. Así e todo, esa idea de que o humor estea por riba de calquera outra forma de protesta é seguramente o lugar onde Samuel Solleiro e mais eu nos atopamos máis arredados. E isto non é porque veña aí o 14 de novembro e se me vaia poñendo temperamento de folga xeral, nin porque non saiba que podo estar sendo reducionista. Vén de antes. Tamén me dá aínda máis gana de ler aquilo que Samuel Solleiro escriba, agora mesmo Punk, ese libro de poemas anteriores aos violentos anos dez e que ha saír en novembro. E en por diante pediremos.


Ana Salgado



12 de nov de 2012

Samuel Solleiro non sabe falar por teléfono

Isto era algo que eu polo menos xa sabía, pero veño de escoitar, con días de retraso, a entrevista que me fixo Iago Martínez en Disimulen (Cuac FM) e mi madre querida. Se son dos que lles dá angustia escoitar persoas que se atrancan, tatexan e fan pausas cada tres segundos para procurar unha palabra, NON ESCOITEN esta entrevista. Para os demais, caros morbosos, amantes do sufrimento alleo, pódena escoitar aquí.

En 20'27'', logo doutra entrevista ao responsábel da editora Hugin e Munin, a xornalista Montse Dopico traza o perfil dun servidor, e desde 23'43'' e até o final está a entrevista, que, unha vez asumidos os problemas de logopedia mencionados, hai que admitir que é interesante, faltaría máis.

 
 

11 de nov de 2012

Varrer o confeti (I)

Alá foi a presentación en Compostela de Gran tiburón branco. Vai xa para dúas semanas, pero un ten -tivo- outras cousas que facer. Agora toca varrer o confeti e pinchar os globos un por un. Eis a crónica do evento que sacou Manuel Bragado no seu blogue. Tamén apareceu unha nota nas páxinas locais de La Voz de Galicia. Aquí. Axiña máis.


La linea orizzontale / ci spinge verso la materia, / quella verticale verso lo spirito. (Foto de Adrián Estévez) 

30 de out de 2012

Reinventarse ou morrer

Vén de aparecer unha nova entrevista sobre Gran tiburón branco, neste caso en Letra en Obras. Aquí.

Saben? Ademais esta tarde presento o libro. Aquí



24 de out de 2012

Saúdo romano

Presento Gran tiburón branco. En persoa, digo Este é o texto que acompaña o evento en facebook:

"De hoxe en oito días (o martes trinta, por se ven isto con retraso) presentarase o libro Gran tiburón branco de Samuel Solleiro na libraría Couceiro de Compostela ás 20 h.

Estarán presentes o editor, Manuel Bragado, a crítica literaria Ana Salgado e o autor, que, como se sabe, é de extrema dereita e por iso aparece aquí na foto ensaiando un saúdo romano."


O do saúdo romano dáme vergoña poñelo aquí, para a posteridade e tal. Por iso no seu lugar poño unha foto dos osos amorosos:

 

23 de out de 2012

A vida segue...

...igual. Ou peor. Pero enfín. Aquí estamos e esas cousas. Un día da semana pasada, sen ir máis lonxe, apareceu unha crítica de Gran tiburón branco no suplemento Faro da cultura do Faro de Vigo (aquí), a cargo de Francisco Martínez Bouzas. Ai, a semana pasada. Pero a vida segue. E esas cousas.

 

13 de out de 2012

Que buscas na area?

Agora si, a crítica de X. M. Eyré de Gran tiburón branco. Aquí, en Galicia Confidencial.


9 de out de 2012

Ser feliz

O das entrevistas é un non parar, menos mal que non me presento ás eleccións (outros tudenses fano). O luns apareceu outra máis, neste caso aquí, en Dioivo, a cargo de Moncho Mariño (xornalista do que talvez alguén coñeza as entrevistas gonzo no seu blogue, pero isto é diferente). Falo sobre ser feliz e cousas así. Pois nada. Que sigan ben.



