Mostrando postagens com marcador presentacións. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador presentacións. Mostrar todas as postagens

28 de abr. de 2014

Facer algo bonito

Camarada: Eu só quería facer algo bonito é o título do primeiro libro de Begoña Díez Sanz (Follas Novas, 2014). O libro presentouse en Compostela a semana pasada e este é o texto que escribín eu para a ocasión e que tivo que ler outra persoa porque eu tiña ocupacións ben máis ingratas que atender a esas horas.


























YO TENÍA UN CAMARADA


Confeso que son un lector de poesía bastante ocasional e que normalmente son incapaz de producir o máis mínimo discurso sobre a linguaxe lírica, fóra de banais “este libro está moi ben” ou “este libro non está demasiado ben”. É a tardiña do xoves 24 de abril e aínda non tiven a oportunidade de ler Camarada: Eu só quería facer algo bonito, pero xa me vou alegrando de que teña un título narrativo e me faga pensar en historias un pouco raras. Algunhas evocan o socialismo, pero, como sempre me pasa, tiro polo lado escuro, lembro que os militantes de Falange Española tamén se trataban de camaradas, como demostra aquela canción (cantar): Yo tenía un camarada / Entre todos el mejor / Siempre juntos caminábamos, / siempre juntos avanzábamos, / al redoble del tambor, e penso unha historia na que un falanxista trata de xustificarse ante o seu superior por un crime consumado cunha crueldade excesiva que na súa alma (pois como todos os fascistas estetiza a realidade) resulta estrañamente fermoso. O seu superior, naturalmente, fará como que o pensa e perdoaráo.


Despois o libro, como era de esperar, demostra que non vai sobre falanxistas nin nada que se lle pareza. É a mañá do venres 24 de abril e onte atopei máis ben que Camarada: Eu só quería facer algo bonito fala de algo que dalgunha maneira rematou para sempre ou está a piques de rematar e non o fixo sequera coa vontade estética do sacrificio ritual do noso amigo o falanxista senón caladamente, deixándose levar polo silencio, polo simulacro, tan banal como a irrupción dun anuncio de playlists para ximnasios no medio dunha reprodución da Noite Transfigurada de Schoenberg en Spotify. E de como o amor é ficción no mellor dos casos e de como o sexo ou algo que se parece ao sexo é ao mesmo tempo unha pastilla que fai soportábeis as miserias e unha máquina de fabricar miserias. E de como o tempo se conxela na ruptura e non deixa de pasar pero pasa con indiferenza, e de como en realidade non se conxela o tempo senón o seu sentido. E de como aí está o rancor, e o rir por non chorar, e o sarcasmo, e a compaixón, e a autocompaixón, e outra vez o sarcasmo, e outra vez o rancor, e a culpa. E de como polo medio aparecen Peter Sloterdijk e María do Cebreiro e un tal Xavier Campos que parece que escribiu a frase do título pero tampouco a aclara, e até eu (eu, señoras; eu, mamá: eu) explicando o febles que somos, porque no fondo entendo que este é un libro que fala sobre a forza e sobre a ausencia da forza ou a necesidade da forza, pero no fondo todos os libros falan sobre a forza ao seu xeito, agás os de cociña e os de gramática. E, enfín, de como todo podía ter sido máis bonito pero non o foi e boeno.


E despois, e é venres xa pola tarde, penso que ás veces as cousas que puideron ser bonitas e non o foron producen resultados inesperados, libros como este, e que menos mal, porque do lado da beleza está o falanxista de antes mirando cos ollos brillantes alternativamente a pila de cadáveres e a cara do seu superior, satisfeito en certo modo, extasiado, feliz de que as cousas saian ben. Yo tenía un camarada / Entre todos el mejor / Siempre juntos caminábamos, / siempre juntos avanzábamos, / al redoble del tambor. Pero nós non queremos iso.

10 de fev. de 2014

Punk. Live in Compostela (e IV)

O que segue é o texto que Xiana Arias escribiu para a presentación de Punk en Compostela o 14 de xaneiro de 2013. Boeno non, o que segue é unha foto dese día e despois o texto.













Presentación de Punk. Planta baixa do Rúa. Santiago de Compostela. 14 de xaneiro de 2013.

1. Nubes de Compostela:

Dixeron que non lle renovaban contrato pero que podían ofrecerlle un posto nunha empresa filial que tiñan en Le Mans. Ese día saíu do traballo cando era case noite e chovía. Con seis libros entre o brazo e o peito pretendeu, todo ao tempo, prender e fumar un cigarro, falar por teléfono, buscar as chaves do coche no bolso e abrir a porta do coche.

