Mostrando postagens com marcador literatura. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador literatura. Mostrar todas as postagens

21 de mar. de 2013

Fifty Shades of Samuel Solleiro

Ao final, non sei, un cóllelle o gusto a ler cousas en internet e despois comentalas aquí. Non todos os días pero así de cando en vez. Por exemplo: veño de ler o artigo “Porno para mamás?” de Eli Ríos n'A sega, a conto da novela Fifty Shades of Grey de E. L. James como transmisora da ideoloxía patriarcal (aquí). Concordo, en principio, bastante co artigo. E mesmo se non concordase, a miña discordancia tería que expresarse por forza desde a inferioridade de quen non leu o libro nin o vai facer porque a vida non é tan longa e a curiosidade non é tan grande como para andar a ler o que a un en realidade non lle apetece (e se son 1800 páxinas, menos). En todo caso, e dado que o artigo parece destinado a persoas na miña situación, collo aire e decídome a matizar algunhas cousas.




Con efecto, concordo bastante co artigo pero teño a sensación de que falta algo. En cinco parágrafos, Ríos fala da súa experiencia lectora e fai un breve resumo do argumento da obra. O sexto parágrafo comeza coa frase: “A construción da masculinidade patriarcal desta obra é o que me ten intrigada e abraiada.” O problema é que non se explica suficientemente, ao meu entender, en que consiste a construción da masculinidade patriarcal desta obra: a seguir veñen algunhas consideracións sobre as relacións entre os personaxes e unha conclusión. Quero pensar que, a estas alturas da película, o problema do libro non será o comportamento dos personaxes. Vamos, digo eu.

É dicir: Fifty Shades of Grey é unha obra de ficción. As lectoras e os lectores de Fifty Shades of Grey saben que é unha obra de ficción e en que consisten as obras de ficción. Nin a persoa que escribe un libro debería sentirse responsábel dos seus personaxes nin, madia leva, a persoa que le o libro debería traspasar os seus sentimentos sobre estes á vida real. Ao contrario: sempre na miña opinión, non só se pode senón que se debe permitir que os personaxes de ficción teñan os comportamentos máis abxectos e perversos. Para iso están, en certo modo: para permitirnos asistir a situacións humanas extremas sen que ningunha persoa real sufra, un fermoso milagre que nin a páxina máis inocente de La voz de Galicia podería reproducir.

Acontece que os contidos das obras están, moitas veces, sobredimensionados, talvez porque son a parte máis fácil de detectar (se falamos de sexismo, é máis fácil aplicalo ao contido dun libro, onde hai habitualmente “mulleres” e “homes” que ao uso do estilo indirecto ou da anáfora, pero máis fácil non significa mellor). Porén, os contidos son seguramente (e precisamente por fáciles) a parte menos preocupante dun produto artístico. Hai algunhas semanas seguín unha polémica a conto dun artigo da revista Diagonal no que se falaba do machismo no ámbito da música indie (o artigo principal é este; o resto de episodios da polémica procúrenos vostedes en google, fagan o favor). O artigo era moi valioso, sobretodo por facer unha lectura política dun ámbito que moitas veces pretende estar alén de toda política. Pero, por desgraza, caía no gran defecto de equiparar, ou mesmo priorizar, os episodios machistas nas letras das cancións sobre os episodios machistas nas prácticas do día a día no mundo da música (esas que fan que as mulleres xamais toquen o baixo nin a batería, xa saben). A razón: talvez certa preguiza. Con efecto, para detectar o machismo nas letras é suficiente ficar na casa e escoitar discos, e para detectalo noutros lugares, hai que estar nesoutros lugares presencialmente e, moitas veces, probabelmente ser de facto unha muller. E, salvando as distancias, estamos no mesmo lugar: unha novela que narra historias brutais é necesariamente un produto brutal, fabricado por unha persoa brutal e que corre o risco de brutalizar os seus lectores? Eu quero pensar que non. Suficientes cousas brutais pasan na realidade como para que ademais teñamos que preocuparnos das que pasan nas novelas.

