Mostrando postagens com marcador conferencias. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador conferencias. Mostrar todas as postagens

19 de nov. de 2014

Il giardino proibito

O que segue é o texto que escribín para a mesa redonda de narrativa na que estiven hai un par de semanas, canda Berta Dávila e Mario Regueira. Foi no VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os da AELG, no edificio Normal da Coruña. O tema era "As outras. Os outros", isto é, as lectoras e lectores. Na foto non estou durmindo. Estou meditando.
 

















O FEO, O SUCIO E O IMPURO

Scusa tanto
se la vita è così:
non l'ho inventata io.

“Il giardino proibito” (Sandro Giacobbe)

I

Teño moitas rarezas, pero ningunha delas consiste en pensar que é mellor ter poucos lectores que moitos. Comecemos por aí. Hai tempo que non creo no lado romántico da miseria.

Claro que tamén é certo que, nos últimos tempos, a accesibilidade das tecnoloxías da comunicación permitiu a identificación, cuantitativa e cualitativa, desas estrañas persoas que len sen escribir, ou sen publicar polo menos. En efecto, agora sabemos que esas persoas existen, que non son só esa nebulosa anónima que non hai tanto se agochaba despois do cribo que era a editora. Un escritor antes preocupábase de que a editora lle fixese caso, e todo o que pasase despois, co libro editado, non era da súa incumbencia e pertencía ao terreo do marketing.

Agora, de pronto, os lectores existen. E sabemos que son poucos e que son fráxiles. Non porque sexan realmente poucos (poucos comparados con que?), senón porque son un ben e, como tal ben, nocións como a de “escaseza” son agora aplicábeis a eles.

Esta situación, sumada ao feito de, no contexto galego, existir eses detalles sociolingüísticos tan desagradábeis, parecen case obrigar a que se fale destes asuntos en ton de lamento pola perda dos lectores. A min gustaríame evitar na medida do posíbel este ton. Confío en que isto non se tome como unha chamada ao conformismo e si como unha posibilidade de falar un pouco alén de onde a gramática do lamento, que é un tanto limitada, permite.

En todo caso agradezo moito o tema desta mesa, porque falar de lectores é meter o dedo na ferida e as feridas, en certo modo, son para meter os dedos e fozar nelas.

II

De todos modos, se temas como este son infrecuentes, non é porque non se pensase neles senón porque sempre houbo un certo medo a enfrontalos directamente e que a realidade fose máis fea, máis sucia e máis impura do que se pensaba. Foi un pouco como varrer debaixo da alfombra: no fondo sabes o que vai haber debaixo o día que a levantes, pero mentres non te decides a facelo vaste contando un conto e o conto di que a vas levantar e vai haber un campo de margaridas debaixo, e ao mellor un dá aguantado toda a vida sen levantala e leva o conto do campo de margaridas para a tumba con el, pero o día que levantar a levante, o que vai haber é, claro, un criadeiro de ácaros.

Hai unha alquimia, bastante rodada en Galicia, segundo a que calquera problemática literaria, desde as que teñen máis relación co diñeiro e o mundo empresarial até as máis formais e puramente técnicas, tende a transformarse nun discurso identitario. É máis: dá a sensación de que todas as problemáticas son un pouco sórdidas e merecen un certo desprezo mentres non encontran a súa expresión en termos identitarios.

Segundo esta regra, ningún debate pode tomarse moi en serio se non fala de cousas como o que ten que ter a literatura galega para ser galega, como pode a literatura galega contribuír a isto ou a aquilo (á autoestima lingüística ou á independencia de Galicia, digamos) ou como a literatura galega, como un todo, pode facerse valer ante sistemas máis grandes. E tamén se fala moito, en consecuencia, de pureza lingüística, de reintegracionismo ou de efemérides. No mellor dos casos, fálase de identidades diferentes da nacional, como a de xénero.

(Tamén se falaría de raza ao estilo norteamericano se non fósemos todos máis brancos que Cristo: dos que escribimos por aquí eu debo ser dos máis negros en canto á pigmentación e non vou alén de certo toque axitanado).

Este enfoque perpetúa unha visión do mundo basicamente mítica á que non lle preocupan moito as persoas reais agás como actores e actrices dun proxecto identitario que non entende do que hai senón só do que debería haber. As persoas reais son feas, sucias e impuras. O máis probábel é que a lingua na que máis len sexa o español e pode que algunhas até falen nesa lingua. Son, ante todo, moi contraditorias. Sería mellor que fosen invisíbeis, e para iso están os mitos: para evitar ver as cousas que non se queren ver.

