Mostrando postagens com marcador gran tiburón branco. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador gran tiburón branco. Mostrar todas as postagens

20 de fev. de 2014

A gran novela

Hai uns poucos meses apareceu, e non dixen aquí nada, o último número da revista Madrygal, da Universidade Complutense de Madrid, na que se inclúe un relato inédito meu, escrito pouco despois dos textos de Gran tiburón branco, que se chama "A gran novela". O relato pódese ler integramente aquí.

Na mesma revista aparecía unha crítica moi interesante de Gran tiburón branco a cargo de Vanesa Rodríguez Tembrás. Aquí.

30 de jun. de 2013

Ah

Ás veces un esquece durante unha tempada procurar o seu nome no google e despois aparecen sorpresas. Como a crítica a Gran tiburón branco a cargo de Alfredo Ferreiro publicada no seu blogue O levantador de minas, aquí. Que é de hai uns poucos días en realidade, pero podía ser de hai tres meses e non me había decatar. Sirva en todo caso para celebrar o primeiro anivesario do libro, que creo que vai ser un día destes.

Primeiro aniversario

8 de fev. de 2013

Todo o que ten que ver co Partido Popular é violento

Vén de aparecer o nº 20 da revista ProTexta. Inclúe unha entrevista de sorprendente titular a cargo de Óscar Iglesias, orixinalmente realizada para o suplemento Luces de El País pouco antes do seu peche. Inclúe tamén unha crítica do libro a cargo de Iago Castro Buerger. Todo, aquí.

10 de dez. de 2012

Varrer o confeti (e III)

Non era sen tempo: máis dun mes despois da presentación de Gran tiburón branco completo os posts dedicados a esa sesión co texto da miña intervención aquela noite. O único problema era que eu non escribira a miña intervención e apenas tiña uns esquemas feitos a boli. Boli verde, por se fose pouco. O que lerán a seguir é un texto feito a partir deses esquemas e da miña fráxil memoria. Isto é, un texto completamente novo que non creo que se pareza case nada ao que dixen alá e que, madia leva, tanto ten.





















CONTRA A INTERPRETACIÓN

Grazas, google. Era de Susan Sontag. O título, digo. Roldábame a cabeza desde hai días, quería este título pero sabía que non era, que non podía ser meu. Era de Susan Sontag, dun artigo de Susan Sontag. Leo o artigo e dáme gana de comezar cunha cita. O que resulta pedante, si, e un pouco ridículo tamén. Pero é que Sontag di: “Na maioría de exemplos modernos, a interpretación supón unha hipócrita negativa a deixar soa a obra de arte. A verdadeira arte ten o poder de poñernos nerviosos. Ao reducir a obra de arte ao seu contido para despois interpretar iso, domesticamos a obra de arte. A interpretación fai manexábel e maleábel a arte”. Será pedante e ridículo facer o que eu acabo de facer, pero Sontag ten razón. O de “verdadeira arte” soa algo esaxerado, pero grosso modo é o que gostaría de dicir eu respecto da literatura ou polo menos respecto dese capítulo periférico e anecdótico da literatura que se chama Gran tiburón branco e que se presenta hoxe e que escribín eu.

Pouca coña: as tendencias que Sontag observaba en 1964 seguen vixentes desde daquela e hoxe en día é moi difícil falar sobre un libro e resistir a tentación de dicir o que o libro significa. Até con libros que escribiu un mesmo pasa isto, enfín. Vou tratar de utilizar, nunha especie de judo retórico, o propio impulso da tentación para vencer a tentación: Gran tiburón branco, e isto seino agora e non o sabía cando o escribía, fala sobre a vontade de que as cousas non queiran dicir nada. Significa (e a contradición que agora vén non será a única esta noite) a posibilidade de non significar nada.

Poden as cousas non significar? Do punto de vista estritamente cognitivo, e falando de e para seres humanos, supoño que é absurdo. Pero podemos, como lectores (aínda que non, ou non tanto, como autores) parar a cadea de significación cando esta comeza a resultarnos abusiva. Na cultura posmoderna que respiramos, defensora da interpretación ilimitada, converteuse nunha especie de regra aparentemente cool a procura constante de significados e máis significados. Aos significados probábeis suceden os improbábeis: a tendencia obsérvase na omnipresenza das teorías da conspiración, fruto de
a) a simplicidade da política política fronte á política económica: V de vendetta ou calquera outra fábula da resistencia do ben fronte ao mal, sen máis, son referentes de consumo moitísimo máis agradábel que O capital, e ambas fontes son equiparábeis grazas a
b) a sobrevaloración da opinión e a decadencia da idea de verdade, que levan a que o que opina, digamos, Fernando Savater sobre O capital estea lexitimado, xa non para refutar, senón mesmo para dialogar co que Marx demostra n'O capital (o exemplo está roubado de Carlos Fernández Liria en Volver a pensar, unha hostia no nariz da posmodernidade xa en 1989).

