26 de nov de 2012

A cabeza das xentes desta época

Vén de aparecer unha reseña de Gran tiburón branco no xornal Novas da Galiza. Asínaa A. L., non sei se por anonimato ou porque xa asinou antes no mesmo xornal. En todo caso sei quen é e non vou partirlle as pernas. A reseña, aquí. O xornal enteiro, de momento, nos quioscos.

 

18 de nov de 2012

Roth vs Levítico






























–E se casase cunha cebra? –preguntou Donald, indignado–. Un rabino casaríaa cunha cebra?
–Unha cebra ou un cebú?
–Que é un cebú?
–É unha vaca oriental cunha gran xiba. Hoxe moitas mulleres abandonan os seus homes para ir cun cebú. Que dixeras?
–Unha cebra.
–Non creo, francamente. Un rabino non tocaría unha cebra, non pode facer tal cousa. Son animais que non teñen o pezuño fendido. Para que un rabino oficie na voda dunha persoa cun animal, este debe rumiar e ter os pezuños fendidos. Un camelo, por exemplo. Un rabino pode casar unha persoa cun camelo. Unha vaca, calquera tipo de gando, unha ovella... Un rabino non pode casar alguén cun coello, xa que se ben o coello rumia, non ten pezuños fendidos. Ademais comen a súa propia merda, o que parece a primeira vista un punto ao seu favor, xa que mastigan o alimento tres veces, pero requérese que sexan dúas veces, nin máis nin menos. Por esta razón un rabino non pode casar unha persoa cun cocho, non porque o cocho sexa sucio, ese non é o problema e non o foi nunca. O problema é que o cocho, malia ter os pezuños fendidos, non rumia. A cebra pode que rumie ou non, non o sei, pero non ten os pezuños fendidos e, para os rabinos, unha soa irregularidade abonda para ficares excluído. O rabino pode casar unha persoa cun touro, madia leva. O touro é como unha vaca. É o animal divino. O deus canaanita El, do que os xudeus tiraron o Elohim, é un touro. A Liga Antidifamación trata de minimizar isto mais, gosten ou non, o El de Elohim é un touro! A paixón relixiosa básica consiste en adorar un touro. Que carallo, Donald, os xudeus deberiades estar orgullosos diso. Todas as relixións antigas eran obscenas. Sabes como imaxinaban os exipcios a orixe do universo? Calquera rapaz pódeo ler na súa enciclopedia. O deus masturbábase e o seu esperma saía voando e creaba o universo.


De El teatro de Sabbath (Philip Roth, Madrid, Alfaguara, 1997, pp. 311-312). Versionado galego sobre a tradución española de J. Fibla.

15 de nov de 2012

Varrer o confeti (II)

Este é o texto que Ana Salgado preparou para a presentación de Gran tiburón branco. O texto non tiña título orixinalmente. Di Ana que lle poña, se non me parece chungo, "Todos os enforcados morren empalmados". Non me parece chungo. O que si, non me permite engadir o nome da autora perto do título, porque a rima si que pode ser moi chunga. Pero boeno: estamos todos curados de espantos, ou case.

Resisto as tentacións egocéntricas de pór un par de notas a rodapé por alusións. O ter que manipular o código html para facelas contribúe a me sacar a gana. Brevemente: non lin a Ian McEwan. Non vin Os Soprano. David Foster Wallace interésame por momentos; Manuel Vilas só cando escribe poesía.

TODOS OS ENFORCADOS MORREN EMPALMADOS
 

A pesar de que Samuel Solleiro no correo que me escribiu convidándome me chamaba, cítoo, “referente da crítica e esas cousas”, é a segunda vez que sento aquí, nesta mesa da Librería Couceiro, e iso alégrame. Polas horas que teño pasado aquí mirando libros, mercando algúns xa de saldo ou buscando outros que aínda non chegaran. O verán pasado, cando a dereita nos contaba que estaba baixando o pan, subindo a caña e que iamos ter dúas colleitas este ano, eu viña aquí preguntar se saíra Gran tiburón branco.

Samuel Solleiro quere estar na misa, na procesión e repicando. Escribiu en dúas zebras, o blog que abriu cando estaba a piques de saír o libro, cinco anotacións a mala idea, unha por cada relato, supoñemos que co obxectivo de adiantarse aos críticos que andan por aí poñendo etiquetas e cando se atopan extravertidos mesmo queren quedar a tomar un café para facer o canon. Samuel sabe, así e todo, que é traballo inútil e que a propiedade intelectual é un roubo.