Algúns destes mitos son, entre outros, o de que a literatura ten unha labor normalizadora que cumprir; o de que Galicia é unha comunidade nacional orgánica e culturalmente autosuficiente; o de que as interferencias das vidas culturais madrileña ou barcelonesa en Galicia se explican só en termos de intereses foráneos e coloniais; o de que os escritores teñen a obriga moral de tomar posición en todos os procesos que teñan a máis mínima relación coa literatura galega en conxunto, etc.

III

Todo isto ten cristalizado en debates que se presentan na forma de binomios ultrasimples (tipo carne-peixe, mamá-papá, PP-PSOE) que, cunha perspectiva realista, habería que impugnar sen tomar partido por ningunha das dúas opcións, porque están formulados segundo a lóxica do mito e só con esa lóxica poden resolverse: o debate sobre se hai que escribir best sellers en galego, o debate sobre se os escritores deben ser profesionais ou afeccionados, o debate xeracional, o debate sobre se o Día das Letras Galegas ten que conmemorar autores vivos ou mortos, o millón de debates sobre normativas lingüísticas, etc. Estas son algunhas das margaridas que algunha xente pensa que crecen debaixo da alfombra.

E outro deses debates é o da literatura “experimental” fronte á “popular”, segundo o que a primeira tería poucos lectores e moi especializados (hai quen usa a palabra “críticos” para referirse creo que a unhas seis persoas) e utiliza unha linguaxe moi complexa e con pouca acción, e a segunda ten moitos lectores e unha linguaxe máis ben simple e con máis acción. Sería interesante ver como unha análise formalista dunha e doutra literatura seguramente revelaría uns resultados horrorosamente semellantes en ambos bandos.

Eu creo, para empezar, que, no canto de que un libro “experimental” teña poucos lectores e un “popular” teña máis, o que acontece é que se lles chama “experimentais” a libros con poucos lectores e “populares” a libros con máis. Ou sexa, que a sospeita (en base á visibilidade do libro, por exemplo) de que un libro se vai ler pouco, asígnao automaticamente ao caixón do “experimental”.

E creo, ademais, e isto dá máis medo, que temos tan asumido que os libros en galego teñen unhas características temáticas complementarias dos mitos de construción identitaria (alegorías nacionais, personaxes sen contradicións, finais que se ven vir, contextos por defecto, sexualidades descafeinadas) que, no momento no que nun libro están ausentes, se nos faga raro e chamemos ao raro “experimental”, que queda máis fino.

Para o meu libro Gran tiburón branco, por citar un exemplo con pouco risco de erro, tiven como referentes principais autores norteamericanos bastante mainstream (Philip Roth, Joyce Carol Oates, Salinger, Tobias Wolfe ou Lorrie Moore), e non é que queira utilizar eses nomes coñecidos para lexitimar nada nin que pense que o meu libriño é herdeiro digno desas señoras e deses señores, pero si que, como as historias deles, contén construcións narrativamente moi simples que non podo entender que alguén no século XXI considere experimentais en absoluto. E así e todo, seica teño dalgunha maneira esa denominación de orixe, caída do ceo ou de non sei onde.

O lugar no que tal vez deberiamos estar é xa ese no que se asimilaron os recursos experimentais e se utilizan puntualmente como ferramentas expresivas da vella e nobre tarefa de contar historias e contalas ben. Infelizmente, é un lugar difícil para estar se todo o mundo pensa que non existe.

É un pouco como o purgatorio.

IV

Seguir perpetuando estes debates de A fronte a B é unha gran falacia cuxas motivacións principais entendo que oscilan entre xogar a sermos un país como calquera outro (cando é evidente que non o somos, queirámolo ou non) e xogar a sermos un país radicalmente diferente ao resto e até pode que mellor (e tampouco o somos, claro).

Galicia, se algo é, é un país feo, sucio e impuro. Como todos.

