Mostrando postagens com marcador artigos. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador artigos. Mostrar todas as postagens

19 de nov. de 2014

Il giardino proibito

O que segue é o texto que escribín para a mesa redonda de narrativa na que estiven hai un par de semanas, canda Berta Dávila e Mario Regueira. Foi no VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os da AELG, no edificio Normal da Coruña. O tema era "As outras. Os outros", isto é, as lectoras e lectores. Na foto non estou durmindo. Estou meditando.
 

















O FEO, O SUCIO E O IMPURO

Scusa tanto
se la vita è così:
non l'ho inventata io.

“Il giardino proibito” (Sandro Giacobbe)

I

Teño moitas rarezas, pero ningunha delas consiste en pensar que é mellor ter poucos lectores que moitos. Comecemos por aí. Hai tempo que non creo no lado romántico da miseria.

Claro que tamén é certo que, nos últimos tempos, a accesibilidade das tecnoloxías da comunicación permitiu a identificación, cuantitativa e cualitativa, desas estrañas persoas que len sen escribir, ou sen publicar polo menos. En efecto, agora sabemos que esas persoas existen, que non son só esa nebulosa anónima que non hai tanto se agochaba despois do cribo que era a editora. Un escritor antes preocupábase de que a editora lle fixese caso, e todo o que pasase despois, co libro editado, non era da súa incumbencia e pertencía ao terreo do marketing.

Agora, de pronto, os lectores existen. E sabemos que son poucos e que son fráxiles. Non porque sexan realmente poucos (poucos comparados con que?), senón porque son un ben e, como tal ben, nocións como a de “escaseza” son agora aplicábeis a eles.

Esta situación, sumada ao feito de, no contexto galego, existir eses detalles sociolingüísticos tan desagradábeis, parecen case obrigar a que se fale destes asuntos en ton de lamento pola perda dos lectores. A min gustaríame evitar na medida do posíbel este ton. Confío en que isto non se tome como unha chamada ao conformismo e si como unha posibilidade de falar un pouco alén de onde a gramática do lamento, que é un tanto limitada, permite.

En todo caso agradezo moito o tema desta mesa, porque falar de lectores é meter o dedo na ferida e as feridas, en certo modo, son para meter os dedos e fozar nelas.

II

De todos modos, se temas como este son infrecuentes, non é porque non se pensase neles senón porque sempre houbo un certo medo a enfrontalos directamente e que a realidade fose máis fea, máis sucia e máis impura do que se pensaba. Foi un pouco como varrer debaixo da alfombra: no fondo sabes o que vai haber debaixo o día que a levantes, pero mentres non te decides a facelo vaste contando un conto e o conto di que a vas levantar e vai haber un campo de margaridas debaixo, e ao mellor un dá aguantado toda a vida sen levantala e leva o conto do campo de margaridas para a tumba con el, pero o día que levantar a levante, o que vai haber é, claro, un criadeiro de ácaros.

Hai unha alquimia, bastante rodada en Galicia, segundo a que calquera problemática literaria, desde as que teñen máis relación co diñeiro e o mundo empresarial até as máis formais e puramente técnicas, tende a transformarse nun discurso identitario. É máis: dá a sensación de que todas as problemáticas son un pouco sórdidas e merecen un certo desprezo mentres non encontran a súa expresión en termos identitarios.

Segundo esta regra, ningún debate pode tomarse moi en serio se non fala de cousas como o que ten que ter a literatura galega para ser galega, como pode a literatura galega contribuír a isto ou a aquilo (á autoestima lingüística ou á independencia de Galicia, digamos) ou como a literatura galega, como un todo, pode facerse valer ante sistemas máis grandes. E tamén se fala moito, en consecuencia, de pureza lingüística, de reintegracionismo ou de efemérides. No mellor dos casos, fálase de identidades diferentes da nacional, como a de xénero.

(Tamén se falaría de raza ao estilo norteamericano se non fósemos todos máis brancos que Cristo: dos que escribimos por aquí eu debo ser dos máis negros en canto á pigmentación e non vou alén de certo toque axitanado).

Este enfoque perpetúa unha visión do mundo basicamente mítica á que non lle preocupan moito as persoas reais agás como actores e actrices dun proxecto identitario que non entende do que hai senón só do que debería haber. As persoas reais son feas, sucias e impuras. O máis probábel é que a lingua na que máis len sexa o español e pode que algunhas até falen nesa lingua. Son, ante todo, moi contraditorias. Sería mellor que fosen invisíbeis, e para iso están os mitos: para evitar ver as cousas que non se queren ver.

Algúns destes mitos son, entre outros, o de que a literatura ten unha labor normalizadora que cumprir; o de que Galicia é unha comunidade nacional orgánica e culturalmente autosuficiente; o de que as interferencias das vidas culturais madrileña ou barcelonesa en Galicia se explican só en termos de intereses foráneos e coloniais; o de que os escritores teñen a obriga moral de tomar posición en todos os procesos que teñan a máis mínima relación coa literatura galega en conxunto, etc.

III

Todo isto ten cristalizado en debates que se presentan na forma de binomios ultrasimples (tipo carne-peixe, mamá-papá, PP-PSOE) que, cunha perspectiva realista, habería que impugnar sen tomar partido por ningunha das dúas opcións, porque están formulados segundo a lóxica do mito e só con esa lóxica poden resolverse: o debate sobre se hai que escribir best sellers en galego, o debate sobre se os escritores deben ser profesionais ou afeccionados, o debate xeracional, o debate sobre se o Día das Letras Galegas ten que conmemorar autores vivos ou mortos, o millón de debates sobre normativas lingüísticas, etc. Estas son algunhas das margaridas que algunha xente pensa que crecen debaixo da alfombra.

