31 de mai. de 2013

Fräuden





























En cousa de horas no momento de escribir isto vaise inaugurar no bar A Medusa de Compostela (praza Salvador Parga, 1) a exposición "Karl Fräuden. Cartaces de cinema. 1973-2013", comixariada por Xosé Carlos Hidalgo, que recolle unha selección de cartaces de filmes do artista gráfico suízo Karl Fräuden. Este é o web da exposición, que poden visitar até o 31 de xuño (o 31 de xuño non existe, pero a exposición si: vaian).

Eu colaborei redactando a sinopse do filme Sabotaggio. Esta:

Sabotaggio. Lorenzo Cucchiara, Italia, 1973, 136 min, 35mm, b/n

Única e inaudita experiencia de Bud Spencer e Terence Hill no cinema “serio”, esta produción de Dino de Laurentiis, hoxe case esquecida, é un importante elo perdido na historia do cinema italiano que cómpre revisitar.


Após a negativa de diversos directores a realizar este filme (Vittorio de Seta e Pier Paolo Pasolini entre outros), finalmente foi dirixido por un descoñecido Lorenzo Cucchiara. Simpatizante do marxismo autónomo, Cucchiara, que escribía unha columna sobre cinema no xornal Lotta continua, asumiu o proxecto con grande entusiasmo na medida en que traer a célebre parella ao terreo do melodrama político supuña un achegamento radical entre o proletariado e os intelectuais.
 

Enrico (Bud Spencer) ten a muller enferma e tres fillos que alimentar, e traballa duro nunha fábrica de legumes en conserva. Un día chega á fábrica
Gino (Terence Hill), un exaltado sindicalista que proclama a necesidade da acción directa. Enrico e Gino non poderían ser máis diferentes, e créase desde o comezo unha enorme tensión entre ambos. Porén, os dous comparten un escuro segredo que os une ao seu pesar e os obriga a actuar conxuntamente.


Filme esixente co espectador, de forte calado psicolóxico e con poucas concesións ao establishment da época, Sabotaggio non interesou os fans do dúo Spencer-Hill, nomeadamente pola ausencia de pelexas. “A loita de clases non se fai a base de golpes-martelo”, declarou un decepcionado Cucchiara, “senón de fouce e martelo; é outra cousa”. O filme ficou relegado a pequenos círculos militantes e nin sequera a trepidante secuencia da conferencia de Toni Negri é recordada hoxe en día. Con todo, se ben o proxecto foi un absoluto fracaso no aspecto político (e en case todos os aspectos), o traballo
conserva unha frescura inédita e estraña que fai del un filme de culto fóra de toda dúbida.


SABOTAGGIO Italia, 1973, 136 min, 35mm, b/n | Dirección: Lorenzo Cucchiara | Guión: Pancrazio Mangione | Produción: Dino de Laurentiis | Intérpretes: Bud Spencer (Enrico), Terence Hill (Gino), Andrea Pantarrese (o patrón), Alessandra Terlizzo (Valeria), Nadia Cassini (a monxa), Francesco Ciccarone (Maurizio), Antonio Negri (himself).