Mostrando postagens com marcador cinema. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador cinema. Mostrar todas as postagens

31 de mai. de 2013

Fräuden





























En cousa de horas no momento de escribir isto vaise inaugurar no bar A Medusa de Compostela (praza Salvador Parga, 1) a exposición "Karl Fräuden. Cartaces de cinema. 1973-2013", comixariada por Xosé Carlos Hidalgo, que recolle unha selección de cartaces de filmes do artista gráfico suízo Karl Fräuden. Este é o web da exposición, que poden visitar até o 31 de xuño (o 31 de xuño non existe, pero a exposición si: vaian).

Eu colaborei redactando a sinopse do filme Sabotaggio. Esta:

Sabotaggio. Lorenzo Cucchiara, Italia, 1973, 136 min, 35mm, b/n

Única e inaudita experiencia de Bud Spencer e Terence Hill no cinema “serio”, esta produción de Dino de Laurentiis, hoxe case esquecida, é un importante elo perdido na historia do cinema italiano que cómpre revisitar.


Após a negativa de diversos directores a realizar este filme (Vittorio de Seta e Pier Paolo Pasolini entre outros), finalmente foi dirixido por un descoñecido Lorenzo Cucchiara. Simpatizante do marxismo autónomo, Cucchiara, que escribía unha columna sobre cinema no xornal Lotta continua, asumiu o proxecto con grande entusiasmo na medida en que traer a célebre parella ao terreo do melodrama político supuña un achegamento radical entre o proletariado e os intelectuais.
 

Enrico (Bud Spencer) ten a muller enferma e tres fillos que alimentar, e traballa duro nunha fábrica de legumes en conserva. Un día chega á fábrica
Gino (Terence Hill), un exaltado sindicalista que proclama a necesidade da acción directa. Enrico e Gino non poderían ser máis diferentes, e créase desde o comezo unha enorme tensión entre ambos. Porén, os dous comparten un escuro segredo que os une ao seu pesar e os obriga a actuar conxuntamente.


Filme esixente co espectador, de forte calado psicolóxico e con poucas concesións ao establishment da época, Sabotaggio non interesou os fans do dúo Spencer-Hill, nomeadamente pola ausencia de pelexas. “A loita de clases non se fai a base de golpes-martelo”, declarou un decepcionado Cucchiara, “senón de fouce e martelo; é outra cousa”. O filme ficou relegado a pequenos círculos militantes e nin sequera a trepidante secuencia da conferencia de Toni Negri é recordada hoxe en día. Con todo, se ben o proxecto foi un absoluto fracaso no aspecto político (e en case todos os aspectos), o traballo
conserva unha frescura inédita e estraña que fai del un filme de culto fóra de toda dúbida.


SABOTAGGIO Italia, 1973, 136 min, 35mm, b/n | Dirección: Lorenzo Cucchiara | Guión: Pancrazio Mangione | Produción: Dino de Laurentiis | Intérpretes: Bud Spencer (Enrico), Terence Hill (Gino), Andrea Pantarrese (o patrón), Alessandra Terlizzo (Valeria), Nadia Cassini (a monxa), Francesco Ciccarone (Maurizio), Antonio Negri (himself).

24 de set. de 2012

Signum crucis























 Acaba de aparecer o último número (e derradeiro en papel, disque) do Boletín Galego de Literatura, dedicado a algo chamado "textualidade dixital". O meu artigo chámase "Signum crucis: a historia do cinema como encrucillada en Jean-Luc Godard e Harun Farocki" e trata de explicar como eses dous señores, que son directores de cinema, tratan a historia do ídem non en si senón como un punto no que se cruzan as historias doutras cousas. Se non o entenderon aquí, talvez o entendan no abstract:

"O filme Histoire(s) du cinéma (Jean-Luc Godard, 1998) supuxo, fóra do ámbito puramente fílmico, unha toma de posición controvertida sobre a propia disciplina da historiografía, pois, mesmo se metodoloxicamente non é prudente adscribilo claramente a esta, ten puntos en común con ela que ultrapasan a barreira institucional da disciplina. Neste traballo analízase o momento no que esta reflexión sobre a historia se concreta na historia do propio medio cinematográfico e examínase como a idea principal a este respecto implica unha apertura de natureza interdisciplinar na súa xenealoxía, de modo que o arquivo da historia do cinema non é puramente fílmico e o cinema é un capítulo na historia de moitas outras cousas. No entanto, admítese que o traballo de Godard ten unha dimensión monumental e melancólica (debida á súa propia centralidade na institución cinematográfica e á lexitimidade autorial que dela resulta) que dá lugar a unha escuridade formal e a un certo conservadorismo que contrastan coa súa visión anovadora da historia. Como antídoto, proponse un diálogo coa obra do realizador alemán Harun Farocki, cunha visión próxima á de Godard pero liberada da pesada carga autorial deste, e exemplifícase cun dos seus filmes (Arbeiter verlassen die Fabrik, 1995) a mencionada idea de que o cinema é un capítulo na historia doutra cousa –neste caso, do traballo".

2 de jul. de 2012

Amsterdam, etc.

Xa sei que é un pouco absurdo mesturar as cousas que un publica no ámbito académico coas demais, pero eu vouno facer. As primeiras caracterízanse porque veñen en libros máis caros que non están realmente pensados para que ninguén os lea. Ás veces son tamén de lectura máis difícil, pero creo que non é o caso. Ou si, non sei.

Veño de saber da publicación recente dun libro colectivo, URBES EUROPAEAE II. Ciudades europeas: Imaginarios culturales ante la globalización / Europäische Städte im Zeichen der Globalisierung, ahí es ná, no que se inclúe a tradución ao castelán dun artigo meu, "A cámara recíproca: Amsterdam Global Village de Johan van der Keuken e a confrontación co real no espazo urbano".

Repito: son consciente de que ninguén vai comprar este libro (29,90 euros con artigos en alemán, italiano, francés e castelán) para ler na súa piscina municipal preferida, pero hostia, é que se non o poño aquí é como se non existise, e soas estas cousas non se fan aínda que pareza mentira.

Deixo un cachiño do filme Amsterdam Global Village (1996), que á fin é do que se trata.