E outro deses debates é o da literatura “experimental” fronte á “popular”, segundo o que a primeira tería poucos lectores e moi especializados (hai quen usa a palabra “críticos” para referirse creo que a unhas seis persoas) e utiliza unha linguaxe moi complexa e con pouca acción, e a segunda ten moitos lectores e unha linguaxe máis ben simple e con máis acción. Sería interesante ver como unha análise formalista dunha e doutra literatura seguramente revelaría uns resultados horrorosamente semellantes en ambos bandos.

Eu creo, para empezar, que, no canto de que un libro “experimental” teña poucos lectores e un “popular” teña máis, o que acontece é que se lles chama “experimentais” a libros con poucos lectores e “populares” a libros con máis. Ou sexa, que a sospeita (en base á visibilidade do libro, por exemplo) de que un libro se vai ler pouco, asígnao automaticamente ao caixón do “experimental”.

E creo, ademais, e isto dá máis medo, que temos tan asumido que os libros en galego teñen unhas características temáticas complementarias dos mitos de construción identitaria (alegorías nacionais, personaxes sen contradicións, finais que se ven vir, contextos por defecto, sexualidades descafeinadas) que, no momento no que nun libro están ausentes, se nos faga raro e chamemos ao raro “experimental”, que queda máis fino.

Para o meu libro Gran tiburón branco, por citar un exemplo con pouco risco de erro, tiven como referentes principais autores norteamericanos bastante mainstream (Philip Roth, Joyce Carol Oates, Salinger, Tobias Wolfe ou Lorrie Moore), e non é que queira utilizar eses nomes coñecidos para lexitimar nada nin que pense que o meu libriño é herdeiro digno desas señoras e deses señores, pero si que, como as historias deles, contén construcións narrativamente moi simples que non podo entender que alguén no século XXI considere experimentais en absoluto. E así e todo, seica teño dalgunha maneira esa denominación de orixe, caída do ceo ou de non sei onde.

O lugar no que tal vez deberiamos estar é xa ese no que se asimilaron os recursos experimentais e se utilizan puntualmente como ferramentas expresivas da vella e nobre tarefa de contar historias e contalas ben. Infelizmente, é un lugar difícil para estar se todo o mundo pensa que non existe.

É un pouco como o purgatorio.

IV

Seguir perpetuando estes debates de A fronte a B é unha gran falacia cuxas motivacións principais entendo que oscilan entre xogar a sermos un país como calquera outro (cando é evidente que non o somos, queirámolo ou non) e xogar a sermos un país radicalmente diferente ao resto e até pode que mellor (e tampouco o somos, claro).

Galicia, se algo é, é un país feo, sucio e impuro. Como todos.

Creo que é importante cobrar consciencia disto e asumir que somos unha sociedade híbrida, de pouquiña xente, na que a porcentaxe de persoas con hábito lector ha roldar, se non me engano, a media do sur de Europa. E que desa porcentaxe de persoas unha parte non foi alfabetizada en lingua galega. E que, da parte que si que o foi, hai persoas que así e todo son monolingües en español á hora de escoller as lecturas (entre as que por certo, non me cabe dúbida de que haberá libros difíciles, pouco compracentes ou directamente, agora si, experimentais). Creo tamén que entre as causas para esta elección, o rexeitamento directo é infrecuente. En parte pesan, sen dúbida, os prexuízos. Pero tamén hai que recoñecer que os produtores de libros en galego tiveron -tivemos- parte de culpa. Por de pronto, por perpetuar todo ese aparato mítico e eses debates de ciencia ficción que acabaron por deixar claro que isto non ía alén dunha especie de reunión de antigos alumnos de algures.

Esa comunidade lectora (na que non me caen os aneis por incluírme, dado que leo menos libros en galego dos que me interesarían) está por recuperar. E como non é (non somos) xente particularmente estúpida, a ferramenta para os escritores non ten por que ser escribir cousas simples, mastigadas, faciliñas e que se poidan ler na secundaria. Imaxino eu que a ferramenta é escribir libros de calidade.

V

A influencia académica é forte na literatura de Galicia e sen dúbida hai unha boa razón sociolóxica, pero causou danos colaterais como o de proscribir de calquera discusión termos como o da “calidade”. En termos académicos é un avance que se desterrase un termo tan arbitrario para o estudo como este, pero creo que na discusión que se mantén entre produtores literarios, ou mesmo na que mantén o propio produtor cos fantasmas da súa cabeza, o concepto debe recuperarse. Non cun significado universalizante, pero eu non podo concibir que un escritor non teña unha idea moi precisa do que é escribir ben e do que é escribir mal. Creo mesmo que sería saudábel substituír o debate entre o “experimental” e o “popular” polo de escribir ben ou escribir mal. Sería un debate igual de inxusto e falso, pero tería a virtude de desprazar o eixo da discusión desde esa normalidade de quen pretende saber como deben ser as cousas até un espazo moito máis pasional e dionisíaco e máis relacionado co pracer material que ler libros, ás veces, dá.

Un é un cidadán de ben e sabe que na sociedade todo está relacionado e entón parécelle unha boa idea botar unha man aquí e outra alá e saber un pouco disto e outro pouco de aquilo, e como ademais o país ten un tamaño accesíbel, á primeira de cambio está xa un na misa e repicando. Eu creo, porén, que se a un de verdade lle gusta escribir e que haxa xente que o lea por gusto e non por militancia ou porque está na programación de cuarto da ESO, debería tratar de estar ao que está na medida do posíbel, e de construírse a ficción de que é posíbel limitarse a escribir e ademais facelo porque si. Repito: a ficción. Non é que todos nos fagamos inocentes de pronto, senón de xogar a que o somos a ver que pasa. Descreo de que sexan positivas actitudes moi frecuentes como a do escritor-sociolingüista, que cando senta a traballar pensa cousas como: “e que libro necesitará a miña literaturiña?”, ou a do escritor-editor, que coñece perfectamente todos os pasos do mundo da edición e asume as miserias dos editores ou dos libreiros como as súas propias, ou a do escritor-pedagogo, que para a conservación da lingua prefire producir libros que non renxan moito en unidades didácticas. Estou falando, ollo, de actitudes ante a folla en branco e non de pluriemprego (se un é realmente sociolingüista ou editor ou pedagogo, pois tampouco pasa nada: más triste es robar). Aínda que só se traballe no asunto unha hora á semana, eu creo que é mellor tratar de ser escritor-escritor esa hora á semana, aínda que só sexa porque eses momentos de pracer nos que un se decata de que acaba de dar con algo que lle gusta tanto que deixa de pensar en lectores e se envorca no seu propio pracer como un corricho, creo que son os que acaban transmitíndolles aos lectores, paradoxalmente, unha sensación similar, como de “uf, nunca lera algo así”. E o xogo vai diso.