 Outro debate é se o mundo do BDSM (bondage-dominación-sumisión-masoquismo), porque entendo que por aí van os tiros do libro, é necesariamente sexista. Eu non o teño tan claro. Arríscome outra vez a falar do que só coñezo por lecturas (xúrolles, de verdade, que non teño un látego no paraugueiro), pero diría que, ao contrario, a subcultura BDSM teatraliza de tal maneira as auténticas relacións de poder, con todo ese coiro e toda esa parafernalia, que supón en boa medida unha parodia do status quo. Mesmo sen coiro polo medio: unha relación amo-escrava asumida por ambas partes como xogo, como representación, non podería ser liberadora na medida en que explicita o que habitualmente está implícito?

Non o sei. Pregunto.

Pero o que si que é certo é que teño debilidade, como consumidor de cultura, polos produtos explícitos. Ollo: non quero xogar ao xogo do politicamente incorrecto, que para ben ou para mal no Estado español é patrimonio da extrema dereita de Salvador Sostres e compañía. Con todas as contradicións que queiran, estas liñas pretenden ser feministas. Mais hai xa un tempo que (volvamos á música) prefiro un “Smack my bitch up like a pimp” que un “Y ahora que no estás aquí me doy cuenta cuánta falta me haces”, aínda que só sexa porque no primeiro caso o conflito aparece na superficie e no segundo os estereotipos do campo léxico do amor me fan pensar no marido que, durmida a borracheira, baixa comprar un ramo de rosas por se acaso. Porque o que trato de dicir non é que non haxa novelas ou cancións machistas, senón que o machismo non está necesariamente onde máis facilmente parece encontrarse.
 
O verán pasado uns amigos e mais eu arrastramos durante varias semanas unha desas discusións que non teñen solución e por iso volven ao centro da conversa durante varios días. O detonante foi unha canción española, hoxe xustamente esquecida pero que nalgún momento estivo á moda: “Cuando brille el sol” de La Guardia (aquí), e a discusión versaba sobre se era a canción máis machista da historia da humanidade. A miña postura era que si. Pero precisamente paréceme tan machista a causa do evidente da letra, do lóxicos e naturais, por presentes na tradición do pop, que parecen os reproches que o narrador da letra lle fai a unha especie de antiga amante. Non hai unha problemática, non hai complexidade, nin sequera hai un contexto porque a reacción do narrador pretende ser tan universal e tan de sentido común que a historia non trata de individualizarse de ningunha maneira. Agora ben, o problema da canción non é que o narrador da letra sexa un desgraciado, senón como a música despreocupada lle quita importancia a que o sexa, como a utilización de estereotipos pop dificulta a súa lectura en clave de ficción e, enfín, como a natureza comercial da música invisibiliza, universalizándoa, a discriminación. Non menos desgraciado é o narrador do tango “Confesión” de Discépolo (arriba, en versión de Julio Sosa), e porén a súa complexidade psicolóxica impide, ao meu entender, calquera acusación de machismo para a canción (para unha análise feminista deste e outros tangos recomendo este artigo de Dolores Juliano).

 Quero dicir con isto algo tan simple como que é imposíbel pór de manifesto o machismo, ou calquera outra ideoloxía, dun produto cultural se non se menciona a forma, as ferramentas coas que ese produto se construíu. Fifty Shades of Grey tenme toda a pinta (lembren: non o lin) de ser extremadamente machista, pero non porque un personaxe castigue a súa muller por non facerlle de comer, senón porque adiviño unha visión edulcorada de todo isto: unhas formas suaves, unha narrativa neutra, transparente, unha linguaxe consensual.

Tema á parte é o “que facer” con este tipo de produtos. Espero que conveñan comigo en que a resposta máis intelixente a esa pregunta sería “nada”. Ou, en todo caso, promover sempre que sexa posíbel lecturas críticas que poñan de manifesto as súas contradicións. Evitalos por medo a contaminarse só pode crearlles unha aura de obxectos prohibidos que non merecen (outra cousa é evitalos por medo a perder o tempo, pero ese é outro tema). E en realidade hai que pensar que as persoas adultas teñen unha total capacidade para discernir o que é a ficción do que é a vida. Preocuparse a priori da posibilidade de que algunhas persoas talvez non a teñan é, no fondo, unha crenza patriarcal.

24 de jan. de 2013

Best sellers

-->
Teño insistido moito en que este non é exactamente un blogue. Porén, de cando en vez senta ben escribir un post como se o fose. É o caso do que segue.






