A posmodernidade, así, quita a máscara de loitador mexicano e mostra o seu auténtico rostro reaccionario. A dispersión da cultura posmoderna precisa, despois de todo, dun fío conector, nun afán histérico por reordenar o mundo. Non era unha auténtica dispersión. Non era o caos, senón a teoría do caos. En realidade, a esta luz, as lecturas inxenuas sobre a arte como reflexo do mundo resultan moito máis liberadoras que a sospeita sistemática. A célebre frase de Hemingway sobre O vello e o mar, aparentemente reaccionaria (“Non hai simbolismo ningún. O mar é o mar. O vello é un vello. O neno é un neno e o peixe é un peixe”), cobra así un valor enorme e un respecto pola literatura que en boa medida se perdeu. Obviamente, para Hemingway isto era así porque o dicía el e el era o autor. Pero estas cousas xa só as pensan os filólogos (de vocación, non de carreira). O ideal sería chegar en tanto que lector ás mesmas conclusións sobre un libro. O que non vai ser o caso esta noite porque Gran tiburón branco, onde por certo tamén hai mares e vellos e nenos e tamén un peixe de certo tamaño, escribino eu e non o meu veciño. Segunda contradición e entramos en materia.

Falemos dos textos que inclúe, que para algo son apenas cinco: creo que se algo teñen en común é que todos eles poñen en xogo os problemas e as miserias da sobreinterpretación que nos ocupa. En “Caída de Abraham Rosenblath” isto é evidente: un home sospeita que o seu veciño é xudeu e ao longo de meses dedícase a cazar signos que confirmen as súas sospeitas, signos que á súa vez espertan outras sospeitas, y hasta aquí puedo leer. Tamén en “As putas motos” unha escritora afeita a este tipo de, digamos, fluxos mentais, atopa nunha colonia residencial de México a proba de que o mundo real existe (o que para a ideoloxía posmoderna é un descubrimento atroz) e de que no mundo real as cousas son horríbeis canto máis banais resultan, igual que na historia o terrorífico do nazismo é a súa dimensión funcionarial mentres que a cara esotérica e un pouco kitsch dun Hitler interesado no Santo Grial ou na Atlántida ou no paganismo nórdico son retóricas que, aínda que pareza o contrario, adozan o terror. En “Soñou que eu era un cabalo” o narrador escribe os seus soños para unha psicoterapeuta e o lector asiste horrorizado (supoño) á insignificancia destes, e en “Gran tiburón branco” a narradora detesta o seu home pola súa falta total de cultura paranoica, por ser tan imbécil de non sospeitar da súa infidelidade. Canto a “Guerra civil”, é talvez o único texto que, lido agora, pode ter algo de programático, e ese algo pode ser a evocación dun mundo previo á significación e a entrada, unha vez atravesados todos os fantasmas da posmodernidade (que se chaman simulacros), nun novo período no que a significación volverá a exercerse de forma máis tosca e limitada pero máis honesta. O narrador preocúpase das texturas, non dos significados, nin das causas e os efectos, nin da nostalxia nin de nada, o que me resulta difícil non conectar coa solución proposta por Sontag de concentrar a nosa atención crítica na forma e non no contido, e así, caer na miña propia trampa, autointerpretarme e contradicirme por terceira vez.

A contradición perségueme, porque en Gran tiburón branco se algo fixen foi parodiar esa cultura da paranoia, e facer algo tan posmoderno como parodiar sobre algo tan posmoderno como a cultura da paranoia déixame nun lugar, sen dúbida, contraditorio, e máis aínda sabendo que a contradición é un trazo igualmente posmoderno á súa vez. Enfín. Cómpre asumir que pertenzo, mal que ben, como todos vostedes, á cultura da posmodernidade e contra isto pódese facer moi pouco. O meu posicionamento en todo caso non trata de ser regresivo, non quere recuperar unha situación do pasado porque asumo que certos recursos desta cultura, sobretodo os máis antiidealistas e antirrománticos, foron necesarios e útiles. Porén todo isto desembocou no gran quiste do cinismo, e desculpen, pero non querería podrecer aquí. Así, tamén os meus personaxes parecen completamente atrapados polo catecismo cínico, pero todos os textos conteñen un momento, habitualmente no final, no que hai unha conversión fugaz, unha caída do cabalo camiño de Damasco. Neses orificios os personaxes amosan, por medio da vergoña ou do abraio, unhas cartas completamente diferentes ás que viñan xogando: rehumanízanse e son, acaso por un intre (o que lles leva montar outra vez no cabalo), seres honestos. E por eses orificios damos albiscado por momentos a vida, que, saben?, en realidade non se parece tanto ás novelas de Houellebecq.