No coche só funcionaba á radio e en Radio Galega Música puñan Cesária Évora e malia a que aquela saudade prometía sol e outras illas e meniños sostendo peixes pola cola co sorriso máis triunfante do mundo non conseguiu non pensar en estamparse ou e en cando se estampase. Fora no segundo aniversario da morte de Amy Winehouse e ás veces un elefante dando voltas nunha moto arredor do seu cerebro dicía: Isto foi un aviso dobre, Vanessa.

O caso é que as casualidades existen e na radio inmediatamente despois soou "Rehab" de Amy Winehouse, en Radio Galega Música isto é posible, e Vanessa deu un chimpo no asento do coche e abandonou a idea de se estampar.

Chegou á casa, puxo as Supremes e volveulle aquel soño infantil de bailar coma unha negra. Vanessa cantar cantaba pero a gracia non era moita así que deulle de comer as gatas, comeu ela pan e touciño, fumou un porro e abandonouse ás seriesyonkies. Puxo un capitulo de Ela e El que se titulaba "Tout va bien":

É o sol, poderoso. Son as magdalenas e o café. E o mel e a manteiga e o pan de sementes e o tahini ou prebe de sésamo.
Eu se tivese que escoller entre voar ou ser invisíbel creo que escollería ser invisíbel, dixo ela. E el: eu para unha illa deserta levaría, non sei, libros. E unha muller. Unha muller negra. E un televisor pequeno.
E ela: creo que o vello da escaleira do lado nos espía cuns prismáticos cando fodemos no balcón.
Sabes cales son para min as mellores laranxas?, dixo el.
E dixo ela: cando estamos na mesa do almorzo parecemos personaxes de poemas de María do Cebreiro nas nosas conversas. Paréceme preocupante: antes a xente trataba de se comportar como personaxes de novelas, un tanto predicíbeis e psicoloxicamente definidos. Antes calquera na mesa do almorzo era Philip Marlowe ou o capitán Ahab ou Alexei Karamazov. Ti ás veces eras mesmo Buck o can de Jack London a correr e correr polas neves inacabábeis do Klondike. En que monstros estamos a nos converter?
El dixo que se non estaba interesada na conversa podía acender o fío musical (tiñan fío musical).
E ela: esta noite tiven vertixe, como se a cama estivese altísima no universo e a min me xirasen milleiros de galaxias arredor da cabeza.
E el: e que tal me quedaría se corto o pelo polos lados e o deixo longo polo centro?
E Frank Sinatra: New York New Yooooooo-
ooooork.

O capitulo acababa con "New York, New York" de Frank Sinatra e a Vanessa entráronlle ganas de masturbarse. Non por Frank Sinatra. Nin polos protagonistas de Ela e El que xa non a poñían tanto. Foi máis ben polo porro. E masturbouse, Vanessa, pesando naquel día de verán en que fodera con Miguel nas pozas de Loureza en Oia e correuse pero non foi xenial nin nada. Amais, onde ía Miguel, que facía ela pensando en Miguel.

Non foi xenial e sentiu esa congoxa que ás veces... Foi horrible porque o elefante decidiu subir á moto a Miley Cyrus e déronlle voltas pola cabeza as imaxes da exestrela infantil na portada daquela revista co rimmel corrido, maquillada á "moda" gagging. Logo tamén veu esa outra congoxa de que a pesar de ter 30 anos aínda se enterou aos 29 de que o clítoris se estendía para dentro e podía medir, eu que sei, 14 centímetros e 6 milimetros. Fervíalle o cuspe na boca e entón tragouno e todo volveu á normalidade dos violentos anos dez. Abriu unha lata de sardiñas para volver merendar.

Vanessa quitou a roupa mollada, puxo outra seca e foi á compra a mollarse outra vez. No supermercado tropezou cun rapaz que lle presentaran en 2006 no Planta baixa en Vigo e ao que sempre saúda coma quen ve un fantasma porque o recoñeceu nas fotos da prensa do accidente de Angrois. Vanessa, que ía comprar aceite, ovos, luras, leite e unha lata de pexegos en calda tamaño familiar, finalmente mercou sobre todo cervexa.

Chovía a rabiar. Preguntoulle á caixeira se podía deixar alí as bolsas un minuto mentres ía á panadería e díxolle que si. O caso é que non sabe se porque algúns dos códigos de barras non ían ben ou porque non gostou finalmente da súa cara cando xa tiña todo nas bolsas empezou a dicir de bastantes malos modos que entón onde as vas deixar, que mellor alí, mellor acolá, pero que case non porque ela non ía estar mirando por elas que ese non era o seu traballo, que porque non as metía nas taquillas que para iso estaban. Aínda que non era para tanto Vanessa pensou que nin mel nin dátiles nin leite, apaña moza botellas rotas e entráronlle unhas ganas tolas de coller a cervexa e estamparlla na cabeza.