Samuel Solleiro ten nome de profeta. Os profetas tiveron un encontro coa divindade, que lles mandou traernos unha mensaxe sobre o que ha acontecer no tempo futuro. O profeta Samuel seica tamén foi o último xuíz de Israel. Samuel Solleiro le a Saul Bellow e a Phillip Roth e ten fama de roñón, léase no sentido de “poemas do si roñón”, que dixo o poeta Manuel Outeiriño. O primeiro libro de Samuel Solleiro titulouse Elexías a Deus e ao Diaño. Samuel Solleiro ten costume de andar vivindo en sitios con catedral cristiá, Tui, Compostela, Le Mans. Ata aquí o determinismo, espero.

Gran tiburón branco ten algo de exercicio cara á expiación. Non sabemos se Solleiro le a Ian Mcewan, señor que escribiu unha novela con este título, Expiación. Parécenos que si. O pecado de Samuel Solleiro era a soberbia. Esta amosouse con esplendor cando publicou dz ou o libro do esperma. Un libro cheo de enxeño e de soberbia, atravesado por imaxes cargadas de bombo, repleto de desautomatización, dun traballo esplendoroso na fronteira da lírica.

Na meirande parte das entrevistas por Gran tiburón branco o autor falou do seu intento de arredarse neste libro da escrita de dz ou o libro do esperma. Para que non se entenda o anterior como maldade inxustificada, e a pesar de que nin a miña lectura de dz en 2006 nin a miña relectura hai uns días dan estado de acordo con el, cítoo. Di Solleiro, sobre o relato “Gran tiburón branco”, que abre o libro: “Foi o primeiro texto que escribín dos cinco, e foi o único material salvábel dunha serie de exercicios que me autoimpuxen a comezos de 2008 para aprender a narrar, pouco despois de demostrar en dz ou o libro do esperma que non sabía (encher páxinas con adxectivos e tormentas de enxeño, si; narrar, non).

Outra autopromesa era esa, "dosificar a poesía para que cando aparecese sorprendese máis". Creo que tales ideas de partida deixan pegada na prosa de Gran tiburón branco, máis contida, menos pendente do impacto, non por iso de menor densidade.

Considero, así e todo, que dz e Gran tiburón branco comparten moito. Se cadra entre o máis evidente a construción de personaxes e a intención de pór o foco en zonas adoito escurecidas ou ás que chega unha luz en varios sentidos parcial. Aquí direi que a miña autoimposición á hora de escribir estas liñas foi non empregar o substantivo sordidez. Estou convencida de que a escrita de Solleiro se pode considerar sórdida unicamente en relación coa cantidade de literatura conservadora que lemos, de que lemos máis da que quereriamos, de que algo haberá que apoñerlle á crítica tamén nisto.


No libro sucédense relatos en primeira persoa, transcríbense pensamentos. Tres voces son femininas, máis viradas cara ao cinismo, quitada a da directora da Fundación Paxaros Verdes para o Salvamento das Literaturas Perdidas. As outras tres son de homes e nelas é máis doado ver a conexión con algúns dos relatos de dz: “tristeza” ou “esperma” irían canda “Soñou que eu era un cabalo”, por caso.


Ese exabrupto lírico, se cadra contra Pablo Neruda e demais familia, que viña do primeiro relato de dz, “O amor e mais a morte: eses son os mananciais onde repousan os meus ollos”, reaparece no remate da nota editorial, alongándolle outro chanzo á volta da autoficción. Metaficción haina abondosa no relato máis longo do libro, segundo o autor con feitura de novela frustrada, o titulado “As putas motos”, onde lin débedas con Roberto Bolaño e tamén cos Soprano. Claro que con esta serie tamén me pareceu que conectaba a relación entre o músico afogado en desidia de “Soñou que eu era un cabalo” e a súa psicanalista, no que se cadra é só un lugar común, paródico neste caso, do freudiano proceso de transferencia.

Na miña lectura de Gran tiburón branco nalgún momento Solleiro barallou como título Todos os enforcados morren empalmados. De novo “o amor –ou o sexo– e mais a morte, estes son os mananciais onde repousan os meus ollos”. Enforcados morren a señora Remedios de “Caída de Abraham Rosenblath”, Sadam Husseim en “Guerra civil” e –e agora vén algo que descubrín a semana pasada que se chama spoiler–, Samuel Solleiro en “Extras”, amais da alusión ao suicidio de Foster Wallace en “As putas motos”. Parece moito para un libro de cinco relatos. Se dixese eses son os mananciais onde repousa a literatura universal se cadra estaría arremedando o profesor Solleiro cando se pon pedagoxicamente irónico, e non creo que queira.