Vou rematando. O libro chámase Gran tiburón branco, como saben, e parece que ao aparecer ese bicho no título un certo vestixio de totemismo nos obriga aínda con máis forza a procurar un referente. Déixenme facer un pouco de Hemingway, patear o chan, mover os brazos en círculos e dicir que non, o tiburón non é o capitalismo e que non, non é a sociedade de consumo e que non, non é, polo amor de Cristo, Galiza, nin España, nin os Emiratos Árabes Unidos, nin nada que se lle pareza. Se unha mínima forza lle resta á literatura está na resistencia á alegoría. O neno é un neno, o peixe é un peixe. O tiburón é un tiburón. Se o ven, non paren demasiado tempo a pensar o que significa. Devoraralles as entrañas mentres vostedes cavilan nas súas andrómenas. Devorarállelas igual aínda que sexan moi guapos ou moi modernos ou moi enxeñosos ou o que sexan. Saian da auga ou algo.

26 de nov. de 2012

A cabeza das xentes desta época

Vén de aparecer unha reseña de Gran tiburón branco no xornal Novas da Galiza. Asínaa A. L., non sei se por anonimato ou porque xa asinou antes no mesmo xornal. En todo caso sei quen é e non vou partirlle as pernas. A reseña, aquí. O xornal enteiro, de momento, nos quioscos.

 

15 de nov. de 2012

Varrer o confeti (II)

Este é o texto que Ana Salgado preparou para a presentación de Gran tiburón branco. O texto non tiña título orixinalmente. Di Ana que lle poña, se non me parece chungo, "Todos os enforcados morren empalmados". Non me parece chungo. O que si, non me permite engadir o nome da autora perto do título, porque a rima si que pode ser moi chunga. Pero boeno: estamos todos curados de espantos, ou case.

Resisto as tentacións egocéntricas de pór un par de notas a rodapé por alusións. O ter que manipular o código html para facelas contribúe a me sacar a gana. Brevemente: non lin a Ian McEwan. Non vin Os Soprano. David Foster Wallace interésame por momentos; Manuel Vilas só cando escribe poesía.

TODOS OS ENFORCADOS MORREN EMPALMADOS
 

A pesar de que Samuel Solleiro no correo que me escribiu convidándome me chamaba, cítoo, “referente da crítica e esas cousas”, é a segunda vez que sento aquí, nesta mesa da Librería Couceiro, e iso alégrame. Polas horas que teño pasado aquí mirando libros, mercando algúns xa de saldo ou buscando outros que aínda non chegaran. O verán pasado, cando a dereita nos contaba que estaba baixando o pan, subindo a caña e que iamos ter dúas colleitas este ano, eu viña aquí preguntar se saíra Gran tiburón branco.

Samuel Solleiro quere estar na misa, na procesión e repicando. Escribiu en dúas zebras, o blog que abriu cando estaba a piques de saír o libro, cinco anotacións a mala idea, unha por cada relato, supoñemos que co obxectivo de adiantarse aos críticos que andan por aí poñendo etiquetas e cando se atopan extravertidos mesmo queren quedar a tomar un café para facer o canon. Samuel sabe, así e todo, que é traballo inútil e que a propiedade intelectual é un roubo.

Samuel Solleiro ten nome de profeta. Os profetas tiveron un encontro coa divindade, que lles mandou traernos unha mensaxe sobre o que ha acontecer no tempo futuro. O profeta Samuel seica tamén foi o último xuíz de Israel. Samuel Solleiro le a Saul Bellow e a Phillip Roth e ten fama de roñón, léase no sentido de “poemas do si roñón”, que dixo o poeta Manuel Outeiriño. O primeiro libro de Samuel Solleiro titulouse Elexías a Deus e ao Diaño. Samuel Solleiro ten costume de andar vivindo en sitios con catedral cristiá, Tui, Compostela, Le Mans. Ata aquí o determinismo, espero.

Gran tiburón branco ten algo de exercicio cara á expiación. Non sabemos se Solleiro le a Ian Mcewan, señor que escribiu unha novela con este título, Expiación. Parécenos que si. O pecado de Samuel Solleiro era a soberbia. Esta amosouse con esplendor cando publicou dz ou o libro do esperma. Un libro cheo de enxeño e de soberbia, atravesado por imaxes cargadas de bombo, repleto de desautomatización, dun traballo esplendoroso na fronteira da lírica.

Na meirande parte das entrevistas por Gran tiburón branco o autor falou do seu intento de arredarse neste libro da escrita de dz ou o libro do esperma. Para que non se entenda o anterior como maldade inxustificada, e a pesar de que nin a miña lectura de dz en 2006 nin a miña relectura hai uns días dan estado de acordo con el, cítoo. Di Solleiro, sobre o relato “Gran tiburón branco”, que abre o libro: “Foi o primeiro texto que escribín dos cinco, e foi o único material salvábel dunha serie de exercicios que me autoimpuxen a comezos de 2008 para aprender a narrar, pouco despois de demostrar en dz ou o libro do esperma que non sabía (encher páxinas con adxectivos e tormentas de enxeño, si; narrar, non).