VI

E se escribindo libros de calidade un considera que así e todo os lectores son poucos e deberían ser máis (porque tampouco depende só de quen escribe os libros), eu recomendaría pensar que ao mellor non está tan mal ter poucos lectores se son bos e sinceros e máis ou menos fieis e críticos sen pasarse. Gústame pensar a literatura en termos de “escena” tal e como se fai en música, por exemplo. Non coñezo definicións moi precisas disto, pero entendo que se refire a unha comunidade moi localizada de persoas cunha afección moi forte por unha práctica concreta. Ninguén se fai rico así, e desde logo que non se fai país. Pero se un non aspira a unha cousa nin á outra, a escena permítelle asumir as limitacións cuantitativas como regras do xogo e ser o máis feliz posíbel nun círculo reducido pero fiel ao que lle interesa o seu traballo. O mundo non é tan grande e non todas as persoas poden aspirar a que o que a elas lles gusta sexa maioritario. Os entendidos en cogomelos, os músicos de dark ambient, os fanáticos dos espectáculos de sombras chinesas, os que ven torneos de sumo pola televisión, os coleccionistas de vinilos de rumba dos 70, os filatélicos e os sadomasoquistas non se preocupan por estas cousas. Supoño que teñen razón.

30 de set. de 2014

Eh tíos, os nazis están entre nós






























O pasado 25 de setembro estiven lendo o meu texto "Do futurismo á música industrial: fascismo e vangarda no corazón do bosque" no ciclo Escrita(s). Foi agradábel estar alí. Porén, ao ter necesariamente que ler o texto e dado que o contido non era tan doado despois de todo, decidín armar unha especie de fanzine cutre, que podedes descargar en pdf aquí, e no que, alén do texto da conferencia, podedes encontrar unha introdución escrita posteriormente e mais algúns extras (artigos para aprofundar no tema, discografía seleccionada, libros, etc.). Espallen por aí o pdf todo o que crean conveniente, pero eh, que non o saiban eles.

28 de abr. de 2014

Facer algo bonito

Camarada: Eu só quería facer algo bonito é o título do primeiro libro de Begoña Díez Sanz (Follas Novas, 2014). O libro presentouse en Compostela a semana pasada e este é o texto que escribín eu para a ocasión e que tivo que ler outra persoa porque eu tiña ocupacións ben máis ingratas que atender a esas horas.


























YO TENÍA UN CAMARADA


Confeso que son un lector de poesía bastante ocasional e que normalmente son incapaz de producir o máis mínimo discurso sobre a linguaxe lírica, fóra de banais “este libro está moi ben” ou “este libro non está demasiado ben”. É a tardiña do xoves 24 de abril e aínda non tiven a oportunidade de ler Camarada: Eu só quería facer algo bonito, pero xa me vou alegrando de que teña un título narrativo e me faga pensar en historias un pouco raras. Algunhas evocan o socialismo, pero, como sempre me pasa, tiro polo lado escuro, lembro que os militantes de Falange Española tamén se trataban de camaradas, como demostra aquela canción (cantar): Yo tenía un camarada / Entre todos el mejor / Siempre juntos caminábamos, / siempre juntos avanzábamos, / al redoble del tambor, e penso unha historia na que un falanxista trata de xustificarse ante o seu superior por un crime consumado cunha crueldade excesiva que na súa alma (pois como todos os fascistas estetiza a realidade) resulta estrañamente fermoso. O seu superior, naturalmente, fará como que o pensa e perdoaráo.


Despois o libro, como era de esperar, demostra que non vai sobre falanxistas nin nada que se lle pareza. É a mañá do venres 24 de abril e onte atopei máis ben que Camarada: Eu só quería facer algo bonito fala de algo que dalgunha maneira rematou para sempre ou está a piques de rematar e non o fixo sequera coa vontade estética do sacrificio ritual do noso amigo o falanxista senón caladamente, deixándose levar polo silencio, polo simulacro, tan banal como a irrupción dun anuncio de playlists para ximnasios no medio dunha reprodución da Noite Transfigurada de Schoenberg en Spotify. E de como o amor é ficción no mellor dos casos e de como o sexo ou algo que se parece ao sexo é ao mesmo tempo unha pastilla que fai soportábeis as miserias e unha máquina de fabricar miserias. E de como o tempo se conxela na ruptura e non deixa de pasar pero pasa con indiferenza, e de como en realidade non se conxela o tempo senón o seu sentido. E de como aí está o rancor, e o rir por non chorar, e o sarcasmo, e a compaixón, e a autocompaixón, e outra vez o sarcasmo, e outra vez o rancor, e a culpa. E de como polo medio aparecen Peter Sloterdijk e María do Cebreiro e un tal Xavier Campos que parece que escribiu a frase do título pero tampouco a aclara, e até eu (eu, señoras; eu, mamá: eu) explicando o febles que somos, porque no fondo entendo que este é un libro que fala sobre a forza e sobre a ausencia da forza ou a necesidade da forza, pero no fondo todos os libros falan sobre a forza ao seu xeito, agás os de cociña e os de gramática. E, enfín, de como todo podía ter sido máis bonito pero non o foi e boeno.