Deixou as bolsas nas taquillas do supermercado e foi á panadería maldicindo a caixeira, a solidariedade da clase traballadora, o traballo, a chuvia, Galicia, o gagging, Gallardón e outras cousas que empezan por g como a gonorrea. Mercou pan, cando ía pagar non lle chegaban os cartos e pensou Vanessa nos 50 céntimos da taquilla do supermercado e maldiciu pero a panadeira dixo que daba igual, que xa llos daría outro día. Nese intre entrou unha nena rindo que dixo “quero algo con chocolate”, así en galego. E aqueles pequenos xestos foron suficientes para devolverlle algo de bondade a Vanessa que ía sorrinte cara á praza do Toural pesando en que non só hai cousas desagradables tamén hai historias bonitas cando viu como uns robustos membros das forzas de seguridade do estado de excepción do reino de España zarandeaban un vello borracho que durmía mollado contra a pedra e aí, outra vez, o elefante a acelerar coma un tolo e converter calquera cousa entrañable en entraña e...

Cargada de bolsas, mollada, rabiada, na porta da casa colleu algo de pulo: alguén pintara no muro do lado: olla as espiñas, nelas está a vinganza do peixe.

2. Punk

Pensou en facer a presentación de Punk de Samuel Solleiro cantada: intentar cadrar unha serie de frases enxeñosas sobre o libro na música de, non sei, God Save the Queen. Logo pasou unha semana mirando na rede vídeos dos Monty Python e pensou que claro podía ela ser ben enxeñosa -por que non?- e mesturar partes cantadas e frases brillantes coma preguntarlle ao editor se depositara xa un exemplar en todas as bibliotecas públicas de Galicia (aquí irían risas enlatadas).

Chegou a escribir trapalladas coma (ler/cantar ao ritmo de "Sodade" de Cesária Évora):

Samuel Solleiro
ai, Samuel Solleiro
naceu en Tui no 82,
agora non ten traballo,
estuda un máster do carallo
non recibe dereitos de autor...

ou tamén (ler/cantar ao ritmo de "Unha tarde no zoo" de Paul á sombra):

ao zoo, á tarde iremos ao zoo
para ver a vida dos animais...

Ai non, iso non o escribiu ela.

En fin. Mesmo pensou en intentar responder as cinco preguntas fundamentais -descubrirédelas na páxina 91 de Punk- ou en facer unha análise textual tipo: neste libro as palabras que máis aparecen son: pene, elefante, ela, el, corpo (de que se trata aquí se non do corpo e do que el podería).

Pero... finalmente, Xiana pensou que non era os Monty Python: es católico desde que teu pai se correu / se desperdicias semen deus enfádase moito. Tampouco era a crítica literaria Ana Salgado (isto díxoo sobre Gran Tiburón branco pero podería valer: o mellor deste libro está na súa capacidade de achegarse ao íntimo sen arredalo do público para, a falta de que dea cunha maneira mellor de dicilo, escribir despois do moralismo).

Así que que ía dicir aquí Xiana que, xa non que fose pero que polo menos parecese, importante e pensou que nada e entón fixo un relato mesturando frases e personaxes roubadas de Punk, movidas do día a día que lle pasaron a ela e outras creadas para a ocasión (non creas todo o que escribe o poeta, isto é literatura). Intentou, así, meter aí os que pensaba Xiana que eran, xunto co paso do tempo, os grandes temas deste feixe de textos de Samuel Solleiro: algo de violencia, algo de ir traballar (lonxe), a intención de suicidio, os accidentes, a policía, os animais (Punk é un zoolóxico), o tamaño dos xenitais, o sexo, o alcol, as drogas, o patriarcado, Chernobyl.

Ai, Chernobyl non o meteu.

Ao final todo o que escribiu Xiana pode resumirse nun anaco dun poema de Punk titulado "My Heart Belongs to Only You" que di: pasar o día na praia e ver a televisión polas noites para durante cinco minutos á semana escribir calquera cousa sobre o só que estás e pensar que é unha xenialidade que vai provocar que todo o mundo sinta lástima e como que a túa soidade, a túa suposta soidade, é a deles? Non che da vergoña? Fin de la cita (con voz de Mariano Rajoy).

Outra cita: Fomos os rapaces encantadores, extremadamente sensíbeis e feministas convencidos, pero na fin da festa ninguén se decatou que os rapaces encantadores, extremedamente sensíbeis e feministas convencidos tamén adoran foder e correrse nas tetas e na cara.