7 de out de 2012

Resacas

Nesta fin de semana que remata, quen pasase a ou as resacas ou, enfín, o que queira que teñan polas mañás os galegos abstemios, a enredar en Praza pública talvez atopase (e pode que alguén mesmo lese) a entrevista que me fixo Montse Dopico. Para a demais xente, aquí a deixo.


5 de out de 2012

Son un melancólico, son un porcallán

Acaba de aparecer un apuntamento sobre Gran tiburón branco (non vou dicir reseña porque un dos parágrafos comeza coa expresión "estou lendo..." e eu que sei) no blogue do crítico X. M. Eyré, isto é, aquí.

Eyré emprega a expresión "realismo hipersucio" para o meu libro. E un le iso, quero dicir eu, leo iso e cobro conciencia de que, enfín, tiven que erguerme ás seis e media da mañá, que entre ducharme e almorzar escollín a segunda cousa, meto o nariz no xersei e si. Hipersucio soa un tanto excesivo, pero pode ser. Despois de todo hai, enfín, narices e narices. Vale. Hipersucio. Soa até ben.

Pero, realismo?


3 de out de 2012

Feliz como un watusi: Mswati III de Swazilandia

Vén de aparecer en Letra en Obras a quinta entrega do meu espazo mensal Feliz como un watusi. Neste caso está dedicado a Swazilandia. A ver se escribo pronto sobre algún país grande, que con estes pequenos o mapa non dá collido cor.

"Mswati III de Swazilandia e o poder romántico" pódese ler aquí.


 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Artigos anteriores:

1 de out de 2012

Como una blanca azucena



Apareceu este sábado unha nova crítica de Gran tiburón branco. Aquí a está. Publicouse no suplemento Culturas de La Voz de Galicia e asínaa Ramón Nicolás.

Quen non asina é o fotógrafo: é evidente que a foto foi tomada o día da miña primeira comuñón. En todo caso hai que agradecerlle a La Voz de Galicia (entre tantas outras cousas) que decidisen cortar o cacho no que aparecía o cura. Con certeza o verde da casula del combinaba mal co rosa fucsia do meu rostro.

24 de set de 2012

Signum crucis























 Acaba de aparecer o último número (e derradeiro en papel, disque) do Boletín Galego de Literatura, dedicado a algo chamado "textualidade dixital". O meu artigo chámase "Signum crucis: a historia do cinema como encrucillada en Jean-Luc Godard e Harun Farocki" e trata de explicar como eses dous señores, que son directores de cinema, tratan a historia do ídem non en si senón como un punto no que se cruzan as historias doutras cousas. Se non o entenderon aquí, talvez o entendan no abstract:

"O filme Histoire(s) du cinéma (Jean-Luc Godard, 1998) supuxo, fóra do ámbito puramente fílmico, unha toma de posición controvertida sobre a propia disciplina da historiografía, pois, mesmo se metodoloxicamente non é prudente adscribilo claramente a esta, ten puntos en común con ela que ultrapasan a barreira institucional da disciplina. Neste traballo analízase o momento no que esta reflexión sobre a historia se concreta na historia do propio medio cinematográfico e examínase como a idea principal a este respecto implica unha apertura de natureza interdisciplinar na súa xenealoxía, de modo que o arquivo da historia do cinema non é puramente fílmico e o cinema é un capítulo na historia de moitas outras cousas. No entanto, admítese que o traballo de Godard ten unha dimensión monumental e melancólica (debida á súa propia centralidade na institución cinematográfica e á lexitimidade autorial que dela resulta) que dá lugar a unha escuridade formal e a un certo conservadorismo que contrastan coa súa visión anovadora da historia. Como antídoto, proponse un diálogo coa obra do realizador alemán Harun Farocki, cunha visión próxima á de Godard pero liberada da pesada carga autorial deste, e exemplifícase cun dos seus filmes (Arbeiter verlassen die Fabrik, 1995) a mencionada idea de que o cinema é un capítulo na historia doutra cousa –neste caso, do traballo".

22 de set de 2012

As plantas gabeadoras

Apareceron ao longo da semana dúas críticas de Gran tiburón branco.

A primeira, a cargo de Chus Nogueira, emitiuse no Diario cultural da Radio Galega o 18 de setembro. Comeza arredor do minuto 38 e pódese escoitar aquí.