Creo que é importante cobrar consciencia disto e asumir que somos unha sociedade híbrida, de pouquiña xente, na que a porcentaxe de persoas con hábito lector ha roldar, se non me engano, a media do sur de Europa. E que desa porcentaxe de persoas unha parte non foi alfabetizada en lingua galega. E que, da parte que si que o foi, hai persoas que así e todo son monolingües en español á hora de escoller as lecturas (entre as que por certo, non me cabe dúbida de que haberá libros difíciles, pouco compracentes ou directamente, agora si, experimentais). Creo tamén que entre as causas para esta elección, o rexeitamento directo é infrecuente. En parte pesan, sen dúbida, os prexuízos. Pero tamén hai que recoñecer que os produtores de libros en galego tiveron -tivemos- parte de culpa. Por de pronto, por perpetuar todo ese aparato mítico e eses debates de ciencia ficción que acabaron por deixar claro que isto non ía alén dunha especie de reunión de antigos alumnos de algures.

Esa comunidade lectora (na que non me caen os aneis por incluírme, dado que leo menos libros en galego dos que me interesarían) está por recuperar. E como non é (non somos) xente particularmente estúpida, a ferramenta para os escritores non ten por que ser escribir cousas simples, mastigadas, faciliñas e que se poidan ler na secundaria. Imaxino eu que a ferramenta é escribir libros de calidade.

V

A influencia académica é forte na literatura de Galicia e sen dúbida hai unha boa razón sociolóxica, pero causou danos colaterais como o de proscribir de calquera discusión termos como o da “calidade”. En termos académicos é un avance que se desterrase un termo tan arbitrario para o estudo como este, pero creo que na discusión que se mantén entre produtores literarios, ou mesmo na que mantén o propio produtor cos fantasmas da súa cabeza, o concepto debe recuperarse. Non cun significado universalizante, pero eu non podo concibir que un escritor non teña unha idea moi precisa do que é escribir ben e do que é escribir mal. Creo mesmo que sería saudábel substituír o debate entre o “experimental” e o “popular” polo de escribir ben ou escribir mal. Sería un debate igual de inxusto e falso, pero tería a virtude de desprazar o eixo da discusión desde esa normalidade de quen pretende saber como deben ser as cousas até un espazo moito máis pasional e dionisíaco e máis relacionado co pracer material que ler libros, ás veces, dá.

Un é un cidadán de ben e sabe que na sociedade todo está relacionado e entón parécelle unha boa idea botar unha man aquí e outra alá e saber un pouco disto e outro pouco de aquilo, e como ademais o país ten un tamaño accesíbel, á primeira de cambio está xa un na misa e repicando. Eu creo, porén, que se a un de verdade lle gusta escribir e que haxa xente que o lea por gusto e non por militancia ou porque está na programación de cuarto da ESO, debería tratar de estar ao que está na medida do posíbel, e de construírse a ficción de que é posíbel limitarse a escribir e ademais facelo porque si. Repito: a ficción. Non é que todos nos fagamos inocentes de pronto, senón de xogar a que o somos a ver que pasa. Descreo de que sexan positivas actitudes moi frecuentes como a do escritor-sociolingüista, que cando senta a traballar pensa cousas como: “e que libro necesitará a miña literaturiña?”, ou a do escritor-editor, que coñece perfectamente todos os pasos do mundo da edición e asume as miserias dos editores ou dos libreiros como as súas propias, ou a do escritor-pedagogo, que para a conservación da lingua prefire producir libros que non renxan moito en unidades didácticas. Estou falando, ollo, de actitudes ante a folla en branco e non de pluriemprego (se un é realmente sociolingüista ou editor ou pedagogo, pois tampouco pasa nada: más triste es robar). Aínda que só se traballe no asunto unha hora á semana, eu creo que é mellor tratar de ser escritor-escritor esa hora á semana, aínda que só sexa porque eses momentos de pracer nos que un se decata de que acaba de dar con algo que lle gusta tanto que deixa de pensar en lectores e se envorca no seu propio pracer como un corricho, creo que son os que acaban transmitíndolles aos lectores, paradoxalmente, unha sensación similar, como de “uf, nunca lera algo así”. E o xogo vai diso.