Xiana e Vanessa non cren que fosen tal.

Vanessa e Xiana decidiron, iso si, incluír un verso de Punk nunha lista que lles fai chiste e que ata o momento tiña dúas entradas:
"Aquel verán dixeche que m(e)amabas" de M.F., e
"Non creo non peros pero si nas peras" de C.R.F.
O verso novo da colección é: "O meu diminuto pene é un antropólogo" de S.S.

3. Epílogo

Tamén fixeron Vanessa e Xiana unha colaxe. Pola súa banda nada máis, dicir que leades este libro que son unhas risas que van do entrañable á entraña como Miley Cyrus e que o Samuel Solleiro escribe moi ben aínda que vaia por aí de punkarra, dicindo que é un poeta de merda.

6 de fev. de 2014

Post nº 77. Onde se conta unha anécdota un pouco penosa e se anuncia a presentación de Punk en Vigo

A última vez que tratei de presentar un libro en Vigo (dz ou o libro do esperma) tiña tamén a Roi Vidal de acompañante e non veu ninguén, fóra da súa compañeira da altura e duns poucos familiares meus que chegaron tres cuartos de hora tarde. A presentación, obviamente, suspendeuse e foi substituída por unha estraña tertulia na mesa dunha cafetaría na que coincidiron persoas que eu sempre asignara a planos tan diferentes da miña vida como podían ser o editor Manuel Bragado e a miña avoa.

Foi un pouco penoso.

Agora (o sábado 8 de febreiro) presento Punk, tamén con Roi Vidal. O lugar é outro (o Bou Eva, r / Terzo de Fóra, 11), o editor é outro (Pepe Árias), a miña avoa xa non está e eu tamén son un pouco outro, en certo modo. Pero non deixa de cruzarme un calafrío de abaixo arriba da médula que uf.

Non me deixedes só.


5 de fev. de 2014

Punk. Live in Compostela (III)

Aínda que xa choveu, e moitos litros de nuestro señor, sigo coa presentación de Punk en Compostela do pasado 14 de xaneiro. Hoxe, un vídeo do recital: pseudo-free jazz e o texto "Militares franceses na praia". Fixo de cámara María Esteirán, a iluminación foi responsabilidade dun servidor. E este sábado 8 de febreiro, en Vigo (detalles en nada).



.

21 de jan. de 2014

Punk. Live in Compostela (II)

Esta foi a colaxe que Xiana Arias preparou para a presentación de Punk en Compostela do pasado martes. Desde agora pasa a formar oficialmente parte do libro. Así que se teñen un exemplar deste, por favor, descarguen o pdf de aquí, imprímano, dóbreno debidamente e insírano nas páxinas do libro a modo de marcapáxinas ou o que queiran.


16 de jan. de 2014

Punk. Live in Compostela (I)

Presentación de Punk. Restaurante Rúa, 14 de xaneiro de 2014

10 de jan. de 2014

Solleiro coa familia Arias*

O martes próximo ás 20:30 é a presentación oficial de Punk. Supoño que choverá e que fará frío e que no restaurante Rúa se estará ben. Van estar comigo a escritora Xiana Arias e mais o editor Pepe Árias. Vai ser raro estar no medio de tanta xente que se apelida igual. Espero estar á altura. Veñan.




























*En realidade Xiana Arias e Pepe Árias non son familia. Por iso Pepe Árias leva acento no a. O reintegracionismo ten recursos para todo.

10 de dez. de 2012

Varrer o confeti (e III)

Non era sen tempo: máis dun mes despois da presentación de Gran tiburón branco completo os posts dedicados a esa sesión co texto da miña intervención aquela noite. O único problema era que eu non escribira a miña intervención e apenas tiña uns esquemas feitos a boli. Boli verde, por se fose pouco. O que lerán a seguir é un texto feito a partir deses esquemas e da miña fráxil memoria. Isto é, un texto completamente novo que non creo que se pareza case nada ao que dixen alá e que, madia leva, tanto ten.





















CONTRA A INTERPRETACIÓN

Grazas, google. Era de Susan Sontag. O título, digo. Roldábame a cabeza desde hai días, quería este título pero sabía que non era, que non podía ser meu. Era de Susan Sontag, dun artigo de Susan Sontag. Leo o artigo e dáme gana de comezar cunha cita. O que resulta pedante, si, e un pouco ridículo tamén. Pero é que Sontag di: “Na maioría de exemplos modernos, a interpretación supón unha hipócrita negativa a deixar soa a obra de arte. A verdadeira arte ten o poder de poñernos nerviosos. Ao reducir a obra de arte ao seu contido para despois interpretar iso, domesticamos a obra de arte. A interpretación fai manexábel e maleábel a arte”. Será pedante e ridículo facer o que eu acabo de facer, pero Sontag ten razón. O de “verdadeira arte” soa algo esaxerado, pero grosso modo é o que gostaría de dicir eu respecto da literatura ou polo menos respecto dese capítulo periférico e anecdótico da literatura que se chama Gran tiburón branco e que se presenta hoxe e que escribín eu.

