28 de abr. de 2014

Facer algo bonito

Camarada: Eu só quería facer algo bonito é o título do primeiro libro de Begoña Díez Sanz (Follas Novas, 2014). O libro presentouse en Compostela a semana pasada e este é o texto que escribín eu para a ocasión e que tivo que ler outra persoa porque eu tiña ocupacións ben máis ingratas que atender a esas horas.


























YO TENÍA UN CAMARADA


Confeso que son un lector de poesía bastante ocasional e que normalmente son incapaz de producir o máis mínimo discurso sobre a linguaxe lírica, fóra de banais “este libro está moi ben” ou “este libro non está demasiado ben”. É a tardiña do xoves 24 de abril e aínda non tiven a oportunidade de ler Camarada: Eu só quería facer algo bonito, pero xa me vou alegrando de que teña un título narrativo e me faga pensar en historias un pouco raras. Algunhas evocan o socialismo, pero, como sempre me pasa, tiro polo lado escuro, lembro que os militantes de Falange Española tamén se trataban de camaradas, como demostra aquela canción (cantar): Yo tenía un camarada / Entre todos el mejor / Siempre juntos caminábamos, / siempre juntos avanzábamos, / al redoble del tambor, e penso unha historia na que un falanxista trata de xustificarse ante o seu superior por un crime consumado cunha crueldade excesiva que na súa alma (pois como todos os fascistas estetiza a realidade) resulta estrañamente fermoso. O seu superior, naturalmente, fará como que o pensa e perdoaráo.


Despois o libro, como era de esperar, demostra que non vai sobre falanxistas nin nada que se lle pareza. É a mañá do venres 24 de abril e onte atopei máis ben que Camarada: Eu só quería facer algo bonito fala de algo que dalgunha maneira rematou para sempre ou está a piques de rematar e non o fixo sequera coa vontade estética do sacrificio ritual do noso amigo o falanxista senón caladamente, deixándose levar polo silencio, polo simulacro, tan banal como a irrupción dun anuncio de playlists para ximnasios no medio dunha reprodución da Noite Transfigurada de Schoenberg en Spotify. E de como o amor é ficción no mellor dos casos e de como o sexo ou algo que se parece ao sexo é ao mesmo tempo unha pastilla que fai soportábeis as miserias e unha máquina de fabricar miserias. E de como o tempo se conxela na ruptura e non deixa de pasar pero pasa con indiferenza, e de como en realidade non se conxela o tempo senón o seu sentido. E de como aí está o rancor, e o rir por non chorar, e o sarcasmo, e a compaixón, e a autocompaixón, e outra vez o sarcasmo, e outra vez o rancor, e a culpa. E de como polo medio aparecen Peter Sloterdijk e María do Cebreiro e un tal Xavier Campos que parece que escribiu a frase do título pero tampouco a aclara, e até eu (eu, señoras; eu, mamá: eu) explicando o febles que somos, porque no fondo entendo que este é un libro que fala sobre a forza e sobre a ausencia da forza ou a necesidade da forza, pero no fondo todos os libros falan sobre a forza ao seu xeito, agás os de cociña e os de gramática. E, enfín, de como todo podía ter sido máis bonito pero non o foi e boeno.


E despois, e é venres xa pola tarde, penso que ás veces as cousas que puideron ser bonitas e non o foron producen resultados inesperados, libros como este, e que menos mal, porque do lado da beleza está o falanxista de antes mirando cos ollos brillantes alternativamente a pila de cadáveres e a cara do seu superior, satisfeito en certo modo, extasiado, feliz de que as cousas saian ben. Yo tenía un camarada / Entre todos el mejor / Siempre juntos caminábamos, / siempre juntos avanzábamos, / al redoble del tambor. Pero nós non queremos iso.

24 de abr. de 2014

Arder


Xa hai un par de semanas, Armando Requeixo publicou en Praza Pública unha crítica do meu libro Punk. Non estiven moi atento a actualizar o blogue este e fágoo agora que a mesma crítica aparece no web do autor, Criticalia. Aquí e aquí (pero é o mesmo texto).