VI

E se escribindo libros de calidade un considera que así e todo os lectores son poucos e deberían ser máis (porque tampouco depende só de quen escribe os libros), eu recomendaría pensar que ao mellor non está tan mal ter poucos lectores se son bos e sinceros e máis ou menos fieis e críticos sen pasarse. Gústame pensar a literatura en termos de “escena” tal e como se fai en música, por exemplo. Non coñezo definicións moi precisas disto, pero entendo que se refire a unha comunidade moi localizada de persoas cunha afección moi forte por unha práctica concreta. Ninguén se fai rico así, e desde logo que non se fai país. Pero se un non aspira a unha cousa nin á outra, a escena permítelle asumir as limitacións cuantitativas como regras do xogo e ser o máis feliz posíbel nun círculo reducido pero fiel ao que lle interesa o seu traballo. O mundo non é tan grande e non todas as persoas poden aspirar a que o que a elas lles gusta sexa maioritario. Os entendidos en cogomelos, os músicos de dark ambient, os fanáticos dos espectáculos de sombras chinesas, os que ven torneos de sumo pola televisión, os coleccionistas de vinilos de rumba dos 70, os filatélicos e os sadomasoquistas non se preocupan por estas cousas. Supoño que teñen razón.

22 de set. de 2014

No corazón do bosque

O próximo xoves, 25 de setembro de 2014, estarei falando no ciclo Escrita(s), acaso o único evento cultural que se celebra no meu propio barrio. Será ás 19h no local Almáci(gas) (travesía de Basquiños, 14). A miña conferencia é de moito medo e titúlase "Do futurismo á música industrial: fascismo e vangarda no corazón do bosque". Este é o resumo da cousa:

"A historia oficial e lineal do fascismo xorde nas marxes do primeiro socialismo europeo, cristaliza nuns poucos gobernos até 1945 e, de aí en diante, apenas asoma puntualmente a cabeza en forma de vandalismo ou de resposta desaforada á crise. Acaso esta sexa a única narración unitaria posíbel. Porén, se descompoñemos esta narración en historias diversas, encontraremos formas de fascismo nos lugares más inesperados e, nomeadamente, no ámbito da creación artística. Presentada como unha escolma amoral de contos de aventuras dos séculos XX e XXI, esta disertación ten por obxectivo aterrorizar o auditorio definindo o fascismo como aquela forza oculta (emboscada) sempre disposta a dar contido a calquera significante baleiro."


1 de out. de 2013

A voz do seu amo

Este é o texto que lin (si, lin; non é o meu estilo pero esa mañá non tiña a cabeza para improvisar) o xoves pasado no CUVi de Vigo, na mesa redonda "Ser ou non ser posmoderno? As oportunidades perdidas e os ciclos pechados" organizada pola AELG. O outro participante, que era Alberto Lema, leu isto á súa vez. E o Diario Cultural emitiu isto ao respecto (aí pola metade do audio).




Cinismo, ironía e hermenéutica: me cago en Dios e na cona de Cristo

Como a calquera, fascínanme as cousas escuras e esotéricas. Poñédeme diante unha banda de neonazis e posibelmente cague por min pero non sexa quen de deixalos de mirar. Regaládeme un disco no que a voz estea ecualizada moi baixa e o fondo sonoro sexa unha nota grave de sintetizador e uns pasos sobre a neve e con certeza soará moitas veces na miña casa. Mellor se pode ter unhas runas viquingas na capa, e xa se os membros do grupo poden ser os neonazis de antes, é moi probábel que exacule. Son así. Demasiada televisión, non o sei.

Noutra época, eu tamén fun á universidade. Fun durante moitos anos para facer diferentes cousas. Comecei en 2000: eran tempos de vacas gordas, ou pronto viñeron. A universidade estaba ben porque aprendías moitas cousas. Para persoas coma min, que temos un imán para todo o que supoña un sobreestímulo, era un lugar fabuloso. En 2003 fun vivir a Barcelona, que como sabedes é unha cidade moi moderna, e nalgunhas materias dunha cousa que estudaba eu que se chamaba antropoloxía aparecía por momentos algo chamado posmodernidade, sobre o que normalmente se opinaba pero nunca se definía. O esoterismo do asunto cautivoume moi pronto (mesmo se na miña universidade, é xusto recoñecelo, non se tiña unha enorme confianza nestas cousas). Comecei a ler libros que non entendía moi ben (Vattimo, Lyotard, Baudrillard) e que por sorte daba aproveitado para traballos académicos. Aprendín que a posmodernidade era unha cousa que se explicaba por medio de listas nas que a grandes trazos o primeiro concepto pertencía ao campo semántico da seriedade e a rixidez e o segundo, que era o bo, ao campo semántico da brincadeira e do humor. Todo cousas flexibles, ambiguas, elásticas. Como podía un resistirse a cousas como o rizoma ou a máquina desexante, tan como de Looney Tunes? Non se entendía nada, pero iso era en parte o fascinante e, ante todo, era unha cousa de xente moderna, ou do que eu viña chamando xente moderna e que en realidade era xente posmoderna. Como for, esteticamente todo casaba con todo e eu escribín un libro que se chamou dz ou o libro do esperma no que metín todo o que se me pasou pola cabeza ben mesturado con ocorrencias e sarcasmo porque quería facer literatura posmoderna (pero sen dicilo, que os escritores posmodernos nunca din que o son). Por sorte eu tiña vinte e poucos anos e só era un neno de Tui vido a máis, e como nunca entendera moi ben a Lyotard e todos aqueles señores, o meu proxecto, por esteticista e pedante que fose, trataba de ter un discurso último emancipador. Se fose posmoderno de todo, daríanme moita risa e unha pouca lástima os proxectos emancipadores en xeral. En todo caso o bicho estaba aí, parido.