Pouca coña: as tendencias que Sontag observaba en 1964 seguen vixentes desde daquela e hoxe en día é moi difícil falar sobre un libro e resistir a tentación de dicir o que o libro significa. Até con libros que escribiu un mesmo pasa isto, enfín. Vou tratar de utilizar, nunha especie de judo retórico, o propio impulso da tentación para vencer a tentación: Gran tiburón branco, e isto seino agora e non o sabía cando o escribía, fala sobre a vontade de que as cousas non queiran dicir nada. Significa (e a contradición que agora vén non será a única esta noite) a posibilidade de non significar nada.

Poden as cousas non significar? Do punto de vista estritamente cognitivo, e falando de e para seres humanos, supoño que é absurdo. Pero podemos, como lectores (aínda que non, ou non tanto, como autores) parar a cadea de significación cando esta comeza a resultarnos abusiva. Na cultura posmoderna que respiramos, defensora da interpretación ilimitada, converteuse nunha especie de regra aparentemente cool a procura constante de significados e máis significados. Aos significados probábeis suceden os improbábeis: a tendencia obsérvase na omnipresenza das teorías da conspiración, fruto de
a) a simplicidade da política política fronte á política económica: V de vendetta ou calquera outra fábula da resistencia do ben fronte ao mal, sen máis, son referentes de consumo moitísimo máis agradábel que O capital, e ambas fontes son equiparábeis grazas a
b) a sobrevaloración da opinión e a decadencia da idea de verdade, que levan a que o que opina, digamos, Fernando Savater sobre O capital estea lexitimado, xa non para refutar, senón mesmo para dialogar co que Marx demostra n'O capital (o exemplo está roubado de Carlos Fernández Liria en Volver a pensar, unha hostia no nariz da posmodernidade xa en 1989).

A posmodernidade, así, quita a máscara de loitador mexicano e mostra o seu auténtico rostro reaccionario. A dispersión da cultura posmoderna precisa, despois de todo, dun fío conector, nun afán histérico por reordenar o mundo. Non era unha auténtica dispersión. Non era o caos, senón a teoría do caos. En realidade, a esta luz, as lecturas inxenuas sobre a arte como reflexo do mundo resultan moito máis liberadoras que a sospeita sistemática. A célebre frase de Hemingway sobre O vello e o mar, aparentemente reaccionaria (“Non hai simbolismo ningún. O mar é o mar. O vello é un vello. O neno é un neno e o peixe é un peixe”), cobra así un valor enorme e un respecto pola literatura que en boa medida se perdeu. Obviamente, para Hemingway isto era así porque o dicía el e el era o autor. Pero estas cousas xa só as pensan os filólogos (de vocación, non de carreira). O ideal sería chegar en tanto que lector ás mesmas conclusións sobre un libro. O que non vai ser o caso esta noite porque Gran tiburón branco, onde por certo tamén hai mares e vellos e nenos e tamén un peixe de certo tamaño, escribino eu e non o meu veciño. Segunda contradición e entramos en materia.

Falemos dos textos que inclúe, que para algo son apenas cinco: creo que se algo teñen en común é que todos eles poñen en xogo os problemas e as miserias da sobreinterpretación que nos ocupa. En “Caída de Abraham Rosenblath” isto é evidente: un home sospeita que o seu veciño é xudeu e ao longo de meses dedícase a cazar signos que confirmen as súas sospeitas, signos que á súa vez espertan outras sospeitas, y hasta aquí puedo leer. Tamén en “As putas motos” unha escritora afeita a este tipo de, digamos, fluxos mentais, atopa nunha colonia residencial de México a proba de que o mundo real existe (o que para a ideoloxía posmoderna é un descubrimento atroz) e de que no mundo real as cousas son horríbeis canto máis banais resultan, igual que na historia o terrorífico do nazismo é a súa dimensión funcionarial mentres que a cara esotérica e un pouco kitsch dun Hitler interesado no Santo Grial ou na Atlántida ou no paganismo nórdico son retóricas que, aínda que pareza o contrario, adozan o terror. En “Soñou que eu era un cabalo” o narrador escribe os seus soños para unha psicoterapeuta e o lector asiste horrorizado (supoño) á insignificancia destes, e en “Gran tiburón branco” a narradora detesta o seu home pola súa falta total de cultura paranoica, por ser tan imbécil de non sospeitar da súa infidelidade. Canto a “Guerra civil”, é talvez o único texto que, lido agora, pode ter algo de programático, e ese algo pode ser a evocación dun mundo previo á significación e a entrada, unha vez atravesados todos os fantasmas da posmodernidade (que se chaman simulacros), nun novo período no que a significación volverá a exercerse de forma máis tosca e limitada pero máis honesta. O narrador preocúpase das texturas, non dos significados, nin das causas e os efectos, nin da nostalxia nin de nada, o que me resulta difícil non conectar coa solución proposta por Sontag de concentrar a nosa atención crítica na forma e non no contido, e así, caer na miña propia trampa, autointerpretarme e contradicirme por terceira vez.