Outra autopromesa era esa, "dosificar a poesía para que cando aparecese sorprendese máis". Creo que tales ideas de partida deixan pegada na prosa de Gran tiburón branco, máis contida, menos pendente do impacto, non por iso de menor densidade.

Considero, así e todo, que dz e Gran tiburón branco comparten moito. Se cadra entre o máis evidente a construción de personaxes e a intención de pór o foco en zonas adoito escurecidas ou ás que chega unha luz en varios sentidos parcial. Aquí direi que a miña autoimposición á hora de escribir estas liñas foi non empregar o substantivo sordidez. Estou convencida de que a escrita de Solleiro se pode considerar sórdida unicamente en relación coa cantidade de literatura conservadora que lemos, de que lemos máis da que quereriamos, de que algo haberá que apoñerlle á crítica tamén nisto.


No libro sucédense relatos en primeira persoa, transcríbense pensamentos. Tres voces son femininas, máis viradas cara ao cinismo, quitada a da directora da Fundación Paxaros Verdes para o Salvamento das Literaturas Perdidas. As outras tres son de homes e nelas é máis doado ver a conexión con algúns dos relatos de dz: “tristeza” ou “esperma” irían canda “Soñou que eu era un cabalo”, por caso.


Ese exabrupto lírico, se cadra contra Pablo Neruda e demais familia, que viña do primeiro relato de dz, “O amor e mais a morte: eses son os mananciais onde repousan os meus ollos”, reaparece no remate da nota editorial, alongándolle outro chanzo á volta da autoficción. Metaficción haina abondosa no relato máis longo do libro, segundo o autor con feitura de novela frustrada, o titulado “As putas motos”, onde lin débedas con Roberto Bolaño e tamén cos Soprano. Claro que con esta serie tamén me pareceu que conectaba a relación entre o músico afogado en desidia de “Soñou que eu era un cabalo” e a súa psicanalista, no que se cadra é só un lugar común, paródico neste caso, do freudiano proceso de transferencia.

Na miña lectura de Gran tiburón branco nalgún momento Solleiro barallou como título Todos os enforcados morren empalmados. De novo “o amor –ou o sexo– e mais a morte, estes son os mananciais onde repousan os meus ollos”. Enforcados morren a señora Remedios de “Caída de Abraham Rosenblath”, Sadam Husseim en “Guerra civil” e –e agora vén algo que descubrín a semana pasada que se chama spoiler–, Samuel Solleiro en “Extras”, amais da alusión ao suicidio de Foster Wallace en “As putas motos”. Parece moito para un libro de cinco relatos. Se dixese eses son os mananciais onde repousa a literatura universal se cadra estaría arremedando o profesor Solleiro cando se pon pedagoxicamente irónico, e non creo que queira.


Vou facer eu un pouco de profesora, que para algo foi o meu oficio estes últimos anos, e dicir que relacionado co tema da morte está a culpa, e dela está inzado o libro, e relacionado co tema do amor están as figuras xeométricas, poñamos o triángulo (por denominalo con liñas da moral burguesa) como combinación sexual máis frecuente. Hai cando menos un por relato, e incluímos aquí “Guerra civil” polo convencemento de que en CKP, filme pornográfico que ven os personaxes adolescentes nese sur profundo que é Tui, algunha caste de trío haberá.

Só pola capacidade de Samuel Solleiro para representar o desexo e a indolencia xa merecería o ultradereitista suicida que escribiu os cinco relatos de Gran tiburón branco descansar en paz no Panteón de Galegos Ilustres. Que ademais é un rapaz limpo: ao chegar ao final do libro sabemos, en fotos de Alba Viñas, que ten polo menos dezasete mudas.

Así e todo, para min o mellor deste libro está posto na súa capacidade para achegarse ao íntimo sen arredalo do público, para, a falta de que dea cunha maneira mellor de dicilo, escribir despois do moralismo. Non era doado cuns personaxes masculinos tan atafegados pola culpa, ese sentimento xerador de compracencia e de esterilidade. Elas, as mulleres de Gran tiburón branco, aínda que saen algo mellor paradas, son máis intelixentes, xa dixemos que escoran cara ao cinismo. E Samuel Solleiro di que non quere ser un escritor posmoderno. Preguntámonos, preguntámoslle, que vén despois diso para un autor que leu algo o estadounidense Foster Wallace ou o español Manuel Vilas e que estima o Suso de Toro de Polaroid cando van alá vinte e cinco anos. O Samuel Solleiro que escribiu no 2008: “Para min non hai texto serio que non teña humor (non confundir seriedade con estrinximento) e non hai artefacto literario quen de me interesar que non empregue o humor como unha das súas armas. Hai algo no humor, como unha capacidade de estoupar nas mans do destinatario, que o fai superior a calquera outra forma de protesta”. Confeso que rin en alto lendo Gran tiburón branco ante o desconcerto de quen me acompañaba e sabe das miñas limitacións co sentido do humor. Así e todo, esa idea de que o humor estea por riba de calquera outra forma de protesta é seguramente o lugar onde Samuel Solleiro e mais eu nos atopamos máis arredados. E isto non é porque veña aí o 14 de novembro e se me vaia poñendo temperamento de folga xeral, nin porque non saiba que podo estar sendo reducionista. Vén de antes. Tamén me dá aínda máis gana de ler aquilo que Samuel Solleiro escriba, agora mesmo Punk, ese libro de poemas anteriores aos violentos anos dez e que ha saír en novembro. E en por diante pediremos.