Chego, através do web Letra en Obras, a un artigo do novelista Pedro Feijoo en Galicia 21 (aquí) no que, a partir da súa novela Os fillos do mar, reflexiona sobre a necesidade de que se escriban best sellers en galego. O debate sobre os best sellers é un fantasma que regresa cada certo tempo ás nosas letras e supoño que a todas. Non é que eu vaia agora responderlle a Pedro Feijoo ou cousa parecida, digamos que apenas utilizo o seu artigo como lanzadeira para dicir un par de cousas que xa quería dicir de antes. Tampouco lin Os fillos do mar nin teño a posibilidade de facelo nos próximos meses, probabelmente sexa unha boa novela, vamos, que non van por aí os meus tiros. Por outra banda en Letra en Obras (aquí) comezou un pequeno debate sobre isto (no que, polo que vou lendo, o usuario chamado “Vidal” emite opinións próximas ao que vou dicir eu). Se eu veño escribir aquí no canto de participar no debate é porque non me sinto moi a gusto discutindo no medio electrónico e mais por esa perla da sabedoría popular que di algo como que onde mellor se caga é na casa, con perdón.

Un best seller é un libro que foi moi vendido ou un libro que se considera que ten determinadas características que, talvez, farán que se venda moito? Definir isto é fundamental para argumentar calquera cousa. Feijoo declara adoptar a segunda definición, pero opera coa primeira sempre que lle convén (de Memorias dun neno labrego pode un gostar ou non, pero parece obvio que non é un libro na tradición de Dumas). Por moitas características en común que compartan moitos best sellers, a cantidade de best sellers con outras características é suficientemente importante para invalidar todo isto. Así, a única definición prudente paréceme a primeira, e por iso defender a escritura de best sellers é, de entrada, un contrasentido, xa que cando un best seller se convirte en best seller suponse que xa foi escrito antes.

Perogrulladas á parte, e falando do que é necesario e do que non, se consideramos best sellers os libros de Umberto Eco ou de James Ellroy ou a saga Mundodisco de Terry Pratchett (e como argumentar que non o sexan, mirando cifras?), a min paréceme que si, que seguramente sexa preciso escribir libros como eses: complexos, ben escritos, cun traballo considerábel detrás e, sobretodo, diferentes. Pero moitas veces a postura que aparece neste debate, e temo que a reivindicación que Feijoo fai de certas novelas do XIX vai nesa liña, é máis ben unha defensa dos libros simples, mastigados, profundamente conservadores e que se poden escribir en poucos meses porque o seu público potencial non ten moitas luces nin moitas ganas de complicarse a vida. O que obvia, entre outras cousas, o feito de que as persoas estúpidas do noso país, que as hai, normalmente non len libros de ningún tipo, que isto non é Suecia e que temos a cultura lectora que temos (nada do que sentírmonos orgullosos, pero traballo dos profesores e pedagogos, non tanto dos escritores) e que probabelmente as lectoras e lectores de calquera libro son xente, no mínimo, espilida e con sentido crítico. Fagan a proba de percorrer un tren de punta a punta e contar os libros de Tom Clancy, Stephenie Meyer ou Dan Brown que encontren. Non moitos, verdade? En todo caso, verán moitos máis teléfonos, Voces de Galicia e xente que mira a caluga do que ten diante. En realidade, pretender falar dos gustos do público como se se puidesen coñecer de antemán os gustos do público ten sempre un fondo aristocrático.

E despois, a falacia da normalización. O que hai que normalizar, digo eu, é a lingua galega. Que a literatura teña que exorcizar a normalización que a lingua non ten, é inxusto, é esaxerado e é comezar a construír a casa polo teito. Os best sellers sono en tanto que produtos emitidos por un sistema empresarial normalizado á súa vez. Pretender escribir un best seller nun contexto literario no que se venden 200 exemplares dun libro é bastante absurdo, e mesmo no caso de que teña éxito, en que pode consistir este? En esgotar catro edicións? (non sei cantos exemplares son iso, uns 3000 talvez?) Ben en todo caso polo autor, que poderá pagar o alugueiro dun ano, pero iso non vai salvar unha lingua nin un sistema empresarial nin a cultura lectora dun país. Se hai unha convención nos medios de comunicación para minimizar a presenza dos libros escritos en galego e unha dependencia tan grande das políticas de subsidios que provocan que un conselleiro bote un peido hoxe e todos os produtores culturais do país amenzan afogados mañá, non é completamente imposíbel producir un auténtico best seller con total independencia do que haxa escrito nas páxinas do libro? E non sería máis práctico ofrecer algo diferente do que xa se escribiu un millón de veces para tratar de crear para os libros algo semellante ao concepto de “escena” que se utiliza en música? E non é este, por certo, un debate que se dá case punto por punto en todas as literaturas do mundo, por moi normalizadas que parezan estar?

