Acaba de aparecer o último número (e derradeiro en papel, disque) do Boletín Galego de Literatura, dedicado a algo chamado "textualidade dixital". O meu artigo chámase "Signum crucis: a historia do cinema como encrucillada en Jean-Luc Godard e Harun Farocki" e trata de explicar como eses dous señores, que son directores de cinema, tratan a historia do ídem non en si senón como un punto no que se cruzan as historias doutras cousas. Se non o entenderon aquí, talvez o entendan no abstract:
"O filme Histoire(s) du
cinéma (Jean-Luc Godard, 1998) supuxo, fóra do ámbito
puramente fílmico, unha toma de posición controvertida sobre a
propia disciplina da historiografía, pois, mesmo se
metodoloxicamente non é prudente adscribilo claramente a esta, ten
puntos en común con ela que ultrapasan a barreira institucional da
disciplina. Neste traballo analízase o momento no que esta reflexión
sobre a historia se concreta na historia do propio medio
cinematográfico e examínase como a idea principal a este respecto
implica unha apertura de natureza interdisciplinar na súa
xenealoxía, de modo que o arquivo da historia do cinema non é
puramente fílmico e o cinema é un capítulo na historia de moitas
outras cousas. No entanto, admítese que o traballo de Godard ten
unha dimensión monumental e melancólica (debida á súa propia
centralidade na institución cinematográfica e á lexitimidade
autorial que dela resulta) que dá lugar a unha escuridade formal e a
un certo conservadorismo que contrastan coa súa visión anovadora da
historia. Como antídoto, proponse un diálogo coa obra do realizador
alemán Harun Farocki, cunha visión próxima á de Godard pero
liberada da pesada carga autorial deste, e exemplifícase cun dos
seus filmes (Arbeiter verlassen die Fabrik, 1995) a mencionada
idea de que o cinema é un capítulo na historia doutra cousa –neste
caso, do traballo".