Ana Salgado



12 de nov. de 2012

Samuel Solleiro non sabe falar por teléfono

Isto era algo que eu polo menos xa sabía, pero veño de escoitar, con días de retraso, a entrevista que me fixo Iago Martínez en Disimulen (Cuac FM) e mi madre querida. Se son dos que lles dá angustia escoitar persoas que se atrancan, tatexan e fan pausas cada tres segundos para procurar unha palabra, NON ESCOITEN esta entrevista. Para os demais, caros morbosos, amantes do sufrimento alleo, pódena escoitar aquí.

En 20'27'', logo doutra entrevista ao responsábel da editora Hugin e Munin, a xornalista Montse Dopico traza o perfil dun servidor, e desde 23'43'' e até o final está a entrevista, que, unha vez asumidos os problemas de logopedia mencionados, hai que admitir que é interesante, faltaría máis.

 
 

11 de nov. de 2012

Varrer o confeti (I)

Alá foi a presentación en Compostela de Gran tiburón branco. Vai xa para dúas semanas, pero un ten -tivo- outras cousas que facer. Agora toca varrer o confeti e pinchar os globos un por un. Eis a crónica do evento que sacou Manuel Bragado no seu blogue. Tamén apareceu unha nota nas páxinas locais de La Voz de Galicia. Aquí. Axiña máis.


La linea orizzontale / ci spinge verso la materia, / quella verticale verso lo spirito. (Foto de Adrián Estévez) 

30 de out. de 2012

Reinventarse ou morrer

Vén de aparecer unha nova entrevista sobre Gran tiburón branco, neste caso en Letra en Obras. Aquí.

Saben? Ademais esta tarde presento o libro. Aquí. 



24 de out. de 2012

Saúdo romano

Presento Gran tiburón branco. En persoa, digo.  Este é o texto que acompaña o evento en facebook:

"De hoxe en oito días (o martes trinta, por se ven isto con retraso) presentarase o libro Gran tiburón branco de Samuel Solleiro na libraría Couceiro de Compostela ás 20 h.

Estarán presentes o editor, Manuel Bragado, a crítica literaria Ana Salgado e o autor, que, como se sabe, é de extrema dereita e por iso aparece aquí na foto ensaiando un saúdo romano."


O do saúdo romano dáme vergoña poñelo aquí, para a posteridade e tal. Por iso no seu lugar poño unha foto dos osos amorosos:

 

23 de out. de 2012

A vida segue...

...igual. Ou peor. Pero enfín. Aquí estamos e esas cousas. Un día da semana pasada, sen ir máis lonxe, apareceu unha crítica de Gran tiburón branco no suplemento Faro da cultura do Faro de Vigo (aquí), a cargo de Francisco Martínez Bouzas. Ai, a semana pasada. Pero a vida segue. E esas cousas.

 

13 de out. de 2012

Que buscas na area?

Agora si, a crítica de X. M. Eyré de Gran tiburón branco. Aquí, en Galicia Confidencial.


9 de out. de 2012

Ser feliz

O das entrevistas é un non parar, menos mal que non me presento ás eleccións (outros tudenses fano). O luns apareceu outra máis, neste caso aquí, en Dioivo, a cargo de Moncho Mariño (xornalista do que talvez alguén coñeza as entrevistas gonzo no seu blogue, pero isto é diferente). Falo sobre ser feliz e cousas así. Pois nada. Que sigan ben.



7 de out. de 2012

Resacas

Nesta fin de semana que remata, quen pasase a ou as resacas ou, enfín, o que queira que teñan polas mañás os galegos abstemios, a enredar en Praza pública talvez atopase (e pode que alguén mesmo lese) a entrevista que me fixo Montse Dopico. Para a demais xente, aquí a deixo.


5 de out. de 2012

Son un melancólico, son un porcallán

Acaba de aparecer un apuntamento sobre Gran tiburón branco (non vou dicir reseña porque un dos parágrafos comeza coa expresión "estou lendo..." e eu que sei) no blogue do crítico X. M. Eyré, isto é, aquí.

Eyré emprega a expresión "realismo hipersucio" para o meu libro. E un le iso, quero dicir eu, leo iso e cobro conciencia de que, enfín, tiven que erguerme ás seis e media da mañá, que entre ducharme e almorzar escollín a segunda cousa, meto o nariz no xersei e si. Hipersucio soa un tanto excesivo, pero pode ser. Despois de todo hai, enfín, narices e narices. Vale. Hipersucio. Soa até ben.