E despois, e é venres xa pola tarde, penso que ás veces as cousas que puideron ser bonitas e non o foron producen resultados inesperados, libros como este, e que menos mal, porque do lado da beleza está o falanxista de antes mirando cos ollos brillantes alternativamente a pila de cadáveres e a cara do seu superior, satisfeito en certo modo, extasiado, feliz de que as cousas saian ben. Yo tenía un camarada / Entre todos el mejor / Siempre juntos caminábamos, / siempre juntos avanzábamos, / al redoble del tambor. Pero nós non queremos iso.

13 de fev. de 2014

Credere, obbedire, combattere

Casapound é unha rede de centros sociais italianos de extrema dereita. "Casapound" é tamén o título do relato meu que vén de aparecer no terceiro número de Luzes. É unha teen sex comedy que acontece nos ambientes fascistas de Roma, un Porky's nacionalrevolucionario fantasticamente ilustrado por Wences Lamas (abaixo, un detalle da ilustración). Pódese ler un fragmento do texto aquí. Para ler o texto completo mellor compren a revista.
Imaxe de Wences Lamas

31 de jan. de 2014

Literatura francesa



















Vén de saír o nº 200 de Tempos Novos. No suplemento ProTexta, que agora está inserido no corpo da revista, aparece un texto que me encargaron: unha visión subxectiva da literatura francesa actual. É este:

Impresións mexicanas*

Hai algúns anos visitei a cidade mexicana de Acapulco. A sensación que me deu foi de ruína, de estar a ver un lugar que estivo moi á moda para os turistas nunha época e que agora malvive en base a unha fama que xa non merece.

Cando me instalei en Francia e me interesei pola súa actualidade literaria (atención, falo sempre de narrativa), a sensación foi moi semellante: o de que os tempos pasados sempre foron mellores é case sempre mentira, pero non o é se se fala de cousas como a conciencia de clase, o sabor do leite e certas verduras ou a literatura francesa.

Teño a sensación de que esta tomou demasiado en serio construír unha oposición á ficción estadounidense, baseada, a grandes trazos, na acción, e que para iso esaxerou un tipo de novela artellada en torno ás ideas e conceptos que xa existía de antes (digamos Camus), sen ter en conta que a condición posmoderna invalidou os temas trascendentes e por iso tantas novelas francesas actuais asemellan tanto a monólogos do clube da comedia.

Detesto as seguintes tendencias:

a) A novela de ideas antes mencionada, sen unha trama forte, na que un personaxe fala e opina de cousas que, a gusto do autor, oscilan entre o intrascendente e o cínico-misantrópico: Frédéric Beigbeder, Amélie Nothomb.

b) A novela pretendidamente escrita nunha linguaxe simple e áxil cuxa simplicidade e axilidade consisten en escribir frases curtas e sen adxectivos pero non son quen de contar que un personaxe fixo unha análise de sangue sen explicar cada un dos pasos que hai que seguir para facer unha análise de sangue: boa parte dos que escriben novela negra.

Michel Houellebecq facía parte do primeiro grupo. La carte et le territoire meteuno de cheo tamén no segundo.

Interésame moito máis unha terceira tendencia:

c) A novela que toma prestados elementos da non ficción e que se chama novela para vendela mellor pero poderíase chamar crónica xornalística: libros como HHhH de Laurent Binet, Entre les murs de François Bégaudeau ou Limonov de Emmanuel Carrère son algúns exemplos. O asunto dos feitos reais non deixa de dar morbo, os personaxes recuperan un papel que talvez sempre mereceron e a dimensión metaliteraria de contar como se escribiu o libro (dun modo máis práctico que teórico) constitúe algo bastante parecido a unha trama.

Como pasa en todas partes, na edición independente é máis doado encontrar cousas que saian da norma (o que tampouco é garante de calidade). Descubrín serodiamente a editora Le Dilettante e grazas a ela lin autoras como Christine Avel (L'apocalypse sans peine) ou Anne Lenner (Cahin-caha). Tampouco senta nada mal botarlle un ollo á literatura en francés escrita fóra de Francia. Este verán morreu o escritor quebequés Gaétan Soucy, cuxo La petite fille qui aimait trop les allumettes ten a estraña virtude de non parecérseme a nada.

Repousa, por último, na miña mesa desde hai tempo a coñecidísima novela Les Bienveillantes de Jonathan Littell. Non sei se é por algunhas frases soltas que lin ou porque a doble nacionalidade franco-estadounidense do autor me fai pensar que talvez tenda unhas pontes necesarias coa (na miña opinión) moito máis interesante literatura norteamericana, pero o certo é que teño grandes esperanzas de me reconciliar grazas a ela con Francia, agora que xa non vivo aí.

* O título non é meu senón da redacción; resulta un tanto estraño, igual que a foto de Acapulco que ilustra o texto. Debe ser a globalización.
 

3 de out. de 2013

Viagem ao princípio do mundo

Botei de xullo a setembro sen actualizar o blogue. Tampouco tiven nada que dicir. Pero estes días lembrei que unha cousa que dicir si que tiven e non a dixen porque era unha soa e uf. O caso é que apareceu un texto meu na sección de creación da revista Grial. É no número 198, correspondente á primavera de 2013. O texto chámase "Despois", contén unha breve historia do universo desde a escuridade dos tempos ignotos até aí por comezos dos anos oitenta e sábeme un pouco mal isto, pero non creo en realidade que Grial vaia perder de facer ningunha venda se eu poño de graza o meu texto aquí, e así.