En todo caso, e falando non en nome da “literatura galega” nin dos “lectores” senón como o lector individual que son, si que boto en falta en moita da literatura escrita na miña lingua a capacidade de entreter, evadir e transmitir paixón, algo perfectamente louvábel. Pero non porque os máis dos libros sexan culturalistas ou académicos ou pallas mentais posmodernas (seino porque destas últimas perpetrei algunha hai algúns anos e, aínda que nunca o lamentarei o suficiente, non creo lembrar que fósemos moitos precisamente a escribilas), senón porque non son arriscados, porque se escriben moi ás présas talvez e porque teñen, ao meu xuízo, a pretensión de converterse en best sellers sen pasar o enorme traballo que ten que supór escribir un best seller digno e salvando do “xénero” só os elementos máis superficiais (é dicir, os elementos que asocian aos best sellers a xente non lectora de best sellers): a saber, historias manidas, moralexas, frases feitas e bos sentimentos. Nada que, na miña forma de ver, entreteña, evada ou transmita paixón, senón, máis ben ao contrario, obstáculos. Pensar que os libros culturalistas, académicos e posmodernos son unha merda, está moi ben e compártoo en boa medida. Pensar que son o que impide que a literatura escrita en galego despegue, é unha distorsión da realidade. As elites das que fala Feijoo, quen son exactamente? Caneiro? A ver, non é que o autor teña que dicir nomes e apelidos, pero, non sei, institucións, universidades, editoras... algunha pista debería dar. Se non a dá (e non a dá), que queren que lles diga, sóame todo un pouco a illuminati, a conspiracións reptilianas e a terrorismo galego.

Volvo ao comezo: que é, logo, un best seller? Entra Philip Roth como best seller? Mal non debe venderse, vaia, e ademais é doado de ler, entretido e fácil de identificarse cos personaxes, pero ben escrito e con riscos. E Joyce Carol Oates? E J. M. Coetzee? Se si, excelente. Pero dáme a sensación de que o que se está a procurar ás veces é un pretexto para escribir mal (e de novo, non teño motivos para pensar que sexa o caso de Pedro Feijoo) ou para escribir o de sempre. E honestamente, o que a literatura galega precisa ou deixa de precisar non o sei, que hai tempo que me absteño de falar pola voz desa señora, pero creo poder saber que os lectores en todo caso merecen outras cousas.

Feijoo engade a todo isto que non é o asunto do seu artigo falar de calidade literaria.

E de que fala un escritor cando non fala de calidade literaria?

De iphones?

29 de dez. de 2012

Gffhhhh

Hai unhas semanas era o Culturgal e alguén contactou comigo para pedirme unha colaboración nunha narración colectiva. O traballo que supuña era realmente pequeno e dixen que si, claro. Como non estiven na feira esa, non sei o que se fixo coa narración en cuestión, ou se se fixo algo. Algo presencial, digo. O caso é que agora acábase de publicar nas redes sociais. Abaixo está o resultado.

Avanzo, iso si, que cada cacho é case totalmente independente e que o texto global resulta practicamente inintelixíbel. Diría un que cada participante (e eu o primeiro, ollo) escribiu contra ou respondendo ao cacho anterior, con máis idea de destacar que de colaborar a crear nada. E aínda que o textiño este non sexa, no fondo, moi relevante, parece como que quere ser unha forma típica de facer as cousas aquí, e dá, non sei, como medo.





























(Esta é a primeira vez que escribo algo nesta casa que implique outros escritores galegos, mesmo se é indirectamente. Supoño que de cando en vez fai ben, pero hostia, deberíanme ver agora mesmo: estoume a pór colorado).