A contradición perségueme, porque en Gran tiburón branco se algo fixen foi parodiar esa cultura da paranoia, e facer algo tan posmoderno como parodiar sobre algo tan posmoderno como a cultura da paranoia déixame nun lugar, sen dúbida, contraditorio, e máis aínda sabendo que a contradición é un trazo igualmente posmoderno á súa vez. Enfín. Cómpre asumir que pertenzo, mal que ben, como todos vostedes, á cultura da posmodernidade e contra isto pódese facer moi pouco. O meu posicionamento en todo caso non trata de ser regresivo, non quere recuperar unha situación do pasado porque asumo que certos recursos desta cultura, sobretodo os máis antiidealistas e antirrománticos, foron necesarios e útiles. Porén todo isto desembocou no gran quiste do cinismo, e desculpen, pero non querería podrecer aquí. Así, tamén os meus personaxes parecen completamente atrapados polo catecismo cínico, pero todos os textos conteñen un momento, habitualmente no final, no que hai unha conversión fugaz, unha caída do cabalo camiño de Damasco. Neses orificios os personaxes amosan, por medio da vergoña ou do abraio, unhas cartas completamente diferentes ás que viñan xogando: rehumanízanse e son, acaso por un intre (o que lles leva montar outra vez no cabalo), seres honestos. E por eses orificios damos albiscado por momentos a vida, que, saben?, en realidade non se parece tanto ás novelas de Houellebecq.

Vou rematando. O libro chámase Gran tiburón branco, como saben, e parece que ao aparecer ese bicho no título un certo vestixio de totemismo nos obriga aínda con máis forza a procurar un referente. Déixenme facer un pouco de Hemingway, patear o chan, mover os brazos en círculos e dicir que non, o tiburón non é o capitalismo e que non, non é a sociedade de consumo e que non, non é, polo amor de Cristo, Galiza, nin España, nin os Emiratos Árabes Unidos, nin nada que se lle pareza. Se unha mínima forza lle resta á literatura está na resistencia á alegoría. O neno é un neno, o peixe é un peixe. O tiburón é un tiburón. Se o ven, non paren demasiado tempo a pensar o que significa. Devoraralles as entrañas mentres vostedes cavilan nas súas andrómenas. Devorarállelas igual aínda que sexan moi guapos ou moi modernos ou moi enxeñosos ou o que sexan. Saian da auga ou algo.

15 de nov. de 2012

Varrer o confeti (II)

Este é o texto que Ana Salgado preparou para a presentación de Gran tiburón branco. O texto non tiña título orixinalmente. Di Ana que lle poña, se non me parece chungo, "Todos os enforcados morren empalmados". Non me parece chungo. O que si, non me permite engadir o nome da autora perto do título, porque a rima si que pode ser moi chunga. Pero boeno: estamos todos curados de espantos, ou case.

Resisto as tentacións egocéntricas de pór un par de notas a rodapé por alusións. O ter que manipular o código html para facelas contribúe a me sacar a gana. Brevemente: non lin a Ian McEwan. Non vin Os Soprano. David Foster Wallace interésame por momentos; Manuel Vilas só cando escribe poesía.

TODOS OS ENFORCADOS MORREN EMPALMADOS
 

A pesar de que Samuel Solleiro no correo que me escribiu convidándome me chamaba, cítoo, “referente da crítica e esas cousas”, é a segunda vez que sento aquí, nesta mesa da Librería Couceiro, e iso alégrame. Polas horas que teño pasado aquí mirando libros, mercando algúns xa de saldo ou buscando outros que aínda non chegaran. O verán pasado, cando a dereita nos contaba que estaba baixando o pan, subindo a caña e que iamos ter dúas colleitas este ano, eu viña aquí preguntar se saíra Gran tiburón branco.