28 de jun. de 2013

Insensíbeis e sen corazón

Desde xa, podedes encontrar nos quioscos (aínda hai quioscos?) o último número de Sermos Galiza en papel, no que se inclúe un suplemento cunha reportaxe titulada "Galiza, rock distinto" coordinada por Rodri Suárez (que só está na versión en papel, ollo). Na reportaxe, canda Aíd, Sés, Xurxo Souto, Xosé Bocixa, Martin Wu e Antón "Papaqueixos", aparece un artigo meu, no que tiña que falar sobre a presenza das músicas populares (na reportaxe chámanlles "rock", o que non é moi exacto pero si máis curto) na cultura galega. Isto é o que eu escribín:


INSENSÍBEIS E SEN CORAZÓN

Espero dar resposta ao que se me pregunta.

Teño que falar sobre o rock como parte da cultura galega e supoño que o normal nestes casos é queixarse das dificultades da súa aceptación. E porén, eu non penso que hoxe en día siga habendo moitos discursos que exclúan a música popular (o rock é apenas un capítulo desta, pero chamareille rock a todo por abreviar) da cultura galega (cultura tamén é complexo, e galega non digamos, pero hai o espazo que hai: simplifiquemos).

É certo que arrastramos o lastre de dous mitos: un, o da alta cultura, máis universal, segundo o que só a chamada música culta, canda os Beatles, Bob Dylan, certo jazz e pouco máis, sería quen de resistir a comparación con outras artes. E outro, máis noso, o nacional-popular, que reduce o popular ao tradicional (ou a unha versión estática do tradicional, como se fose doado decidir o que é tradicional e o que non) e segundo o que o resto de manifestacións non serían xenuína cultura galega. Para o primeiro mito, o rock fracasa no capítulo “cultura”. Para o segundo, no capítulo “galega”.

Eu creo honestamente que ambos mitos están hoxe desactivados na maior parte dos ámbitos e que a importancia do rock na cultura galega está amplamente aceptada, non sendo que esteamos a falar dunha aceptación institucional (se aceptación implica medallas Castelao, viva a invisibilidade). Outra cousa é que se falamos de rock cantado en galego fronte ao rock noutras linguas se dea un conflito lingüístico análogo ao que existe noutros ámbitos, mais entendo que ese é outro asunto.

No entanto, estas queixas pola pouca consideración cultural do rock existen e son un pouco parte do propio ritual do rock. E as ansias por devolverlle a este o “estatus que merece” adoitan acabar na defensa dunhas supostas relacións entre rock e literatura (máis concretamente poesía) que considero falsas, cando non perigosas.

Acontece que a poesía goza dun enorme capital simbólico: unha persoa que non goste dela, xa saben, é insensíbel e non ten corazón. A insistencia en aproximar o rock da poesía trata de contaxiar aquel do capital desta, co resultado involuntario de facelo subsidiario dela (fálase da poesía no rock, xamais do rock na poesía) e despreocuparse da calidade ou da innovación musical porque, xa se sabe, o importante son as letras das cancións. E tanto social como formalmente, unha boa canción non debería parecerse a un bo poema máis do que un tigre a un gato.

E acontece tamén que en Ataque Escampe está Roi Vidal con obra poética e dramática e mais eu, que tamén teño algún libro, e como ademais soemos dedicar máis de tres minutos a escribir as letras das cancións, todo o mundo dá por suposto que somos xente moi sensíbel (que non digo que non) e que as nosas cancións son pura poesía.

Pero non.

Roi Vidal e o alcalde de Carral: rima fácil

1 de abr. de 2013

Ese polaco que entra nun bar

Hai cousa dun ano encargáronme reseñar para a revista Protexta o libro O prezo da fama de Slawomir Mrozek, que viña de publicar Rinoceronte. Despois o número de Protexta saíu con retraso (eu dei conta aquí) e por razóns técnicas, en todo caso alleas a min, non incluíu esta reseña. Póñoa aquí para que non se perda totalmente. Nalgún momento pensei en esperar que morrese Mrozek, pero estas cousas non deixan de dar mal rollo. Mellor agora.

Foto de Mariusz Kubik



















Ese polaco que entra nun bar. Slawomir Mrozek, O prezo da fama (Rinoceronte, 2012)

Existe unha estirpe de narradores que nunca son os máis coñecidos aínda que sexan coñecidos e que, enfrontados á situación de reciclar a sintaxe dun xénero preliterario para a súa obra, evitan os máis canónicos (o mito, a lenda, a liturxia) e escollen un menos prestixiado: o chiste. Slawomir Mrozek pertence a esta estirpe, canda outros como Quim Monzó, Javier Tomeo ou ese grande autor inxustamente relegado ao gueto infantoxuvenil que é Gianni Rodari. Evidentemente, non se trata de que escriban chistes, este é apenas un préstamo estrutural e talvez tamén un estado de ánimo para encarar a trama e que, madia leva, non lles impide a estes autores xurdidos da improbábel cópula entre Kafka e Eugenio tratar temas graves, amargos ou sórdidos se a ocasión o merece.

Desde O elefante (1957) até este O prezo da fama (1996), a narrativa breve de Mrozek segue un esquema similar: amplos catálogos de textos pechados, nos antípodas da tranche de vie como de Chéjov e dos popes do microrrelato, malia a súa breve extensión: nestes textos os personaxes non sobreviven ao punto final, non o precisan, cumpriron o seu papel, como no mundo do chiste o maricón que entra nun bar nunca terá unha vida fóra do bar e o chorado Mistetas nunca reaparecerá ouveando de medo na porta da señora. A descrición é simplemente eficaz, un par de trazos para contextualizar historias que por veces se constrúen cos alicerces dos tópicos: o que hoxe chamamos mañá, mañá volve ser hoxe; un neno non sabe que a hora muda conforme o tempo vai pasando; un computador rebélase contra o seu propietario; un tipo interpreta todas as normas ao pé da letra e resulta ridículo. Só falta a compra dun loro nunha paxararía. E porén a resolución sempre reborda as expectativas do lector, pois supón un desequilibrio para unha situación en aparencia simétrica e ese desequilibrio destila unha crueldade francamente sa. Dito doutra maneira: o recurso ao chiste dura o que dura o plantexamento da historia, pero nos mellores textos un xiro inesperado esquiva a piada final e desínflanos as expectativas e, por veces, o corazón.

