–E se casase cunha cebra? –preguntou
Donald, indignado–. Un rabino casaríaa cunha cebra?
–Unha cebra ou un cebú?
–Que é un cebú?
–É unha vaca oriental cunha gran
xiba. Hoxe moitas mulleres abandonan os seus homes para ir cun cebú.
Que dixeras?
–Non creo, francamente. Un rabino non
tocaría unha cebra, non pode facer tal cousa. Son animais que non
teñen o pezuño fendido. Para que un rabino oficie na voda dunha
persoa cun animal, este debe rumiar e ter os pezuños fendidos. Un
camelo, por exemplo. Un rabino pode casar unha persoa cun camelo.
Unha vaca, calquera tipo de gando, unha ovella... Un rabino non pode
casar alguén cun coello, xa que se ben o coello rumia, non ten
pezuños fendidos. Ademais comen a súa propia merda, o que parece a
primeira vista un punto ao seu favor, xa que mastigan o alimento tres
veces, pero requérese que sexan dúas veces, nin máis nin menos.
Por esta razón un rabino non pode casar unha persoa cun cocho, non
porque o cocho sexa sucio, ese non é o problema e non o foi nunca. O
problema é que o cocho, malia ter os pezuños fendidos, non rumia. A
cebra pode que rumie ou non, non o sei, pero non ten os pezuños
fendidos e, para os rabinos, unha soa irregularidade abonda para
ficares excluído. O rabino pode casar unha persoa cun touro, madia
leva. O touro é como unha vaca. É o animal divino. O deus canaanita
El, do que os xudeus tiraron o Elohim, é un touro. A Liga
Antidifamación trata de minimizar isto mais, gosten ou non, o El de
Elohim é un touro! A paixón relixiosa básica consiste en adorar un
touro. Que carallo, Donald, os xudeus deberiades estar orgullosos
diso. Todas as relixións antigas eran obscenas. Sabes como
imaxinaban os exipcios a orixe do universo? Calquera rapaz pódeo ler
na súa enciclopedia. O deus masturbábase e o seu esperma saía
voando e creaba o universo.