Samuel Solleiro quere estar na misa, na procesión e repicando. Escribiu en dúas zebras, o blog que abriu cando estaba a piques de saír o libro, cinco anotacións a mala idea, unha por cada relato, supoñemos que co obxectivo de adiantarse aos críticos que andan por aí poñendo etiquetas e cando se atopan extravertidos mesmo queren quedar a tomar un café para facer o canon. Samuel sabe, así e todo, que é traballo inútil e que a propiedade intelectual é un roubo.

Samuel Solleiro ten nome de profeta. Os profetas tiveron un encontro coa divindade, que lles mandou traernos unha mensaxe sobre o que ha acontecer no tempo futuro. O profeta Samuel seica tamén foi o último xuíz de Israel. Samuel Solleiro le a Saul Bellow e a Phillip Roth e ten fama de roñón, léase no sentido de “poemas do si roñón”, que dixo o poeta Manuel Outeiriño. O primeiro libro de Samuel Solleiro titulouse Elexías a Deus e ao Diaño. Samuel Solleiro ten costume de andar vivindo en sitios con catedral cristiá, Tui, Compostela, Le Mans. Ata aquí o determinismo, espero.

Gran tiburón branco ten algo de exercicio cara á expiación. Non sabemos se Solleiro le a Ian Mcewan, señor que escribiu unha novela con este título, Expiación. Parécenos que si. O pecado de Samuel Solleiro era a soberbia. Esta amosouse con esplendor cando publicou dz ou o libro do esperma. Un libro cheo de enxeño e de soberbia, atravesado por imaxes cargadas de bombo, repleto de desautomatización, dun traballo esplendoroso na fronteira da lírica.

Na meirande parte das entrevistas por Gran tiburón branco o autor falou do seu intento de arredarse neste libro da escrita de dz ou o libro do esperma. Para que non se entenda o anterior como maldade inxustificada, e a pesar de que nin a miña lectura de dz en 2006 nin a miña relectura hai uns días dan estado de acordo con el, cítoo. Di Solleiro, sobre o relato “Gran tiburón branco”, que abre o libro: “Foi o primeiro texto que escribín dos cinco, e foi o único material salvábel dunha serie de exercicios que me autoimpuxen a comezos de 2008 para aprender a narrar, pouco despois de demostrar en dz ou o libro do esperma que non sabía (encher páxinas con adxectivos e tormentas de enxeño, si; narrar, non).

Outra autopromesa era esa, "dosificar a poesía para que cando aparecese sorprendese máis". Creo que tales ideas de partida deixan pegada na prosa de Gran tiburón branco, máis contida, menos pendente do impacto, non por iso de menor densidade.

Considero, así e todo, que dz e Gran tiburón branco comparten moito. Se cadra entre o máis evidente a construción de personaxes e a intención de pór o foco en zonas adoito escurecidas ou ás que chega unha luz en varios sentidos parcial. Aquí direi que a miña autoimposición á hora de escribir estas liñas foi non empregar o substantivo sordidez. Estou convencida de que a escrita de Solleiro se pode considerar sórdida unicamente en relación coa cantidade de literatura conservadora que lemos, de que lemos máis da que quereriamos, de que algo haberá que apoñerlle á crítica tamén nisto.


No libro sucédense relatos en primeira persoa, transcríbense pensamentos. Tres voces son femininas, máis viradas cara ao cinismo, quitada a da directora da Fundación Paxaros Verdes para o Salvamento das Literaturas Perdidas. As outras tres son de homes e nelas é máis doado ver a conexión con algúns dos relatos de dz: “tristeza” ou “esperma” irían canda “Soñou que eu era un cabalo”, por caso.


Ese exabrupto lírico, se cadra contra Pablo Neruda e demais familia, que viña do primeiro relato de dz, “O amor e mais a morte: eses son os mananciais onde repousan os meus ollos”, reaparece no remate da nota editorial, alongándolle outro chanzo á volta da autoficción. Metaficción haina abondosa no relato máis longo do libro, segundo o autor con feitura de novela frustrada, o titulado “As putas motos”, onde lin débedas con Roberto Bolaño e tamén cos Soprano. Claro que con esta serie tamén me pareceu que conectaba a relación entre o músico afogado en desidia de “Soñou que eu era un cabalo” e a súa psicanalista, no que se cadra é só un lugar común, paródico neste caso, do freudiano proceso de transferencia.

Na miña lectura de Gran tiburón branco nalgún momento Solleiro barallou como título Todos os enforcados morren empalmados. De novo “o amor –ou o sexo– e mais a morte, estes son os mananciais onde repousan os meus ollos”. Enforcados morren a señora Remedios de “Caída de Abraham Rosenblath”, Sadam Husseim en “Guerra civil” e –e agora vén algo que descubrín a semana pasada que se chama spoiler–, Samuel Solleiro en “Extras”, amais da alusión ao suicidio de Foster Wallace en “As putas motos”. Parece moito para un libro de cinco relatos. Se dixese eses son os mananciais onde repousa a literatura universal se cadra estaría arremedando o profesor Solleiro cando se pon pedagoxicamente irónico, e non creo que queira.