E despois, a Polonia socialista. Pobre contexto na medida en que o país é enorme e o socialismo durou máis de corenta anos, pero a historia nacional está moi presente malia que a tradución (moi lexíbel por outra banda) por veces nos sorprenda falando de pesetas ou de personaxes que se poñen a falar español. Talvez o máis interesante d'O prezo da fama sexa precisamente que nalgúns textos xa se narre a chegada do capitalismo ao país e que Mrozek lle faga extensiva a súa sátira, que ademais leva un envoltorio de enorme decepción. Se penso que os textos de crítica ao capitalismo son os mellores do volume non é por esquerdismo meu, que tanto ten, senón porque entendo que un Mrozek que levaba décadas perfeccionando a súa crítica á burocracia socialista, ao verse confrontado a unha situación diferente soubo mirar arredor e desenvolver recursos máis frescos, contrariamente a tantos artistas que consagran a súa carreira á crítica dun réxime e cando este cae ven caer canda el toda a súa inspiración.
O que lle pasou a Mrozek, por desgraza, foi que nese momento lle chegou a vellez. Ou o cansazo, ou a enfermidade, ou a apatía. Non o sabemos. Non o sei. O que é certo é que non volveu escribir contos desde comezos dos noventa. E vivo está.

21 de mar. de 2013

Fifty Shades of Samuel Solleiro

Ao final, non sei, un cóllelle o gusto a ler cousas en internet e despois comentalas aquí. Non todos os días pero así de cando en vez. Por exemplo: veño de ler o artigo “Porno para mamás?” de Eli Ríos n'A sega, a conto da novela Fifty Shades of Grey de E. L. James como transmisora da ideoloxía patriarcal (aquí). Concordo, en principio, bastante co artigo. E mesmo se non concordase, a miña discordancia tería que expresarse por forza desde a inferioridade de quen non leu o libro nin o vai facer porque a vida non é tan longa e a curiosidade non é tan grande como para andar a ler o que a un en realidade non lle apetece (e se son 1800 páxinas, menos). En todo caso, e dado que o artigo parece destinado a persoas na miña situación, collo aire e decídome a matizar algunhas cousas.




Con efecto, concordo bastante co artigo pero teño a sensación de que falta algo. En cinco parágrafos, Ríos fala da súa experiencia lectora e fai un breve resumo do argumento da obra. O sexto parágrafo comeza coa frase: “A construción da masculinidade patriarcal desta obra é o que me ten intrigada e abraiada.” O problema é que non se explica suficientemente, ao meu entender, en que consiste a construción da masculinidade patriarcal desta obra: a seguir veñen algunhas consideracións sobre as relacións entre os personaxes e unha conclusión. Quero pensar que, a estas alturas da película, o problema do libro non será o comportamento dos personaxes. Vamos, digo eu.

É dicir: Fifty Shades of Grey é unha obra de ficción. As lectoras e os lectores de Fifty Shades of Grey saben que é unha obra de ficción e en que consisten as obras de ficción. Nin a persoa que escribe un libro debería sentirse responsábel dos seus personaxes nin, madia leva, a persoa que le o libro debería traspasar os seus sentimentos sobre estes á vida real. Ao contrario: sempre na miña opinión, non só se pode senón que se debe permitir que os personaxes de ficción teñan os comportamentos máis abxectos e perversos. Para iso están, en certo modo: para permitirnos asistir a situacións humanas extremas sen que ningunha persoa real sufra, un fermoso milagre que nin a páxina máis inocente de La voz de Galicia podería reproducir.

Acontece que os contidos das obras están, moitas veces, sobredimensionados, talvez porque son a parte máis fácil de detectar (se falamos de sexismo, é máis fácil aplicalo ao contido dun libro, onde hai habitualmente “mulleres” e “homes” que ao uso do estilo indirecto ou da anáfora, pero máis fácil non significa mellor). Porén, os contidos son seguramente (e precisamente por fáciles) a parte menos preocupante dun produto artístico. Hai algunhas semanas seguín unha polémica a conto dun artigo da revista Diagonal no que se falaba do machismo no ámbito da música indie (o artigo principal é este; o resto de episodios da polémica procúrenos vostedes en google, fagan o favor). O artigo era moi valioso, sobretodo por facer unha lectura política dun ámbito que moitas veces pretende estar alén de toda política. Pero, por desgraza, caía no gran defecto de equiparar, ou mesmo priorizar, os episodios machistas nas letras das cancións sobre os episodios machistas nas prácticas do día a día no mundo da música (esas que fan que as mulleres xamais toquen o baixo nin a batería, xa saben). A razón: talvez certa preguiza. Con efecto, para detectar o machismo nas letras é suficiente ficar na casa e escoitar discos, e para detectalo noutros lugares, hai que estar nesoutros lugares presencialmente e, moitas veces, probabelmente ser de facto unha muller. E, salvando as distancias, estamos no mesmo lugar: unha novela que narra historias brutais é necesariamente un produto brutal, fabricado por unha persoa brutal e que corre o risco de brutalizar os seus lectores? Eu quero pensar que non. Suficientes cousas brutais pasan na realidade como para que ademais teñamos que preocuparnos das que pasan nas novelas.

 Outro debate é se o mundo do BDSM (bondage-dominación-sumisión-masoquismo), porque entendo que por aí van os tiros do libro, é necesariamente sexista. Eu non o teño tan claro. Arríscome outra vez a falar do que só coñezo por lecturas (xúrolles, de verdade, que non teño un látego no paraugueiro), pero diría que, ao contrario, a subcultura BDSM teatraliza de tal maneira as auténticas relacións de poder, con todo ese coiro e toda esa parafernalia, que supón en boa medida unha parodia do status quo. Mesmo sen coiro polo medio: unha relación amo-escrava asumida por ambas partes como xogo, como representación, non podería ser liberadora na medida en que explicita o que habitualmente está implícito?