A segunda é de Manuel Rodríguez Alonso, do 21 de setembro, e aparece no seu blogue Bouvard e Pécuchet, isto é, aquí.


19 de set de 2012

Vas a verme por la tele

O luns volveu á Galega o programa ZigZag. Entrevistáronme por Gran tiburón branco, e celébroo. Foi nas pozas de Chaián, en Trazo, moi perto de onde foi tomada a foto da capa do libro. É a partir do minuto 12, entre Murguía e Aíd.



Tamén un par de días antes fixéranme unha minientrevista no programa Somos quen da Radio Galega. Tamén o celebro, non crean. Aquí (aquí o programa, non que o celebre aquí). Minuto 48.

9 de set de 2012

Polaroid


Hai uns poucos días remataba eu as miñas vacacións en Galiza e atopei nunha libraría de vello un exemplar de Polaroid, o libro de Suso de Toro de 1986 (o da capa bonita que poño abaixo, non a edición rosada que sacaron despois). Compreino sen pensalo moito. Na casa boteille unha ollada rápida e activóuseme unha magdalena de Proust. Adoro este libro, si. Non é unha adoración obxectiva, non é necesariamente o meu libro favorito, nin o meu libro galego favorito, pero dá espertado en min aquela sensación de algo ser absolutamente novo que non aparece, madia leva, todos os días. Non sei que parte de culpa de que eu (castelanfalante até os dezanove anos: insúltenme) comezase a escribir en galego tivo Polaroid. Pero unha parte tívoa seguro. Non sei por que, desde o bastión tudense no que eu vivía, a lingua galega parecía suficientemente exótica como para eu desenvolver unha especie de diglosia ao revés: e Polaroid, un libro que non só era máis urbano do que eu esperaba dun libro galego, senón tamén máis urbano que a miña experiencia de todos os días, e que até se titulaba cunha palabra que cumpría procurar no dicionario, aprendeume que o galego era a lingua das cidades e dos libros modernos mentres que o castelán apenas servía para comentar no patio da escola as mellores xogadas de Porky's 3.

O que segue é o texto completo que lle enviei a Daniel Salgado cando me preguntou sobre o libro para celebrarlle os 25 anos nun artigo no Luces d'El País que se chamou “Meteorito 'Polaroid'” e que poden ler aquí.





























Un familiar tiña Polaroid, a saber por que, e foi, talvez, o primeiro libro para adultos (en xeral, non só en galego) que lin na vida. O listón ficou moi arriba, non sei se algunha vez volvín encontrar un libro galego, non direi tan acabado, pero si con ese grao de risco. Lelo e relelo (na altura tiña poucos libros e relía con frecuencia) quitoume todo o autoodio de vez (o literario: o outro aínda me levou o seu tempo pero esa é outra historia). O libro é un proxecto que hoxe chamariamos, con ánimo reducionista, posmoderno: unha novela que parecen contos e que trata de abranguer todo, do sexo (moito me masturbei cun dos capítulos no que aparecía unha muller en bata, non teño o libro a man e non lembro o título) até a patria (os manifestos kamikazes son a cimeira aínda non superada do uso da ironía na cultura galega), pasando polo uso das fotografías varios anos antes de que Sebald publicase ningunha novela. En linguas menos periféricas é hoxe o día no que andan a se publicar libros semellantes e os seus autores pasan por ser unha especie de xenios. As razóns políticas son evidentes, pero tamén outras: a continuidade experimental de Polaroid tardou moito en chegar, se é que algunha vez chegou, e supoño que o libro asustou algunha xente, comezando polo seu autor que, malia facer algúns bos libros antes de capitular a mediados dos noventa da boa literatura e recentemente da literatura tout court, pareceu arrepentirse de abrir a caixa dos tronos e tratou de amañalo con sucedáneos como Tic tac, que non é un mal libro pero non é o mesmo, e que eu pensaba que estaba considerada a súa grande obra e Polaroid só a leramos uns poucos despistados. Alégrame, en todo caso, saber que non, se realmente é que non.