Eis o texto, e abaixo as autorías:


Detonar a túa impunidade, ese é o meu obxectivo. E como preciso un plan de combate co que abater esa chularía que exhibes, inxiro un cóctel de pólvora, dous xeos e cola, acurrálote e espétoche: (1)
-Gffhhhh -ou algo así.
            Parece que hai un problema.
-Gffhhhh.
            Probo outra vez:
-Gffhhhh.
            Óllasme como a un réptil. O cóctel, con toda a pólvora, etcétera, arrefría dentro. Súo, claro. (2)
            Miro dentro do cóctel, un dos xeos reflicte o teu ollar de saurio primitivo. No outro debúxase, distorsionada, a miña boca reseca pola ansiedade. Tampouco pasará nada se fallo, penso. Ofrézoche o vaso. (3)
            Mais a min, que estou do outro lado, ensináronme de pequena a non beber e adoito non cambiar as miñas conviccións a menos que me convenzan de xeito cabal. Dime, logo, cales son os teus argumentos? (4)

           Dous
           Tras ler aqueles escritos adolescentes das miñas alumnas, asimilei que xamais podería evitar que malgastasen tanto tempo, espazo e carne.
           Argumentar?
           Iso borrase da alma canda a primeira felación practicada/recibida (5), como tantas outras esvaecen logo da epifanía dos sentidos, mais logo retornan ou non seguindo a doce aleatoria das lembranzas. Malgastar, por certo... que dixen? Iso é un prexuízo dos peores:"o tempo é ouro" e outras andrómenas castradoras. (6)
            - O tempo é ouro e a pasividade contrarrevolucionaria! –exclamou Verne co seu habitual entusiasmo, poñendo fin ás discusións e retomando a camiñada.
            Oíron un disparo xusto cando a cabeza dun dos cans estoupaba no aire. (7) Levei a man a meixela e retireina manchada de sangue. Non sabía se era meu –porque daquela eu xa perdera en grande medida a capacidade, a beizón de sentir dor- ou do animal. O corpo descabezado do can aínda se retorcía no chan, como unha miñoca. (8)
            Daquela, o corpo separado do seu espírito que lentamente ía despregándose e comezaba a súa nova existencia como outro espectador máis do que alí acontecera. A xente amoreábase ao redor do can xa morto mentres o espírito deste buscaba acougo noutro corpo, esta vez nun de nena fermosa e asustada pola indiferencia dos transeuntes. Así, coa súa mirada perdida conquistou a este novo habitante do seu corpo. (9)
              Observounos introvertidos. Perdidos nas illas dunha revolución incruenta, protexidos polo rebumbio dos cócteles de palabras e a ignorancia do frío que vai sempre fóra. O primeiro disparo foi en van. Non era o seu negocio entender e unha mira telescópica non é boa para planos xerais. O primeiro fallo abocouno a apuntar contra o grupo. Arrimou o ollo e mandoulle un paneo no mesmo sentido en que debería avanzar a historia, de dereita a esquerda. Pero algún sentido teñen que ter os tiros. Cando menos servirán de advertencia. Mentres buscaba un obxectivo, mentres chamaba pola concentración co mantra busca inimigos á altura das túas posibilidades, baixoulle a respiración e deuse un segundo de recreo para desfrutar co dedo vencendo a suavidade do gatillo. A bala asubiou unha sentenza antes de impactar: que sós quedan os conselleiros cando desaparecen os asasinos. (10)

(1) Ata aquí, Iolanda Zúñiga
(2) Ata aquí, Samuel Solleiro
(3) Ata aquí, Begoña caamaño
(4) Ata aquí, María Reimóndez
(5) Ata aquí, Samuel L. París
(6) Ata aquí, Xavier Queipo
(7) Ata aquí, Anxos Sumai
(8) Ata aquí, Eva Moreda
(9) Ata aquí, Menchu Outón
(10) Ata aquí, Camilo Franco
 