Non o sei. Pregunto.

Pero o que si que é certo é que teño debilidade, como consumidor de cultura, polos produtos explícitos. Ollo: non quero xogar ao xogo do politicamente incorrecto, que para ben ou para mal no Estado español é patrimonio da extrema dereita de Salvador Sostres e compañía. Con todas as contradicións que queiran, estas liñas pretenden ser feministas. Mais hai xa un tempo que (volvamos á música) prefiro un “Smack my bitch up like a pimp” que un “Y ahora que no estás aquí me doy cuenta cuánta falta me haces”, aínda que só sexa porque no primeiro caso o conflito aparece na superficie e no segundo os estereotipos do campo léxico do amor me fan pensar no marido que, durmida a borracheira, baixa comprar un ramo de rosas por se acaso. Porque o que trato de dicir non é que non haxa novelas ou cancións machistas, senón que o machismo non está necesariamente onde máis facilmente parece encontrarse.
 
O verán pasado uns amigos e mais eu arrastramos durante varias semanas unha desas discusións que non teñen solución e por iso volven ao centro da conversa durante varios días. O detonante foi unha canción española, hoxe xustamente esquecida pero que nalgún momento estivo á moda: “Cuando brille el sol” de La Guardia (aquí), e a discusión versaba sobre se era a canción máis machista da historia da humanidade. A miña postura era que si. Pero precisamente paréceme tan machista a causa do evidente da letra, do lóxicos e naturais, por presentes na tradición do pop, que parecen os reproches que o narrador da letra lle fai a unha especie de antiga amante. Non hai unha problemática, non hai complexidade, nin sequera hai un contexto porque a reacción do narrador pretende ser tan universal e tan de sentido común que a historia non trata de individualizarse de ningunha maneira. Agora ben, o problema da canción non é que o narrador da letra sexa un desgraciado, senón como a música despreocupada lle quita importancia a que o sexa, como a utilización de estereotipos pop dificulta a súa lectura en clave de ficción e, enfín, como a natureza comercial da música invisibiliza, universalizándoa, a discriminación. Non menos desgraciado é o narrador do tango “Confesión” de Discépolo (arriba, en versión de Julio Sosa), e porén a súa complexidade psicolóxica impide, ao meu entender, calquera acusación de machismo para a canción (para unha análise feminista deste e outros tangos recomendo este artigo de Dolores Juliano).

 Quero dicir con isto algo tan simple como que é imposíbel pór de manifesto o machismo, ou calquera outra ideoloxía, dun produto cultural se non se menciona a forma, as ferramentas coas que ese produto se construíu. Fifty Shades of Grey tenme toda a pinta (lembren: non o lin) de ser extremadamente machista, pero non porque un personaxe castigue a súa muller por non facerlle de comer, senón porque adiviño unha visión edulcorada de todo isto: unhas formas suaves, unha narrativa neutra, transparente, unha linguaxe consensual.

Tema á parte é o “que facer” con este tipo de produtos. Espero que conveñan comigo en que a resposta máis intelixente a esa pregunta sería “nada”. Ou, en todo caso, promover sempre que sexa posíbel lecturas críticas que poñan de manifesto as súas contradicións. Evitalos por medo a contaminarse só pode crearlles unha aura de obxectos prohibidos que non merecen (outra cousa é evitalos por medo a perder o tempo, pero ese é outro tema). E en realidade hai que pensar que as persoas adultas teñen unha total capacidade para discernir o que é a ficción do que é a vida. Preocuparse a priori da posibilidade de que algunhas persoas talvez non a teñan é, no fondo, unha crenza patriarcal.

18 de fev. de 2013

Feliz como un watusi: Mosimanegape Nts’ihlele

Após uns meses de pausa, retomo o espazo Feliz como un watusi en Letra en Obras. Nesta sexta entrega cóntolles as aventuras e as desventuras dun escritor relixioso de Lesotho: outro país que non me colorea moito o mapa.

"Mosimanegape Nts’ihlele e a inocencia recobrada". Aquí.


















Artigos anteriores:

24 de jan. de 2013

Best sellers

-->
Teño insistido moito en que este non é exactamente un blogue. Porén, de cando en vez senta ben escribir un post como se o fose. É o caso do que segue.






















Chego, através do web Letra en Obras, a un artigo do novelista Pedro Feijoo en Galicia 21 (aquí) no que, a partir da súa novela Os fillos do mar, reflexiona sobre a necesidade de que se escriban best sellers en galego. O debate sobre os best sellers é un fantasma que regresa cada certo tempo ás nosas letras e supoño que a todas. Non é que eu vaia agora responderlle a Pedro Feijoo ou cousa parecida, digamos que apenas utilizo o seu artigo como lanzadeira para dicir un par de cousas que xa quería dicir de antes. Tampouco lin Os fillos do mar nin teño a posibilidade de facelo nos próximos meses, probabelmente sexa unha boa novela, vamos, que non van por aí os meus tiros. Por outra banda en Letra en Obras (aquí) comezou un pequeno debate sobre isto (no que, polo que vou lendo, o usuario chamado “Vidal” emite opinións próximas ao que vou dicir eu). Se eu veño escribir aquí no canto de participar no debate é porque non me sinto moi a gusto discutindo no medio electrónico e mais por esa perla da sabedoría popular que di algo como que onde mellor se caga é na casa, con perdón.