Pero, realismo?


1 de out. de 2012

Como una blanca azucena



Apareceu este sábado unha nova crítica de Gran tiburón branco. Aquí a está. Publicouse no suplemento Culturas de La Voz de Galicia e asínaa Ramón Nicolás.

Quen non asina é o fotógrafo: é evidente que a foto foi tomada o día da miña primeira comuñón. En todo caso hai que agradecerlle a La Voz de Galicia (entre tantas outras cousas) que decidisen cortar o cacho no que aparecía o cura. Con certeza o verde da casula del combinaba mal co rosa fucsia do meu rostro.

22 de set. de 2012

As plantas gabeadoras

Apareceron ao longo da semana dúas críticas de Gran tiburón branco.

A primeira, a cargo de Chus Nogueira, emitiuse no Diario cultural da Radio Galega o 18 de setembro. Comeza arredor do minuto 38 e pódese escoitar aquí.

A segunda é de Manuel Rodríguez Alonso, do 21 de setembro, e aparece no seu blogue Bouvard e Pécuchet, isto é, aquí.


19 de set. de 2012

Vas a verme por la tele

O luns volveu á Galega o programa ZigZag. Entrevistáronme por Gran tiburón branco, e celébroo. Foi nas pozas de Chaián, en Trazo, moi perto de onde foi tomada a foto da capa do libro. É a partir do minuto 12, entre Murguía e Aíd.



Tamén un par de días antes fixéranme unha minientrevista no programa Somos quen da Radio Galega. Tamén o celebro, non crean. Aquí (aquí o programa, non que o celebre aquí). Minuto 48.

26 de ago. de 2012

A cociñar con Gran tiburón branco, vol. V (e último): Guerra civil


Guerra civil

“Guerra civil” é o meu Faulkner privado; digo Faulkner case como estado de ánimo ou como arte poética e non tanto como referencia real a Faulkner, o que sería pretencioso e tamén falso tendo en conta que a Faulkner só lle lin un libro (Santuario) e hai bastante tempo diso. Pero está a ambientación southern e o feito de que o estilo da voz narrativa estea inzado de repeticións e digresións estrañas debidas, ambas, a un hábito (o consumo continuado de marihuana) que pertence á ficción do narrador.

Non é necesariamente un texto autobiográfico este, non máis que os outros en todo caso, aínda que a escolla de Tui como contexto para narrar unha adolescencia (eu que tendo a non contextualizar demasiado o que escribo) recoñezo que pretende provocar unha (falsa) interpretación biográfica. En realidade a miña relación coa marihuana nunca pasou dunha fría cordialidade e nunca supuxo nada parecido a un hábito, e menos aínda antes dos dezanove ou vinte anos; e tampouco tiven daquela unha videocámara nin atopei nunca un cadáver no río nin me masturbaba máis do que imaxino que é o habitual a esas idades. Hai moitos elementos tirados da realidade, si, pero non necesariamente me pasaron a min nin aconteceron como aquí se narra: sempre hai un desprazamento, un acomodo das anécdotas a un proxecto narrativo (en dz, sen ir máis lonxe, pasaba o contrario). As máis inverosímiles supoño que parecen ser o achádego do portugués morto, que creo que é unha historia real pero antiga, doutra xeración, e o filme porno CKP, que (este si) existe realmente, aínda que eu só tiña constancia del por unha crítica que lle lera na revista Ajoblanco até que o descarguei de internet a modo de documentación cando xa andaba con este texto na cabeza (créanme: é moi malo). No do portugués morto pesa tamén a sombra dun conto creo que de Méndez Ferrín, que lin hai moitos anos (antes aínda que a Faulkner) e do que apenas conservo, precisamente, o recordo dunha textura. O ziiip do final, por último, o pequeno desprazamento lateral que sofren as cousas, ten o seu correlato cinematográfico na forma de encadrar do realizador holandés Johan van der Keuken: mantén a cámara quieta e, antes de cortar, móvea lixeiramente cara a un lado, no que alguén que agora non lembro quixo ver como unha constatación da realidade do tempo presente da gravación.