18 de nov. de 2012

Roth vs Levítico






























–E se casase cunha cebra? –preguntou Donald, indignado–. Un rabino casaríaa cunha cebra?
–Unha cebra ou un cebú?
–Que é un cebú?
–É unha vaca oriental cunha gran xiba. Hoxe moitas mulleres abandonan os seus homes para ir cun cebú. Que dixeras?
–Unha cebra.
–Non creo, francamente. Un rabino non tocaría unha cebra, non pode facer tal cousa. Son animais que non teñen o pezuño fendido. Para que un rabino oficie na voda dunha persoa cun animal, este debe rumiar e ter os pezuños fendidos. Un camelo, por exemplo. Un rabino pode casar unha persoa cun camelo. Unha vaca, calquera tipo de gando, unha ovella... Un rabino non pode casar alguén cun coello, xa que se ben o coello rumia, non ten pezuños fendidos. Ademais comen a súa propia merda, o que parece a primeira vista un punto ao seu favor, xa que mastigan o alimento tres veces, pero requérese que sexan dúas veces, nin máis nin menos. Por esta razón un rabino non pode casar unha persoa cun cocho, non porque o cocho sexa sucio, ese non é o problema e non o foi nunca. O problema é que o cocho, malia ter os pezuños fendidos, non rumia. A cebra pode que rumie ou non, non o sei, pero non ten os pezuños fendidos e, para os rabinos, unha soa irregularidade abonda para ficares excluído. O rabino pode casar unha persoa cun touro, madia leva. O touro é como unha vaca. É o animal divino. O deus canaanita El, do que os xudeus tiraron o Elohim, é un touro. A Liga Antidifamación trata de minimizar isto mais, gosten ou non, o El de Elohim é un touro! A paixón relixiosa básica consiste en adorar un touro. Que carallo, Donald, os xudeus deberiades estar orgullosos diso. Todas as relixións antigas eran obscenas. Sabes como imaxinaban os exipcios a orixe do universo? Calquera rapaz pódeo ler na súa enciclopedia. O deus masturbábase e o seu esperma saía voando e creaba o universo.


De El teatro de Sabbath (Philip Roth, Madrid, Alfaguara, 1997, pp. 311-312). Versionado galego sobre a tradución española de J. Fibla.

9 de set. de 2012

Polaroid


Hai uns poucos días remataba eu as miñas vacacións en Galiza e atopei nunha libraría de vello un exemplar de Polaroid, o libro de Suso de Toro de 1986 (o da capa bonita que poño abaixo, non a edición rosada que sacaron despois). Compreino sen pensalo moito. Na casa boteille unha ollada rápida e activóuseme unha magdalena de Proust. Adoro este libro, si. Non é unha adoración obxectiva, non é necesariamente o meu libro favorito, nin o meu libro galego favorito, pero dá espertado en min aquela sensación de algo ser absolutamente novo que non aparece, madia leva, todos os días. Non sei que parte de culpa de que eu (castelanfalante até os dezanove anos: insúltenme) comezase a escribir en galego tivo Polaroid. Pero unha parte tívoa seguro. Non sei por que, desde o bastión tudense no que eu vivía, a lingua galega parecía suficientemente exótica como para eu desenvolver unha especie de diglosia ao revés: e Polaroid, un libro que non só era máis urbano do que eu esperaba dun libro galego, senón tamén máis urbano que a miña experiencia de todos os días, e que até se titulaba cunha palabra que cumpría procurar no dicionario, aprendeume que o galego era a lingua das cidades e dos libros modernos mentres que o castelán apenas servía para comentar no patio da escola as mellores xogadas de Porky's 3.

O que segue é o texto completo que lle enviei a Daniel Salgado cando me preguntou sobre o libro para celebrarlle os 25 anos nun artigo no Luces d'El País que se chamou “Meteorito 'Polaroid'” e que poden ler aquí.





























Un familiar tiña Polaroid, a saber por que, e foi, talvez, o primeiro libro para adultos (en xeral, non só en galego) que lin na vida. O listón ficou moi arriba, non sei se algunha vez volvín encontrar un libro galego, non direi tan acabado, pero si con ese grao de risco. Lelo e relelo (na altura tiña poucos libros e relía con frecuencia) quitoume todo o autoodio de vez (o literario: o outro aínda me levou o seu tempo pero esa é outra historia). O libro é un proxecto que hoxe chamariamos, con ánimo reducionista, posmoderno: unha novela que parecen contos e que trata de abranguer todo, do sexo (moito me masturbei cun dos capítulos no que aparecía unha muller en bata, non teño o libro a man e non lembro o título) até a patria (os manifestos kamikazes son a cimeira aínda non superada do uso da ironía na cultura galega), pasando polo uso das fotografías varios anos antes de que Sebald publicase ningunha novela. En linguas menos periféricas é hoxe o día no que andan a se publicar libros semellantes e os seus autores pasan por ser unha especie de xenios. As razóns políticas son evidentes, pero tamén outras: a continuidade experimental de Polaroid tardou moito en chegar, se é que algunha vez chegou, e supoño que o libro asustou algunha xente, comezando polo seu autor que, malia facer algúns bos libros antes de capitular a mediados dos noventa da boa literatura e recentemente da literatura tout court, pareceu arrepentirse de abrir a caixa dos tronos e tratou de amañalo con sucedáneos como Tic tac, que non é un mal libro pero non é o mesmo, e que eu pensaba que estaba considerada a súa grande obra e Polaroid só a leramos uns poucos despistados. Alégrame, en todo caso, saber que non, se realmente é que non.