Un best seller é un libro que foi moi vendido ou un libro que se considera que ten determinadas características que, talvez, farán que se venda moito? Definir isto é fundamental para argumentar calquera cousa. Feijoo declara adoptar a segunda definición, pero opera coa primeira sempre que lle convén (de Memorias dun neno labrego pode un gostar ou non, pero parece obvio que non é un libro na tradición de Dumas). Por moitas características en común que compartan moitos best sellers, a cantidade de best sellers con outras características é suficientemente importante para invalidar todo isto. Así, a única definición prudente paréceme a primeira, e por iso defender a escritura de best sellers é, de entrada, un contrasentido, xa que cando un best seller se convirte en best seller suponse que xa foi escrito antes.

Perogrulladas á parte, e falando do que é necesario e do que non, se consideramos best sellers os libros de Umberto Eco ou de James Ellroy ou a saga Mundodisco de Terry Pratchett (e como argumentar que non o sexan, mirando cifras?), a min paréceme que si, que seguramente sexa preciso escribir libros como eses: complexos, ben escritos, cun traballo considerábel detrás e, sobretodo, diferentes. Pero moitas veces a postura que aparece neste debate, e temo que a reivindicación que Feijoo fai de certas novelas do XIX vai nesa liña, é máis ben unha defensa dos libros simples, mastigados, profundamente conservadores e que se poden escribir en poucos meses porque o seu público potencial non ten moitas luces nin moitas ganas de complicarse a vida. O que obvia, entre outras cousas, o feito de que as persoas estúpidas do noso país, que as hai, normalmente non len libros de ningún tipo, que isto non é Suecia e que temos a cultura lectora que temos (nada do que sentírmonos orgullosos, pero traballo dos profesores e pedagogos, non tanto dos escritores) e que probabelmente as lectoras e lectores de calquera libro son xente, no mínimo, espilida e con sentido crítico. Fagan a proba de percorrer un tren de punta a punta e contar os libros de Tom Clancy, Stephenie Meyer ou Dan Brown que encontren. Non moitos, verdade? En todo caso, verán moitos máis teléfonos, Voces de Galicia e xente que mira a caluga do que ten diante. En realidade, pretender falar dos gustos do público como se se puidesen coñecer de antemán os gustos do público ten sempre un fondo aristocrático.

E despois, a falacia da normalización. O que hai que normalizar, digo eu, é a lingua galega. Que a literatura teña que exorcizar a normalización que a lingua non ten, é inxusto, é esaxerado e é comezar a construír a casa polo teito. Os best sellers sono en tanto que produtos emitidos por un sistema empresarial normalizado á súa vez. Pretender escribir un best seller nun contexto literario no que se venden 200 exemplares dun libro é bastante absurdo, e mesmo no caso de que teña éxito, en que pode consistir este? En esgotar catro edicións? (non sei cantos exemplares son iso, uns 3000 talvez?) Ben en todo caso polo autor, que poderá pagar o alugueiro dun ano, pero iso non vai salvar unha lingua nin un sistema empresarial nin a cultura lectora dun país. Se hai unha convención nos medios de comunicación para minimizar a presenza dos libros escritos en galego e unha dependencia tan grande das políticas de subsidios que provocan que un conselleiro bote un peido hoxe e todos os produtores culturais do país amenzan afogados mañá, non é completamente imposíbel producir un auténtico best seller con total independencia do que haxa escrito nas páxinas do libro? E non sería máis práctico ofrecer algo diferente do que xa se escribiu un millón de veces para tratar de crear para os libros algo semellante ao concepto de “escena” que se utiliza en música? E non é este, por certo, un debate que se dá case punto por punto en todas as literaturas do mundo, por moi normalizadas que parezan estar?

En todo caso, e falando non en nome da “literatura galega” nin dos “lectores” senón como o lector individual que son, si que boto en falta en moita da literatura escrita na miña lingua a capacidade de entreter, evadir e transmitir paixón, algo perfectamente louvábel. Pero non porque os máis dos libros sexan culturalistas ou académicos ou pallas mentais posmodernas (seino porque destas últimas perpetrei algunha hai algúns anos e, aínda que nunca o lamentarei o suficiente, non creo lembrar que fósemos moitos precisamente a escribilas), senón porque non son arriscados, porque se escriben moi ás présas talvez e porque teñen, ao meu xuízo, a pretensión de converterse en best sellers sen pasar o enorme traballo que ten que supór escribir un best seller digno e salvando do “xénero” só os elementos máis superficiais (é dicir, os elementos que asocian aos best sellers a xente non lectora de best sellers): a saber, historias manidas, moralexas, frases feitas e bos sentimentos. Nada que, na miña forma de ver, entreteña, evada ou transmita paixón, senón, máis ben ao contrario, obstáculos. Pensar que os libros culturalistas, académicos e posmodernos son unha merda, está moi ben e compártoo en boa medida. Pensar que son o que impide que a literatura escrita en galego despegue, é unha distorsión da realidade. As elites das que fala Feijoo, quen son exactamente? Caneiro? A ver, non é que o autor teña que dicir nomes e apelidos, pero, non sei, institucións, universidades, editoras... algunha pista debería dar. Se non a dá (e non a dá), que queren que lles diga, sóame todo un pouco a illuminati, a conspiracións reptilianas e a terrorismo galego.

Volvo ao comezo: que é, logo, un best seller? Entra Philip Roth como best seller? Mal non debe venderse, vaia, e ademais é doado de ler, entretido e fácil de identificarse cos personaxes, pero ben escrito e con riscos. E Joyce Carol Oates? E J. M. Coetzee? Se si, excelente. Pero dáme a sensación de que o que se está a procurar ás veces é un pretexto para escribir mal (e de novo, non teño motivos para pensar que sexa o caso de Pedro Feijoo) ou para escribir o de sempre. E honestamente, o que a literatura galega precisa ou deixa de precisar non o sei, que hai tempo que me absteño de falar pola voz desa señora, pero creo poder saber que os lectores en todo caso merecen outras cousas.

Feijoo engade a todo isto que non é o asunto do seu artigo falar de calidade literaria.

E de que fala un escritor cando non fala de calidade literaria?

De iphones?