Vou facer eu un pouco de profesora, que para algo foi o meu oficio estes últimos anos, e dicir que relacionado co tema da morte está a culpa, e dela está inzado o libro, e relacionado co tema do amor están as figuras xeométricas, poñamos o triángulo (por denominalo con liñas da moral burguesa) como combinación sexual máis frecuente. Hai cando menos un por relato, e incluímos aquí “Guerra civil” polo convencemento de que en CKP, filme pornográfico que ven os personaxes adolescentes nese sur profundo que é Tui, algunha caste de trío haberá.

Só pola capacidade de Samuel Solleiro para representar o desexo e a indolencia xa merecería o ultradereitista suicida que escribiu os cinco relatos de Gran tiburón branco descansar en paz no Panteón de Galegos Ilustres. Que ademais é un rapaz limpo: ao chegar ao final do libro sabemos, en fotos de Alba Viñas, que ten polo menos dezasete mudas.

Así e todo, para min o mellor deste libro está posto na súa capacidade para achegarse ao íntimo sen arredalo do público, para, a falta de que dea cunha maneira mellor de dicilo, escribir despois do moralismo. Non era doado cuns personaxes masculinos tan atafegados pola culpa, ese sentimento xerador de compracencia e de esterilidade. Elas, as mulleres de Gran tiburón branco, aínda que saen algo mellor paradas, son máis intelixentes, xa dixemos que escoran cara ao cinismo. E Samuel Solleiro di que non quere ser un escritor posmoderno. Preguntámonos, preguntámoslle, que vén despois diso para un autor que leu algo o estadounidense Foster Wallace ou o español Manuel Vilas e que estima o Suso de Toro de Polaroid cando van alá vinte e cinco anos. O Samuel Solleiro que escribiu no 2008: “Para min non hai texto serio que non teña humor (non confundir seriedade con estrinximento) e non hai artefacto literario quen de me interesar que non empregue o humor como unha das súas armas. Hai algo no humor, como unha capacidade de estoupar nas mans do destinatario, que o fai superior a calquera outra forma de protesta”. Confeso que rin en alto lendo Gran tiburón branco ante o desconcerto de quen me acompañaba e sabe das miñas limitacións co sentido do humor. Así e todo, esa idea de que o humor estea por riba de calquera outra forma de protesta é seguramente o lugar onde Samuel Solleiro e mais eu nos atopamos máis arredados. E isto non é porque veña aí o 14 de novembro e se me vaia poñendo temperamento de folga xeral, nin porque non saiba que podo estar sendo reducionista. Vén de antes. Tamén me dá aínda máis gana de ler aquilo que Samuel Solleiro escriba, agora mesmo Punk, ese libro de poemas anteriores aos violentos anos dez e que ha saír en novembro. E en por diante pediremos.


Ana Salgado



12 de nov de 2012

Samuel Solleiro non sabe falar por teléfono

Isto era algo que eu polo menos xa sabía, pero veño de escoitar, con días de retraso, a entrevista que me fixo Iago Martínez en Disimulen (Cuac FM) e mi madre querida. Se son dos que lles dá angustia escoitar persoas que se atrancan, tatexan e fan pausas cada tres segundos para procurar unha palabra, NON ESCOITEN esta entrevista. Para os demais, caros morbosos, amantes do sufrimento alleo, pódena escoitar aquí.

En 20'27'', logo doutra entrevista ao responsábel da editora Hugin e Munin, a xornalista Montse Dopico traza o perfil dun servidor, e desde 23'43'' e até o final está a entrevista, que, unha vez asumidos os problemas de logopedia mencionados, hai que admitir que é interesante, faltaría máis.

 
 

11 de nov de 2012

Varrer o confeti (I)

Alá foi a presentación en Compostela de Gran tiburón branco. Vai xa para dúas semanas, pero un ten -tivo- outras cousas que facer. Agora toca varrer o confeti e pinchar os globos un por un. Eis a crónica do evento que sacou Manuel Bragado no seu blogue. Tamén apareceu unha nota nas páxinas locais de La Voz de Galicia. Aquí. Axiña máis.


La linea orizzontale / ci spinge verso la materia, / quella verticale verso lo spirito. (Foto de Adrián Estévez)