Libros

Libros publicados

Punk (Corsárias, 2013)     
"Amo este libro e ódioo á vez, como supoño que Victor Frankenstein amaba e odiaba o monstro e como supoño que todos, nun momento dado, amamos e odiamos a quen unha vez fomos (Henri Michaux chegaba ao extremo de dialogar e discutir con todos os seus así chamados qui-je-fus). Unha segunda vida non é como unha primeira vida: aínda que algo, a vontade, a enerxía eléctrica, anime a criatura, o creador non esquece que esta está feita basicamente de carne morta e que non cheira demasiado ben. Ámaa así e todo e deséxalle o mellor, aplaudirá cada vez que mova un brazo ou pronuncie unha sílaba, pero é moi escéptico respecto de que o que veña vaia ser unha vida exactamente" (do epílogo).

Gran tiburón branco (Xerais, 2012)

"Gran tiburón branco contén cinco historias diferentes que comparten un mesmo clima de violencia, de vergoña e de cansazo, e tamén o feito de estaren narradas en primeira persoa por seres que moran á beira dun terraplén, da fronteira entre o coñecido e o que vén despois do coñecido: unha muller que engana o seu home catedrático cun guía turístico; un empregado do matadoiro que sospeita que o seu veciño pode ser xudeu; unha escritora posmoderna que descobre en México a existencia do mundo real; un músico fracasado que de pura deixadez desencadea a involución da especie; un tipo que narra a súa adolescencia sureña na que nunca pasaba nada e o pouco que pasaba non significaba nada en particular.Nos cinco textos está presente a literatura pero dunha maneira tanxencial: aparece como subterfuxio, de pasada. Os cinco narradores narran de casualidade (o acto de narrar é para eles unha experiencia inusual) e nunca volverán facelo, as súas voces non reaparecerán. De aí que os textos de Gran tiburón branco non rematen en final feliz, nin tráxico, nin aberto, senón no punto no que engadir algo máis, seguir escribindo en suma, sería insoportablemente redundante e un pouco ridículo. Suxírese así, unha e outra vez, a idea de que algo grande, demasiado grande (a literatura, o mundo) está a piques de rematar." (nota de contracapa)



dz ou o libro do esperma (Xerais, 2006)
"A intención argumental de dz ou o libro do esperma de Samuel Solleiro é a de problematizar e mesmo anular o concepto de masculinidade entendida sobre todo, pero non unicamente, a través do elemento sexual e paralelamente e en consecuencia, asasinar o propio suxeito (sexuado, canónico) construído pola modernidade occidental. Se ben as súas tramas son independentes, os relatos deste libro son chanzos nesta idea até o final, en que o suxeito e mutilado sexualmente e proponse un novo futuro cun novo suxeito: híbrido, travestido, vital, sensual e nostálxico. Desafiar a natureza é divertido e mesmo sexualmente excitante. Un entroido para sempre." (nota de contracapa)



Elexías a Deus e ao Diaño (Xerais, 2001)
"Noutro tempo, Elexías a Deus e ao Diaño tería encabezado, seguramente, a lista de libros prohibidos pola inquisición. Os deste libro son 13 relatos de temática absolutamente apóstata nos que o autor fustiga sen compaixón contra todo o que se lle pon diante, e moi especialmente contra a relixión. Pero non o fai tanto por soster o seu ateísmo ou por exhibir o seu anticlericalismo senón, sobre todo, por entroncar cunha tradición de bufón, de xograr desenganado, de herexe vocacional que pretende ridiculizar todo o ridiculizable e reducir a relixión a pura anécdota sen maior importancia, a unha simple broma. E faino entroncando coa prosa de Rabelais, co espírito de Darío Fo, coa ollada de El Bosco ou coa provocación de Luís Buñuel; é dicir, faino herdando o legado dos grandes heresiarcas. Con estes relatos de Samuel Solleiro, Abismos dá a coñecer o primeiro libro dun autor novísimo, que manexa maxistralmente ben os rexistros narrativos e que, de seguro, no futuro dará moito de que falar." (nota de contracapa)




 Noutras linguas


Elegías a Dios y al Diablo (Lengua de Trapo, 2007. Tradución ao castelán de Xiana Solla Lagoa)
"Retablo herético de actitudes religiosas, canibalismo sacrílego, nítidas visiones apocalípticas sobre un fondo Magritte, estampitas reconvertidas en provocadora esencia de pecado capital. Y sobre todo humor. Un humor extraño e incluso algo desafecto que empapa los trece cuentos que componen estas Elegías como la lluvia de esos pueblos gallegos en los que se sitúa la acción. Samuel Solleiro despliega toda una poética del género breve aplicada a cortar cuanta cabeza se pone a su alcance con una precisión que lo sitúa en la estirpe de los grandes iconoclastas, y que hace esperar de este joven escritor gallego nuevas y grandes alegrías literarias." (nota de contracapa)