24 de set. de 2012

Signum crucis























 Acaba de aparecer o último número (e derradeiro en papel, disque) do Boletín Galego de Literatura, dedicado a algo chamado "textualidade dixital". O meu artigo chámase "Signum crucis: a historia do cinema como encrucillada en Jean-Luc Godard e Harun Farocki" e trata de explicar como eses dous señores, que son directores de cinema, tratan a historia do ídem non en si senón como un punto no que se cruzan as historias doutras cousas. Se non o entenderon aquí, talvez o entendan no abstract:

"O filme Histoire(s) du cinéma (Jean-Luc Godard, 1998) supuxo, fóra do ámbito puramente fílmico, unha toma de posición controvertida sobre a propia disciplina da historiografía, pois, mesmo se metodoloxicamente non é prudente adscribilo claramente a esta, ten puntos en común con ela que ultrapasan a barreira institucional da disciplina. Neste traballo analízase o momento no que esta reflexión sobre a historia se concreta na historia do propio medio cinematográfico e examínase como a idea principal a este respecto implica unha apertura de natureza interdisciplinar na súa xenealoxía, de modo que o arquivo da historia do cinema non é puramente fílmico e o cinema é un capítulo na historia de moitas outras cousas. No entanto, admítese que o traballo de Godard ten unha dimensión monumental e melancólica (debida á súa propia centralidade na institución cinematográfica e á lexitimidade autorial que dela resulta) que dá lugar a unha escuridade formal e a un certo conservadorismo que contrastan coa súa visión anovadora da historia. Como antídoto, proponse un diálogo coa obra do realizador alemán Harun Farocki, cunha visión próxima á de Godard pero liberada da pesada carga autorial deste, e exemplifícase cun dos seus filmes (Arbeiter verlassen die Fabrik, 1995) a mencionada idea de que o cinema é un capítulo na historia doutra cousa –neste caso, do traballo".