15 de ago. de 2012

Gombrowicz vs Polonia

























Artigo de Lechoń en Wiadomości titulado “A literatura polaca e a literatura en Polonia”.

Até que punto todo isto pode ser sincero? Eses razoamentos pretenden demostrar máis unha vez (ah, cantas veces o ouvimos!) que estamos á altura das mellores literaturas do mundo; estamos á súa altura pero permanecemos descoñecidos e ignorados! [...]

Quérome referir [...] ao anticuado do método e ao carácter repetitivo dese estilo dirixido a fortalecer os ánimos. Cando Lechoń constata con orgullo que Lautréamont “aludía a Mickiewicz”, o meu cansado pensamento desenterra do pasado enormes cantidades de semellantes revelacións orgullosas. Cantas veces alguén, talvez Grzymala ou mesmo Debicki, púxose a demostrar urbi et orbi que despois de todo non somos uns coitadiños porque “Thomas Mann consideraba Nieboska unha grande obra ou porque Quo Vadis? foi traducido a todas as linguas”. É o azucre co que nos fortalecemos desde hai tempo. Pero gostaría de chegar a ver o momento no que o cabalo da nación trabe na dóce man dos Lechoń.

[...] Porén, a miña actitude fronte a esas cuestións é diferente. Un día tiven ocasión de participar nunha desas reunións de polacos dedicada a darse ánimos uns aos outros..., na que, logo de cantar a Rota e bailar un krakowiak, todo o mundo se puxo a escoitar un orador que exaltaba o noso pobo porque “dera ao mundo a Chopin”, porque “temos a Curie-Sklodowska” e o Wawel e a Slowacki e a Mickiewicz, e ademais porque fomos o último baluarte do cristianismo e a constitución do 3 de maio fora moi progresista... Explicaba para si mesmo e para todos os asistentes que eramos unha gran nación, o que talvez xa non espertaba o entusiasmo dos ouvintes (coñecían ese ritual e participaban nel como nun acto relixioso do que non se debía esperar sorpresas), que, no entanto, o recibían con certa satisfacción por cumpriren un deber patriótico. Mais eu vía esa cerimonia como chegada directamente do inferno; esa misa nacional parecíame un espectáculo diabolicamente sarcástico e malignamente grotesco. Porque eles ao louvar a Mickiewicz humillábanse a si mesmos, e cando glorificaban a Chopin demostraban que non eran dignos del e, ao se deleitaren coa súa propia cultura, deixaban ao descuberto a súa barbarie.

Os xenios! Que lles dean a todos eses xenios! Deume gana de dicirlles aos participantes na reunión:

-E a min que me importa Mickiewicz? Vós sodes para min moito máis importantes que Mickiewicz. E nin eu nin ninguén vai xulgar a nación polaca por Mickiewicz ou Chopin, senón polo que pasa e o que se di nesta sala. Mesmo se fósedes unha nación tan pobre en grandeza que os vosos artistas máis célebres se chamasen Tetmajer ou Konopnicka, pero soubésedes falar deles coa soltura da xente libre de espírito, coa mesura e a sobriedade da xente madura, se as vosas palabras abranguesen un horizonte universal e non provinciano..., daquela, mesmo Tetmajer podería ser para vós un título de gloria. Pero, así as cousas, Chopin e Mickiewicz serven apenas para destacar a vosa mezquindade, porque vosoutros, con inxenuidade infantil, exibides nos fuciños do estranxeiro aborrecido eses grandes polacos co único fin de reforzardes o voso debilitado sentido do valor persoal e darvos máis importancia. Sodes como un pobre que fachendea de que a súa avoa tiña unha granxa e viaxaba a París. Sodes uns parentes pobres do mundo que tratan de impresionarse a si mesmos e de impresionar os demais.