O título precede, máis unha vez, o conto. Había hai uns anos unha especie de debate nas letras galegas sobre se se escribía demasiado sobre a guerra civil; a min ninguén me deu vela nese enterro, pero sempre pensei que non había tal debate e que o que habería que discutir era máis ben se unha narración sobre a guerra civil ten que estar necesariamente ambientada nos anos trinta, e a outra pregunta que de aí se desprende, a de se é posíbel escribir calquera cousa, en Galiza e en galego, que non sexa, en certo modo, unha narración sobre a guerra civil. Non pretendo mistificar esta guerra e convertela nun deses acontecementos inefábeis, do estilo do exterminio xudeu, que se solidifican no imaxinario e preceden (e teñen a última palabra en) todo debate: ao contrario, prefiro pensar o nó temporal 1936-1939 un pouco como a caixa azul de Mulholland Drive, un lugar da memoria no que todos os significados se desprazan e se reconfiguran. Se escribimos o que escribimos, se escribimos como escribimos, se escribimos coas expectativas do que escribimos, se escribimos na lingua na que escribimos, estamos a posicionarnos fronte a ese sistema de significación das cousas que se trazou neses anos e do que aínda non demos saído, para ben ou para mal. Cando un lector manifesta estar canso do abuso da guerra civil na literatura, eu, que non teño maldade, quero pensar que non ten ánimos revisionistas e que o cansazo non deriva, en realidade, da temática, senón do tratamento histórico, realista e dramático que se impuxo como único posíbel. A miña vontade a este respecto é a de facer unha achega ao mesmo tema desde outro lugar. Teño lido nos últimos tempos, e non particularmente no contexto galego, cousas sobre a necesidade de reintegrar o relato desa guerra en xéneros alternativos: novela de terror, novela bélica, etc. Non sei canto de vale-tudo posmoderno ou de provocación gratuíta hai en declaracións como esas; como eu –repito– non teño maldade, vou pensar que pouco, que coa que está, aínda, caendo, ninguén se pode atrever a querer clausurar ese capítulo porque lle aburre nas súas lecturas vespertinas e que o que está sobrevalorado non é a guerra en si senón a idea de que só un discurso serio e fúnebre é quen de mover á reflexión. E eu, con iso, concordo.

E despois, por seguir con Lynch, está Twin Peaks e o medo que dan as cousas que non parece que dean medo, as cousas que parecen non ter un significado, porque do que neste texto se fala en realidade é dun mundo (os anos 90, a adolescencia, Tui) previo á significación, no que mexarlle nunha perna a un amigo só quere dicir mexarlle nunha perna a un amigo e no que facer un filme porno ambientado na guerra civil non quere dicir outra cousa que facer un filme porno ambientado na guerra civil. Hai narracións como a espléndida novela Cosmos de Gombrowicz ou a máis farragosa O libro negro de Pamuk nas que o máis diminuto obxecto desborda cadeas e cadeas de significados. O meu experimento vai na dirección contraria.

Vou rematando: anos 90. Adolescencia. Tui. Cousas invisíbeis que este texto pretende contribuír a visibilizar. Da década dos 90 aínda non coñecemos o revival e dá a sensación de que pasaron pouquísimas cousas, malia que para a Galiza actual sexa unha década fundamental da que cumpriría agora, morto o can, comezar a tirar as arañeiras. Da adolescencia escríbese moito pero é unha adolescencia irreal, goethiana, como eses contos que eu mesmo teño perpetrado nos que os adolescentes namoran e teñen, uf, experiencias sublimes. A adolescencia real caracterízase porque nunca pasa nada e porque o pouco que pasa non é o que quereriamos que pasase. As cousas están todas por facer pero sempre son outros os que as fan.

E despois Tui, onde xa case nunca vou. Non dou decidido se este texto é unha homenaxe ou un axuste de contas. E non importa, creo.

20 de ago. de 2012

A cociñar con Gran tiburón branco, vol. IV.: Soñou que eu era un cabalo


Soñou que eu era un cabalo

Este texto foi o máis doado de escribir. O formato de diario para narrar ten a vantaxe de que non hai que ter unha visión de conxunto antes de comezar, e esa linealidade despois, na lectura, produce un resultado explosivo (no sentido de que os elementos foxen seguido dun centro, fronte á máis convencional implosión), o que fai dun xénero que parece a primeira vista un tanto démodé un dos máis actuais que se me ocorren. Un diario (mesmo os de verdade) é unha ficción que toma emprestado da vida o ritmo; despois (como acontece cos diarios de verdade) pode tomar tamén dela elementos, anécdotas ou sucesos, pero o que fai dun diario un diario, para min, é ante todo o ritmo.

A maior parte dos soños que aparecen no texto están tirados tamén da realidade, aínda que non necesariamente da miña. O soño do cabalo co que dá comezo a trama tívoo alguén respecto de min e eu sentín algo similar ao que sente o narrador deste texto, aínda que pouco máis temos en común el e mais eu, espero. Gosto de pensar que a narración dese soño é o momento no que a miña escrita se achegou máis á vella temática do amor, fóra (creo, espero) do envoltorio dos tópicos. O soño da fin do mundo tíveno eu e creo que foi unha das experiencias estéticas máis poderosas da miña vida onírica e extraonírica que, evidentemente, como tantas (acaso todas), perde a consistencia ao verquelo en palabras. A miña preocupación principal foi que os soños narrados, mesmo algún inventado que hai, tivesen a textura e a lóxica que realmente teñen os soños, esa fébel, ás veces case inexplicábel conexión coa realidade (a realidade da ficción, claro). O principal inimigo do narrador de soños é o soño simbólico, o soño como recurso estilístico que, desde o romantismo até o best seller pasando por Hollywood e mesmo, póñanse como se poñan, polos surrealistas, pretende explicar demasiadas cousas (eu, por moito que envíe o narrador a unha consulta de psicoanálise, non creo que os soños expliquen nada nin que sexa unha mágoa que non o fagan; están ben como están).