Hoxe todo se derruba ao noso redor e eu son un señor de máis de trinta anos que sabe que un só pode traballar se vai ao estranxeiro (onde eu mesmo veño de aguantar dous anos) ou asome que lle paguen mal para, no mellor dos casos, ter un traballo dos de traballar, e non dos de ler libros para interpretar o seu posíbel significado. Quero dicir que nos anos da burbulla inmobiliaria eu, que era moi novo para querer ter un piso, vivín nunha auténtica burbulla especulativa de datos e coñecementos. Até comecei unha tese de doutoramento sobre Jean-Luc Godard que madia leva ía ser a nai de todas as teses e que hoxe me fai rir un pouco e chorar outro pouco. Agora só espero que me dean un carné de antigo alumno da universidade ou algo así para poder sacar algunha triste novela da biblioteca. Enfín, estades nunha universidade, así que xa sabedes como está o patio. Pero non me resisto a emparentar a crise do mundo universitario que estamos a vivir coa crise da posmodernidade tamén na literatura, en tanto que ambas crises son, en boa medida, a crise do coñecemento especulativo. Cando un ten fame non pode dicir que todo é ficción. E se moitos teñen fame, o que segue a dicir que todo é ficción, por pouca fame que teña el, é un desgraciado.

Poñamos por caso a ironía. A primeira vista, calquera con dous dedos de frente diría que a ironía é unha forma intelixente de rebelarse contra o poder. E que, en boa lóxica, é máis boa que mala. E porén, chegados a un tempo no que a ironía é a norma, non podemos seguir cegados co relato de que a ironía tamén é a excepción. Se até os anuncios da tele son irónicos é porque estamos nun punto no que a ironía é autosuficiente. Penso que está demostrado que a actitude irónica dá orixe sistematicamente ao cinismo e que este, por moi á moda que estea, é un sentimento como de clases explotadoras (e se non o considerades demostrado, convídovos a ler revistas posmodernas como Vice, que por certo é propiedade de Rupert Murdoch desde hai semanas e dubido moito que tal cousa a vaia facer menos corrosiva -ao contrario). O que estou a dicir, parece mentira pero estoullo a plaxiar a David Foster Wallace, o que resulta bastante contraditorio tratándose dun expoñente tan claro de narrador posmoderno, pero o noso tempo é contraditorio. Aparece nun artigo titulado “E unibus pluram: televisión e narrativa americana” (incluído aquí), e di que a ironía é liberadora nunha primeira fase, que vén sendo un desbroce do terreo, por así dicir, pero que despois, como non está deseñada para funcionar construtivamente, acaba sendo a voz dos prisioneiros que chegaron a sentirse cómodos na súa cela. Di Foster Wallace: “Creo que o que a ironía actual acaba por dicir é: 'Pero mira que banal é que me preguntes o que penso en realidade'. Quen teña a desfachatez herética de preguntarlle a un ironista o que pensa en realidade acaba parecendo un histérico ou un moralista. E isto é o opresivo da ironía institucionalizada, do rebelde vitorioso: a capacidade de inhabilitar a pregunta sen que importe o contido é, na práctica, unha tiranía”. Por iso Foster Wallace salvaba da queima a primeira xeración de posmodernos, como Thomas Pynchon ou William Gaddis, como eu salvaría sen o dubidar as “Apoteoses do churrasco” de Suso de Toro. Pero xa. Chegou.