[...] Lembro unha pequena recepción nunha casa arxentina, na que un polaco, coñecido meu, comezou a falar de Polonia e madía leva, como sempre, puxo sobre a mesa a Mickiewicz e a Kościuszko canda o rei Sobieski e a batalla de Viena. Os estranxeiros escoitaban con cortesía o seu fervente discurso tomando boa nota de que “Nietzsche e Dostoievski eran de orixe polaca” e de que “temos dous premios Nobel de literatura”. Pensei que se alguén se louvase dese xeito a si mesmo ou a súa familia, demostraría unha falta de tacto impresionante. Díxenme que compararse desa maneira con outras nacións, facendo fincapé en xenios e heroes, méritos e logros culturais, era precisamente unha torpeza tremenda na táctica propagandística, pois co noso Chopin semifrancés e Copérnico de sangue non de todo puro, non podemos competir con Italia, Francia, Alemaña, Inglaterra ou Rusia; de modo que o noso punto de vista nos condena precisamente á inferioridade. Porén, os estranxeiros non deixaban de escoitar con paciencia, como se escoita os que, querendo pasar por aristócratas, lembran cada dous por tres que o seu tataravó era propietario do castelo de X. E escoitábano con máis aburrimento por canto nada diso lles importaba en absoluto, pois eles mesmos, por pertencer a unha nación nova e desprovista por sorte de xenios, ficaban fóra de xogo. Pero escoitaban con indulxencia e mesmo con simpatía, xa que, á fin, comprendían a situación psicolóxica del pobre polaco; e este, emocionado co seu papel, non paraba.

[...] Que foi o que dixen? Decateime de que só unha mudanza radical de ton podía salvarnos. Fixen todo o posíbel, así, para que na miña voz se evidenciase o menosprezo e púxenme a falar como quen que non lle dá maior importancia ao conseguido pola nación até o de agora, como aquel para o que o pasado ten menos valor que o futuro, para quen a lei suprema é a lei do presente, a da máxima liberdade espiritual nun momento dado. Suliñei o elemento alleo no sangue dos Chopin, Mickiewicz e Copérnico (para que non pensasen que tiña algo que ocultar, que algo me puidese quitar a liberdade de movemento) e dixen que non se debía tomar demasiado a serio a metáfora de que nós, os polacos, os “trouxeramos ao mundo”, pois eles unicamente naceran entre nós. Que ten a ver con Chopin a señora Kowalska? Acaso polo feito de Chopin compor baladas sobe, por pouco que sexa, o peso específico do señor Powalski? Acaso a batalla de Viena proporciónalle sequera un gramo de gloria ao señor Ziebicki de Radom? Non –dixen–, non somos herdeiros directos nin da grandeza nin da mezquindade pasadas, nin da sabedoría nin da estupidez, nin da virtude nin do pecado: cadaquén é responsábel apenas de si mesmo, cada quen non é máis que un mesmo.

Nese momento, porén, experimentei a sensación de non ter profundizado o suficiente e de que debería tratar (para que o que estaba a dicir fose eficaz) a cuestión a unha escala maior. De modo que, recoñecendo por unha banda que, até certo punto, nos grandes logros dunha nación e nas obras dos seus creadores maniféstanse as virtudes particulares propias desa comunidade concreta e todas aquelas tensións, enerxías e encantos que nacen dunha masa e constitúen a súa expresión, ataquei ao mesmo tempo o principio mesmo da autoadoración nacional. Dixen que se unha nación verdadeiramente madura debe xulgar con moderación os seus propios méritos, unha nación verdadeiramente viva debe aprender a menosprezalos, ten que mostrarse altiva ante todo o que non sexa o seu presente e o seu devir contemporáneo...

Foi “destrución” ou “construción”? Dunha cousa estou certo: esas palabras eran destrutivas por canto minaban o laboriosamente elevado edificio da “propaganda”, e mesmo deron escandalizado os estranxeiros. Pero que pracer falar non para alguén senón para un mesmo! Cando cada palabra te afirma máis en ti mesmo, che dá máis forza interior, te libera de milleiros de temerosos cálculos, cando falas non como escravo do efecto senón como home libre!

[...] Mais só no final da miña filípica encontrei a idea que me pareceu –no medio daquela atmosfera de turbia improvisación– a máis lograda. A saber, que nada do que lle é propio debe impresionar o ser humano; de tal modo que, se nos impresiona a nosa grandeza ou o noso pasado, é a proba de que aínda non os levamos no sangue.


De Diario (1953-1969) (Witold Gombrowicz, Barcelona, Seix Barral, 2005. pp. 21-26). Versionado galego sobre a tradución española de B. Zaboklicka e F. Miravitlles.