Que fose o texto máis doado non quere dicir que o escribise axiña: levoume algo máis dun ano e remateino un mes de agosto nunha aldea do sur de Extremadura chamada Helechal na que pasei unha semana; escribir as últimas páxinas de “Soñou que eu era un cabalo” deu en ser, xunto con aprender a tocar un pouco a harmónica, un remedio intelixente contra a calor de despois de xantar para unha persoa coma min incapaz de durmir sestas se non é dentro da cama e co pixama posto como se non fose unha sesta senón, simplemente, pola noite. Tempo antes, cando do texto só había o título e as primeiras tres ou catro entradas, lera La novela luminosa de Mario Levrero, que me dera azos para continuar porque demostraba como a lectura dun diario pode producir adición (a min en realidade prodúcenma case todos os diarios non demasiado pedantes, xa desde o Diario secreto de Adrian Mole de Sue Townsend que debín ler dez ou quince veces cando tiña poucos libros e moito tempo, e até os de Gombrowicz que rematei practicamente o outro día). Prometinme non copiar a Levrero, pero recoñezo que a idea do computador como vicio (aquí é o porno, en Levrero os solitarios, creo) e o diario como reflexo dunha certa indolencia vital, están en Levrero; non así a liña descendente, de teoría da evolución inversa, que opera no meu narrador e que é, supoño, o elemento narrativo que pode facer ver este texto como conto; esa bebe máis ben de historias de decadencia, como O anxo azul de Sternberg ou case calquera filme de Fassbinder (por exemplo a miña adorada serie Berlin Alexanderplatz), o realizador que morreu unhas poucas horas despois de nacer eu. Tamén hai unha conexión cos Apuntamentos subterráneos de Dostoievski, pero por azar, xa que esta novela a lin tempo despois de rematar o texto.

As cancións mencionadas, e os seus intérpretes, son reais; as actrices porno tamén; os vídeos porno inventeinos, pero é posíbel e mesmo probábel que existan.

Un dos meus temas preferidos, xa desde que con doce anos xogaba a pór unha palabra diante doutra para ridiculizar un profesor de educación física, foi o excedente de masculinidade nalgúns personaxes varóns (excedente que no profesor en cuestión, no da ficción e no da realidade, producía un cheiro desagradábel, un consumo desaforado de tabaco negro e un gran bigote). Este tema regresou con forza, a causa dunha nota de contracapa demasiado explícita, da que desafortunadamente asumo a responsabilidade, en dz ou o libro do esperma. Había aí un texto titulado “tristeza”, que lembro dos menos ruíns, que tende pontes con estoutro, a causa da decadencia nun personaxe un tanto traizoado pola súa identidade de xénero. Porén quero pensar que de a pouco vou pontificando cada vez menos e que pouco hai xa, neste narrador, dese discurso lixeiramente pedagóxico que ás veces custa tanto abandonar. Unha ferramenta diferenciadora entre ambos textos e que trata de facer do anónimo personaxe central deste unha figura moito menos estereotipada que Zé Pedro, o exboxeador e expresidiario protagonista de “tristeza”, foi aproximar algúns dos seus trazos á miña experiencia ou á experiencia de persoas próximas a min, pero non de todo: é máis novo que Zé Pedro, aínda que máis vello ca min; dedícase á música, aínda que toca o contrabaixo e pretende que a música sexa o seu único oficio, vive nunha cidade (que non se menciona porque non cadra pero é Barcelona) na que eu vivín, aínda que non é na que actualmente vivo. Podería ser, agora que o penso, unha de tantas narracións do paso á vida adulta, só que non ten sentido que os protagonistas deste tipo de narración continúen a roldar os vinte anos, polo menos os das clases medias; camiño dos corenta resulta moito máis verosímil. Iso pénsoo agora. No seu momento pretendín describir, por explicalo demasiado simplemente, onde estaría eu ou alguén coma min se dese ou désemos rédea solta á preguiza, ao nihilismo e sobretodo á covardía, isto é, se retirase da miña vida, das nosas vidas, a capacidade da empatía, o bendito autoengano que nos fai ser persoas.

Curiosamente teño agora, como lector de min mesmo, unha sensación que non tiña cando escribía: a de que algo moi humano, irredutíbel, acompaña o protagonista na súa involución e permanece nel mesmo nos momentos de maior brutalidade. Se teño que darlle un nome, chamareino vergoña. Todo isto significa (creo) que eu non son un escritor posmoderno, o que me fai sentir enormemente feliz.