Como for, se ben eu non son ninguén, sería hipócrita deixar isto aquí sen trazar os puntos para unha alternativa. Non propoño volver ao de antes, fose o que fose o de antes. Se unha cousa boa tivo a posmodernidade foi acabar con ideas como a de que a literatura poida servir para facer algo. Aprendeunos que todo é ficción, e é a todas luces un exceso, pero podemos reter que polo menos a ficción é ficción e está ben que así sexa. Así, eu non digo que haxa que adoptar un ton serio á hora de escribir, cousa que ademais segue a ser maioritaria na nosa latitude, senón que hai outras formas de humor que cumpriría explorar. Outras formas de facer as cousas en xeral sen converternos nuns carcamais nin deixar de incluír smartphones ou redes sociais nas nosas ficcións se no mundo existen smartphones e redes sociais. Hai un ano e pico publiquei un libro que se chamou Gran tiburón branco. Cando o presentei falei de por que non era ou eu non pensaba que fose un libro posmoderno e recollín iso nun texto titulado “Contra a interpretación”, como o famoso artigo de Susan Sontag. Nese texto eu víñame cagar en Dios e na cona de Cristo verbo da horrorosa teima de sobreinterpretar. É un trazo ben posmoderno que a partir de calquera elemento, da ficción ou non, se tracen cadeas e cadeas de significados probables, posíbeis ou simplemente desexábeis. Hermenéutica, chámase, e na universidade sabedes destas cousas. Pero agora que non hai universidade, ou que non se sabe onde remata a universidade e onde comeza o Banco de Santander, pregunto: que pasaría se as cousas non significasen? Ou se significasen unha soa cousa? Ou se xogásemos a que, aínda que todo poida significar todo, hoxe as cousas significan unha soa cousa, como desde unha perspectiva certamente reaccionaria, insistía Hemingway en que no seu O vello e o mar non había simbolismo ningún, e o mar era o mar, o vello un vello, o neno un neno e o peixe un peixe? Cantos anos hai que non lemos así (aínda que non sexa polas mesmas razóns que quería Hemingway)? Ou que non escribimos para que nos lean así? Seriamos, en todo caso, menos paranoicos, máis honestos, escribiriamos con máis verbos e menos adxectivos, cantarían os paxaros. Se cadra algunha xente lería libros nosos. Ao mellor até habería unha folga xeral.

25 de set. de 2013

Tempada de outono

Nada. Resulta que o xoves próximo, 26 de setembro, vou estar na universidade. Será na de Vigo, canda Alberto Lema, falando nunha mesa redonda que organiza a AELG e que se titula "Ser ou non ser posmoderno? As oportunidades perdidas e os ciclos pechados". Espero que non sexa como neses soños nos que un reaparece en antigos centros de ensino pero sen pantalón. Lembrarei o pantalón. Fica inaugurada en todo caso a tempada de outono.

 

13 de mai. de 2013

Et après moi, le déluge

O xoves 17 de maio estarei na libraría Orfeu de Bruxelas convidado pola asociación galego-portuguesa Couto Mixto. Vou tocar e cantar (si, cantar) algunhas cancións non moi coñecidas de Ataque Escampe, dicir de memoria algúns textos do meu proto-libro Punk (que algún día se publicará), explicar por que non creo que a música e a literatura teñan nada a ver unha coa outra e contar a xénese do selo Discos da máquina. Veñan se non teñen mellor cousa que facer (e se viven en Bruxelas, claro).

Este é o texto de presentación do acto:

"Samuel Solleiro, músico no grupo Ataque Escampe, membro do selo musical Discos da máquina e escritor, falará sobre o seu inminente libro Punk e mais sobre o que hai detrás do proxecto Discos da máquina.

Se non teñen as orellas moi finas, talvez se atreva a facer un breve showcase acústico dalgunhas cancións de Ataque Escampe.


Et après lui, le déluge."


 

22 de abr. de 2013

L'animale che mi porto dentro vuole te

O xoves 25 de abril estarei na universidade de Granada canda outros amigos cunha conferencia que se titulará: "L'animale che mi porto dentro: paixón, sordidez e contradición na literatura ou de por que non son posmoderno pero talvez si". Ten un título moi pretencioso porque me deron dúas horas para decidilo, pero aínda non sei de que hostias vou falar. E despois á tardiña tocaremos as Ataque Escampe e tal.