Vou facer eu un pouco de profesora, que para algo foi o meu oficio estes últimos anos, e dicir que relacionado co tema da morte está a culpa, e dela está inzado o libro, e relacionado co tema do amor están as figuras xeométricas, poñamos o triángulo (por denominalo con liñas da moral burguesa) como combinación sexual máis frecuente. Hai cando menos un por relato, e incluímos aquí “Guerra civil” polo convencemento de que en CKP, filme pornográfico que ven os personaxes adolescentes nese sur profundo que é Tui, algunha caste de trío haberá.

Só pola capacidade de Samuel Solleiro para representar o desexo e a indolencia xa merecería o ultradereitista suicida que escribiu os cinco relatos de Gran tiburón branco descansar en paz no Panteón de Galegos Ilustres. Que ademais é un rapaz limpo: ao chegar ao final do libro sabemos, en fotos de Alba Viñas, que ten polo menos dezasete mudas.

Así e todo, para min o mellor deste libro está posto na súa capacidade para achegarse ao íntimo sen arredalo do público, para, a falta de que dea cunha maneira mellor de dicilo, escribir despois do moralismo. Non era doado cuns personaxes masculinos tan atafegados pola culpa, ese sentimento xerador de compracencia e de esterilidade. Elas, as mulleres de Gran tiburón branco, aínda que saen algo mellor paradas, son máis intelixentes, xa dixemos que escoran cara ao cinismo. E Samuel Solleiro di que non quere ser un escritor posmoderno. Preguntámonos, preguntámoslle, que vén despois diso para un autor que leu algo o estadounidense Foster Wallace ou o español Manuel Vilas e que estima o Suso de Toro de Polaroid cando van alá vinte e cinco anos. O Samuel Solleiro que escribiu no 2008: “Para min non hai texto serio que non teña humor (non confundir seriedade con estrinximento) e non hai artefacto literario quen de me interesar que non empregue o humor como unha das súas armas. Hai algo no humor, como unha capacidade de estoupar nas mans do destinatario, que o fai superior a calquera outra forma de protesta”. Confeso que rin en alto lendo Gran tiburón branco ante o desconcerto de quen me acompañaba e sabe das miñas limitacións co sentido do humor. Así e todo, esa idea de que o humor estea por riba de calquera outra forma de protesta é seguramente o lugar onde Samuel Solleiro e mais eu nos atopamos máis arredados. E isto non é porque veña aí o 14 de novembro e se me vaia poñendo temperamento de folga xeral, nin porque non saiba que podo estar sendo reducionista. Vén de antes. Tamén me dá aínda máis gana de ler aquilo que Samuel Solleiro escriba, agora mesmo Punk, ese libro de poemas anteriores aos violentos anos dez e que ha saír en novembro. E en por diante pediremos.


Ana Salgado



11 de nov. de 2012

Varrer o confeti (I)

Alá foi a presentación en Compostela de Gran tiburón branco. Vai xa para dúas semanas, pero un ten -tivo- outras cousas que facer. Agora toca varrer o confeti e pinchar os globos un por un. Eis a crónica do evento que sacou Manuel Bragado no seu blogue. Tamén apareceu unha nota nas páxinas locais de La Voz de Galicia. Aquí. Axiña máis.


La linea orizzontale / ci spinge verso la materia, / quella verticale verso lo spirito. (Foto de Adrián Estévez) 

30 de out. de 2012

Reinventarse ou morrer

Vén de aparecer unha nova entrevista sobre Gran tiburón branco, neste caso en Letra en Obras. Aquí.

Saben? Ademais esta tarde presento o libro. Aquí. 



24 de out. de 2012

Saúdo romano

Presento Gran tiburón branco. En persoa, digo.  Este é o texto que acompaña o evento en facebook:

"De hoxe en oito días (o martes trinta, por se ven isto con retraso) presentarase o libro Gran tiburón branco de Samuel Solleiro na libraría Couceiro de Compostela ás 20 h.

Estarán presentes o editor, Manuel Bragado, a crítica literaria Ana Salgado e o autor, que, como se sabe, é de extrema dereita e por iso aparece aquí na foto ensaiando un saúdo romano."


O do saúdo romano dáme vergoña poñelo aquí, para a posteridade e tal. Por iso no seu lugar poño unha foto dos osos amorosos: